Unha vez escribín que San Pedro era o mellor barrio do mundo. Non vivo en Compostela dende hai demasiados anos, pero volvo con toda a frecuencia que a distancia me permite, chegando a pasar cando menos catro ou cinco semanas ao ano no barrio.
E dende esta perspectiva persoal escribo estas liñas, porque me intraquiliza o ambiente que observo en San Pedro, porque me preocupa o que escoito e leo nos medios e nas redes sociais sobre a situación que se vive actualmente no barrio.
Resumo nestes puntos o meu parecer individual, dende unha perspectiva sesgada polo propio feito de vivir lonxe, e sen pretender falar por ninguén. Vaia tamén por diante que considero que estamos ante un conflicto de convivencia cun grande problema social que ten moi difícil solución se non aportan todos os actores implicados:
- Sería un erro abordar este conflicto dende unha clave política, porque é obvio que as drogas non entenden de siglas nin de partidos, é un problema de saúde pública que nos podería tocar a todos nun entorno próximo independentemente de ideoloxías ou sustratos sociais.
- Estreitamente ligado ao problema do consumo e adición ás drogas atópase o do TRÁFICO ilegal destas sustancias, coa venda en varios puntos do barrio de sobra coñecidos polas autoridades municipais e pola Policía Nacional.
- Vinculado en maior ou menor medida aos dous puntos anteriores xurde dende hai tempo un problema de ocupación de vivendas que, é obvio, non é de competencia municipal. Con todo, cabe destacar que a propia natureza do noso barrio implica que non esteamos a falar de vivendas okupadas por familias víctimas da crise en inmobles propiedade de sociedades especuladoras ou “fondos voitre”. No noso barrio o común son vivendas construídas ou mercadas cos aforros de moitos anos de traballo e esforzo, en ocasións na emigración, no que era para os nosos maiores un plan de pensións para a súa xubiliación ou unha herdanza que permitise a os fillos un futuro mellor. Ademais, nalgunhas delas semellan ter lugar actividades ilegais.
- A veciñanza de San Pedro é heteroxénea e destaca pola súa apertura e tolerancia, abre os seus brazos a diario a peregrinos e visitantes, moito máis alá da Festa da Primavera, as cacharelas de San Xoán ou as Festas do Barrio. Os veciños e as veciñas que VIVEN e TRABALLAN aquí todo o ano son os que realmente coñecen a realidade diaria das nosas rúas.
- Son precisamente estes veciños os que sofren a diario a sensación de inseguridade asociado ao tráfico de drogas, son eles e elas os que conviven con situacións de violencia verbal e física entre estas persoas que viven na marxinalidade, son os nosos nenos e nenas os que teñen medo de ir sós á escola ou pola rúa a determinadas horas, son os nosos maiores os que temen ser víctimas dun tirón de bolso, non xa por perder un puñado de euros, senón por sufrir unha caída ou mancarse.
- Este clima de inseguridade para os veciños que residen no barrio ten ademais unha consecuencia económica para todos aqueles que rexentan un negocio ou realizan aquí a súa actividade profesional. De novo é ben sinxelo decatarse de que non estamos a falar de grandes firmas internacionais con sede no barrio, senón de pequenos autónomos, emprendedores e emprendoras que teñen na súa pequena empresa o seu medio de vida. Se ás fatais circunstancias asociadas ao coronavirus nas que nos atopamos, lle engadimos este clima de inseguridade, moitos locais comerciais que lle dan vida ao noso barrio poden ter os días contados.
- Precisamente estes tempos de Covid que vivimos non son favorables a grandes concentracións de persoas que permitan unha maior visibilidade dun problema que afecta a todo o barrio e mesmo a toda a cidade. San Pedro é a entrada para milleiros de peregrinos que chegan a Compostela facendo o Camiño francés, pero debe ser sobre todo un lugar onde poder vivir tranquilos, sen medo a sentarse a descansar nun banco da Praza 8 de Marzo, sen que ninguén moleste a nosa intimidade familiar petando na fiestra para pedir un anaco de papel de aluminio, sen medo a aparcar o coche na rúa co temor de atopar ao día seguinte unha ventá rota…
- O primeiro paso para poder solucionar un conflicto é recoñecer a súa existencia, tomar en serio a gravidade do mesmo e facer unha análise que permita unha actuación para atopar unha solución.
Esta reflexión pretende ser un berro, unha chamada de atención, unha posta de coñecemento dunha situación ante as autoridades pertinentes para que o noso barrio continúe a ser, probablemente, o mellor barrio do mundo.
#porunSanPedroseguro