Carta aberta á miña ex

| 4 Comments

Paderborn, Nadal de 2018

A verdade é que non sei se empezar esta carta con un “querida” ou cun neutral “ola” que me permita comezar a confesarche todos os meus sentimentos despois de tanto tempo sen te ver ou ter falado contigo.

Esta non é unha mensaxe escrita na madrugada dunha bebedeira na que che digo que te boto en falta ou un impulso por whatsapp do que me vaia a arrepentir durante a resaca de mañá. Se cadra sería mellor que non fose así, pero a verdade é que te levo aínda tan dentro de min, que decidín enviarche estas liñas, que sinto tal e como escribo.

Esta carta é a proba irrefutable de que nunca puiden superar a nosa ruptura, por moitos que sexan os anos que levo lonxe de ti. Sei que non ignoras que dende hai tempo teño outra relación, aínda que imaxino que, no fondo, ti sabes tan ben coma min que eu xamais puiden realmente esquecerme de ti. Si que é certo que fun quen de refacer a miña vida e que teño unha nova familia, pero pódoche asegurar que non pasa nen un só día sen que lembre o noso; sin que pense no que puido chegar a ser entre nós e que, por desgraza, finalmente non puido ser.

Despois de todo, creo que non é nada sorprendente que siga namorado de ti coma un tolo, aínda que sen ti chegara a acadar a seguridade que ao teu carón imaxinaba cando era pouco mais ca un pícaro.

Medrei contigo, descubrimos xuntos os primeiros bicos, os primeiros aloumiños. Xuntos vivimos a nosa adolescencia e os nosos anos universitarios ata licenciarnos xuntos. Foron moitas noites e demasiadas alboradas como para esquecelas sen dor… Foron tantas as experiencias que vivimos xuntos, tantas risas con amigos e compañeiros de facultade, tantas horas de biblioteca, tantos cafés, tantos nervios antes de cada exame… Fixémonos adultos da man, vivimos grandes momentos de sufrimento, pero tamén de éxito, emoción e alegría. Agora, estando tan lonxe de ti, lembro moitas desas imaxes co agarimo e coa morriña que nos dan os anos e os kilómetros.

A verdade é que a vida non se ten portado mal comigo, e quizáis por iso estaste a preguntar por que escribo estas liñas. Recoñezo que son feliz coa outra e que ela me trata ben; de feito ela dame máis mecos e valórame moito máis do que ti fixeches nunca.

É certo que ela non ten a túa alegría de vivir, o teu bo humor nen a túa graza, fáltalle a túa paixón e o teu carácter, pero tamén hei de ser xusto e recoñecer que ela consegue darme a estabilidade que ti me prometeches e nunca me soubeches dar.

Eu funme da túa beira como estudante de intercambio cunha bolsa Erasmus, con alegría e xa botándote de menos, pero coa plena seguridade de que algún día volvería para estar para sempre ao teu carón. Estaba convencido de que a miña ausencia só sería temporal e que nun futuro próximo había retornar para estar canda ti e xa non nos separar xamais.

Pero entón ti comezaches a enganarme. Ao primeiro foron mentiras sen demasiada importancia e eu cría todas as túas escusas, sen querer aceptar que cando nunha relación de parella un pide tempo, case sempre significa que xa chegou o principio da súa fin. “Só é unha crisis temporal”, dicíasme. Afirmabas que “pronto todo había ser coma antes”, e eu, miñaxoia, quíxente crer.

Aínda que paso tempadas moi boas, mentiría coma un Xudas se non recoñecese que cada vez que te vexo sinto algo especial. Onde houbo lume queda borrallo, e eu de cada vez que volvo verte (algo que non sucede máis de dúas ou tres veces no ano), reavívanse esas chamas que mostran o meu inevitable desexo de volver aos teus brazos.

Cando lle digo aos meus amigos de aquí que todavía te boto en falta, chámanme parvo e pídenme que te esqueza de vez. Repróchanche que te portaches mal comigo e din que non me mereces; que non has cambiar nunca. Cando argumentan amentando que a outra me convén máis e que é mellor partido ca ti, eu sempre lles replico que a felicidade nunca se mediu en euros. Moitos deles apenas poden crer as miñas verbas cando lles repito que, pese a todo, volvería de contado ao teu lado se ti mo pedises.

Se algún día realmente acordas, Galicia, chámame, porque ti sabes onde atoparme. Namentres, eu seguirei con ela, con esta Alemaña que de momento é quen de ofrecerme todo o que ti non podes ou non queres darme.

Talvez sexa un pouco babeco, pero despois de todo, e como ben deberías saber, eu nunca deixei de quererte.

Sabes que non te esquezo.

Un galego emigrante

4 Comments

  1. emocionante e verdadeiro.
    🙂

    So engadir unhas palabras q dixo Yosi e que fago miñas, e que reflexan o sentimento que temos hacia o noso, «Non sei se vou ir ó ceo ou ó inferno, pero si que sei que irei desde GALICIA»

  2. Que sentimento tan fermoso e forte por Galicia.Só espero que te valore como mereces.
    Un bico Lito.

Deja un comentario

Required fields are marked *.