A noite de Darío Villanueva e McLuhan

| Sin comentarios

NO ATENEO COMPOSTELÁN, CON DARÍO VILLANUEVA

Pasei polo Ateneo de Santiago de Compostela, na Rúa do Villar, a escoitar a Darío Villanueva. O Ateneo compostelán é un dos meus lugares predilectos, porque todo nel rezuma a esencia do que amo. Este luns o catedrático Villanueva falaba de McLuhan, un filósofo demasiado creativo, por dicilo dalgunha maneira, moi literario e pouco sistemático. Falei co profesor Villanueva mentres caía unha noite case tropical, en presenza do tamén profesor Estévez-Saá, ao terminar a conferencia, e díxenlle que me sorprendía o seu interese en McLuhan, sendo a mente de Villanueva, eu creo, profundamente racionalista. Pero el, con as súas discrepacias, comparte en gran medida o universo McLuhan, ou a galaxia, como algúns dixeron. Engadiu Villanueva que McLuhan, auténtico gurú da comunicación e creador de tantos conceptos sobre os media que sobreviviron para a posteridade, poidera ter quedado como un escuro profesor de literatura (inglesa) nalgunha universidade minoritaria: pero tivo a sorte de reinventarse como investigador e como docente, até o punto de que, segundo Villanueva, as súas clases en Canada eran auténticas performances, e non faltaron alumnos que se queixaran de que McLuhan non seguía o programa, nin nada que se lle parecese ao programa da súa materia, senón que o seu discurso era irrefreable, persoal, mediático, e, probablemente engaiolante.

O certo é que o científico canadiano non pasou como un escuro profesor de literatura (era, en realidade, un bo profesor de literatura), senón que conseguiu alzarse ao cumio mesmo da análise dos medios de comunicación, e do que el chamou a Galaxia Gutemberg e o seu choque cos modernos medios eléctricos, que ían permitir, dicía, crear esa idea de aldea global intercomunicada, que é a que temos hoxe. McLuhan foi, por tanto, un visionario, que acertou en moitas cousas. E iso que, como Darío Villanueva dixo moi ben, apenas coñeceu o inicio dos computadores domésticos. Non puido ver algo tan próximo ás súas formulacións como Internet, ou o desenvolvemento das redes sociais, algo que, sen dúbida, lle tería fascinado.

Como me adoita pasar en todas as charlas de Villanueva, que flúen cunha facilidade extraordinaria, deixeime levar da súa man cara aos seus territorios favoritos. Darío Villanueva establece multitude de ligazóns e referencias con outros nomes e outras ideas cando fala, e non faltou aquí a presenza de Umberto Eco, tan semellante en moitos dos seus intereses, ao propio McLuhan. “Foi moito máis un integrado que un apocalíptico”, dixo, en alusión á famosa obra de Eco. E iso, a pesar da formación conservadora do profesor da Universidade de Toronto. Integrado, si. Mesmo para crer que o libro electrónico desbancaría dunha vez por todas ao papel. Xa na súa época existía o debate, e McLuhan chegou a dicir que o libro impreso desaparecería en torno ao ano 1980. Non ocorreu, evidentemente. Pero si desapareceu o propio McLuhan ese ano. “A morte impediulle ver que se equivocou nas súas predicións. O libro impreso segue ahi, con forza”, dixo Darío Villanueva. “Pero acertou noutras moitas cousas”.  Xa na rúa, Darío mostrouse a si mesmo como un integrado. Como membro da Real Academia da Lingua Española, os medios eléctricos, eses que caracterizan as ensinanzas de McLuhan, son moi importantes para espallar o coñecemento dun idioma, as súas palabras, as súas regras, mesmo a súa pronuncia (como se fixo recentemente coa lingua galega: “unha gran tarefa. Co castelán sería difícil, porque son tantas as posibilidades fonéticas, en virtude das variedades, que resultaría inabarcable”.

Gozo moito coas cousas que programa o Ateneo compostelán. Creo que fai moito ben á sociedade desta cidade. Todo o que sexa apertura, modernidade, vangarda, razón, ciencia, progreso, humanidade, paréceme pouco. Creo tamén que é un labor nada presuntuoso, como adoitan ser os grandes traballos, que vai marcar unha época: que espero que sexa longa.

Fotografía de Darío Villanueva: páxina web da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.