Neira Vilas e a Romaría de historias (Galaxia)

| Sin comentarios

romaria de historiasUnha fermosa colleita de cereixas

Romaría de historias, Xosé Neira Vilas, Editorial Galaxia,
2015, 152 páxs., 14.00€

Unha homenaxe á gran figura de Xosé Neira Vilas, recentemente desaparecido, pode consistir na lectura da última obra que publicou en vida, Romaría de historias, á que el adoitaba referirse como un texto experimental. Editada agora por Galaxia, a obra resulta, en efecto, atípica pola súa estrutura, pero non pola súa temática. Aquí está o Neira Vilas que coñecimos, aquí a esencia da súa literatura, que tanto amamos, a defensa da aldea e do mundo rural, que, como sinala na cita de John Berger que encabeza o libro, parece a piques de desaparecer. Neira Vilas recoñece influencias que van desde Dos Passos a Cela, autores experimentais, pero eu encontro en ‘Romaría de historias’ ese punto galaico-irlandés do que tantas veces lle falei ao propio Neira. Isto, máis que un remuíño de sombras, é unha colleita de cereixas, anécdotas, fragmentos da vida e da morte. Sacadas do cesto da experiencia ao chou. Coa memoria profunda que Neira Vilas tiña, aquí brillan estas epifanías: é unha literatura patchwork. E recordame moito a Mitoloxías, ese compendio de historias rurais de William B. Yeats, en particular O crepúsculo celta. Como en Mitoloxías (excelente a tradución de Javier Marías ao español, entre outros), aquí mestúrase a antropoloxía coa maxia, coas crenzas relixiosas e pagás, coas pantasmas, coa terra, co doméstico, o humorístico, o inexplicable, o íntimo, o cotián. Unha despedida emocionante dun home imprescindible para a nosa cultura. / J. M. GIRÁLDEZ

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.