LOMCE

A LOMCE en secundaria. A programación a partir de estándares.


O noso máis sincero agradecemento a Noemí Álvarez, autora deste artigo.

Noemí Álvarez Villar é profesora de Lingua galega e Literatura no ensino secundario e na actualidade traballa como asesora de Idiomas na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. É autora de libros de texto para a materia de Lingua galega e Literatura no ensino secundario, así como doutras obras de investigación sobre a Lingua galega e a súa literatura, como a obra Por que o cola-cao non está no dicionario?, un estudo sobre a situación das palabras procedentes de marcas rexistradas na lingua galega.

Ademais, participou con comunicacións en diversos congresos nacionais e internacionais e ten experiencia en impartición de cursos de formación do profesorado.

Coa chegada do curso 2015-2016 o profesorado debe realizar as programacións didácticas para cada nivel educativo, que no caso de 1º e 3º de ESO deben adaptarse por primeira vez á LOMCE.

Esta adaptación implica que as programacións deben estar elaboradas a partir do currículo establecido no Real Decreto 1105/2014, de 26 de diciembre, por el que se establece el currículo básico de la Educación Secundaria Obligatoria y del Bachillerato. (BOE 03/01/2015) e máis concretamente en Galicia do especificado no DECRETO 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG 29/06/2015).

Os novos currículos presentan como principal novidade os estándares de aprendizaxe, especificacións dos criterios de avaliación que permiten definir os resultados de aprendizaxe e que concretan o que o alumnado debe saber, comprender e saber facer en cada disciplina. Deben ser observables, medibles e avaliables, e permitir graduar o rendemento ou o logro alcanzado. Deben contribuír a facilitar o deseño de probas estandarizadas e comparables.

 

Os estándares aparecen no currículo establecido, polo que a programación para un curso escolar, para un nivel educativo determinado, ten que contemplar todos os estándares que o currículo establece para esa materia nese curso. A partir dos estándares aparecerán tamén os criterios de avaliación e os contidos correspondentes, así como a contribución ao desenvolvemento das competencias clave e os obxectivos de etapa que aparecen relacionados no currículo con cada estándar de aprendizaxe.

 

Polo tanto, o primeiro paso para programar é analizar todos os estándares especificados no currículo da materia para o nivel educativo correspondente e concretar a temporalización para cada un deles. Parece o máis doado organizalos en unidades didácticas, de tal xeito que a temporalización de traballo e avaliación de cada estándar xa quede determinada.

O seguinte paso é organizar as sesións durante as que se vai desenvolver cada unidade, concretando as diferentes actividades. Igualmente é preciso describir os procedementos e instrumentos de avaliación para esa unidade didáctica e, en consecuencia para os estándares que describe o currículo e que se abordan nesa unidade didáctica.

Ao concretar a avaliación, tamén é preciso indicar cal é o grao mínimo de consecución do estándar para poder superar a materia. Esta medición, en moitos casos pódese facer con rúbricas.

 

Os estándares determinan as novas programacións e mesmo o sistema de avaliación e motivan unha avaliación máis homoxénea entre o profesorado.


Leave a Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *