UNHA VIAXE ao interior das tebras da memoria, é o argumento principal de As últimas galerías, a primeira novela do gran poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, que acaba de publicar Galaxia. A traxectoria de X. M. Álvarez Cáccamo é, sen dúbida, unha das máis importantes entre os nosos escritores contemporáneos. Posuidor dunha pureza formal que moi probablemente vén da poesía e da súa paixón filolóxica, As últimas galerías é unha das mellores novelas que se publicaron en lingua galega nos últimos anos. Construída cun elegante equilibrio, a historia que Álvarez Cáccamo nos presenta aquí, contada en primeira persoa, ten ese aire confesional que converte en cómplice á voz narrativa, necesaria para levantar os veos da desmemoria da súa nai, internada nun xeriátrico, pero tamén para levantar os veos dalgúns segredos que permanecen adormentados no pasado. Cáccamo mantén o pulso narrativo cunha mestría incomparable. As emocións van chegando con ritmo delicado, ata que as vidas dos proxenitores do protagonista se revelan ante nós coa tenrura dos amores primeiros, pero tamén coa dor dos anos da guerra e a ditadura, coas terribles consecuencias do trauma, coa constatación do dano brutal nas conciencias e no corazón. Un Alfa Romeo érguese como símbolo, xunto a dous elementos imprescindibles tamén: as fotografías familiares en branco e negro e un feixe de cartas cheas de algo máis que nostalxia. E a conversación: tentando penetrar nos escurecidos túneles da memoria da nai, onde habita o esquecemento e o segredo. Unha viaxe emocionante.
As últimas galerías
Xosé M. Álvarez Cáccamo,
Ed. Galaxia, 2015,
199 páxs. 16€