Ignacio castro e o ‘estrondo da comunicación’

| Sin comentarios

pontes co dianoESTE LIBRO de entrevistas co filósofo compostelán Ignacio Castro, presentado xa hai uns meses, ofrece unha mirada distinta a outros formatos, como o ensaio, porque está baseado na conversación, na espontaneidade, non na narrativa longamente elaborada. Por suposto, o que lemos en Pontes co diaño é moi elaborado, e da a xusta medida deste extraordinario estudioso do noso tempo, analista destacado dos territorios da sociedade de información, e, por suposto, dos lados escuros do capitalismo. Co paso do tempo, Ignacio Castro converteuse nun filósofo imprescindible do cotián, sen perder as súas referencias clásicas, como Nietzsche. Castro multiplicouse nos últimos tempos, aínda que é certo que nunca deixou de escribir: para os amigos, para Frontera D, para quen queira escoitarlle. Se recordo con reverencia Votos de riqueza, tamén é certo que este libro ofrece unha visión moito máis poliédrica de Castro, grazas, sen dúbida, á pericia dos entrevistadores. As entrevistas aquí reunidas (doce, en total: poderían ser bastantes máis) semellan unha mostra representativa. O que se revela é a loita de Ignacio Castro contra as verdades aceptadas por unha sociedade consumista, domada, e encamiñada a seguir normas rigorosamente vixiadas. Castro é un apocalíptico e non está disposto a conceder espazo á integración descaradamente forzada nos parámetros mediáticos, tecnolóxicos e económicos do presente. Capaz de illarse do ruído contemporáneo (“estrondo da comunicación”), como xa demostrou con feitos algunha vez (Roxe de sebes), Castro pon en cuestión as verdades aceptadas, as obrigacións impostas, cunha mirada radical sobre o grave impacto nos individuos das tecnoloxías da información na era dixital.

Pontes co diaño,
Encontros con Ignacio Castro,
Corsárias Ensaio, 2015,
150 páxs.

Deja una respuesta

Los campos requeridos estan marcados con *.