Inicio > Galiza Vaiven > Viaxar no tempo

Viaxar no tempo

jueves, 24 de diciembre de 2015

Unha das aspiracións científicas que máis ten animado a imaxinación dos seres humanos, viaxar no tempo, xa é posible. De feito é a forma habitual na que facemos moitas das nosas viaxes. Non se alarmen, non imos a traernos aos dinosauros do xurásico, nin se perderon a noticia tecnolóxica do século. Explícome.

Cada vez que nos desprazamos, facémolo en dúas dimensións: no tempo e no espazo. Recorremos unha certa distancia nun tempo determinado, de aí que a velocidade se mida (perdón pola obviedade) en, por exemplo, quilómetros por hora. Pero mentres o tempo é unha variable totalmente abstracta, o espazo é unha variable que se concreta asociándose a unha xeografía ou a unhas xeografías determinadas. Cada viaxe significa o transcurso dunha serie de segundos, minutos ou horas que en esencia son todos iguais, sen embargo o recorrido é absolutamente distinto. Ou máis ben solía ser. Eis aquí o cambio.

Na viaxe tradicional recorriamos lugares, paisaxes concretas poboadas de montañas, pontes, igrexas, viñedos, fábricas, castelos, etc, etc. Sen embargo, a medida que a tecnoloxía nos permitiu aumentar a velocidade a dimensión espacial foise volvendo cada vez máis difusa. Viaxamos en avión, por riba das nubes, onde non existe a xeografía ou a unha altura onde as curvas da paisaxe desaparecen. Viaxamos en trens de alta velocidade, a través de túneles, trincheiras e, en definitiva, de espazos cada vez máis baleiros de significado. Non é de estrañar que hoxe nos AVEs ninguén mire xa pola ventá, non so a causa do que sucede dentro, onde as pantallas das tablets ou dos smartphones pasaron a absorber toda a atención, senón tamén a causa de que o que sucede fora, á vista exterior, non ofrece ningunha información relevante.

Non estraña, por tanto, aquela anécdota do Denzel Washington, que estando en San Sebastián para recibir o premio correspondente a 62 edición do festival de cine, declarou “sentirse moi contendo de estar no Mediterráneo”. Non creo que sexa atribuíble exclusivamente á suposta ignorancia dos norteamericanos, senón que máis ben é un síntoma dun modo de desprazarse que permite moverse entre dous puntos distantes varios miles de quilómetros sen pasar por ningún lugar intermedio recoñecible, sen ningunha referencia. Desprazámonos nunha única dimensión, a temporal. Gañamos velocidade, pero estamos a perder algo importante, que ten que ver coa esencia do ser humano. Do mesmo modo que se nos escaparía algo imprescindible se nas conversas cotiás nos limitaramos a intercambiar un ola e un adeus.

 

Gonzalo Rodríguez

 

Galiza Vaiven

  1. antolin
    sábado, 26 de diciembre de 2015 a las 10:46 | #1

    Fermoso artigo, don Gonzalo. Totalmente de acordo,hai cousas que perdemos coa evolución. É a nostalxia da Viaxe a Ítaca: cando emprendías esta viaxe, cantaba o autor, tiñas que pensar que o camiño tería que ser longo e cheo de aventuras e coñecementos; e o remate da viaxe sabías moi ben o que era Ítaca. O pracer de viaxar por viaxar, por coñecer o camiño e, xuanto a el, lugares con encanto, estase perdendo. Que as árbores, ou a velocidade, non nos impidan ver o bosque.

    Unha aperta, e felicidades polo artigo.

    • Marcos Lorenzo e Gonzalo Rodríguez
      domingo, 27 de diciembre de 2015 a las 13:02 | #2

      Antolín, grazas polo teu comentario. Como sempre sácaslle máis brillo do que merece este textiño. Das no cravo cando falas da nostálxia, na miña mente está a memoria das viaxes en tren do pasado, dos interminables campos de castela, das luces da estación de Medina del Campo pola noite, dos cruceiros sobre os illotes do Ulla, ou da sorpresa dos cañons do Cabe cando fas a liña Ourense-Monfote. Pero tamén está a preocupación pola forma de aprender sobre un mundo que dende os avións parece plano e inconexo, pola necesidade de substituir esas fontes de coñecemento que eras as viaxes por outras distintas, non sei cales.

  1. Sin trackbacks aún.