Archivo

Archivo para diciembre, 2015
jueves, 24 de diciembre de 2015

Viaxar no tempo

Unha das aspiracións científicas que máis ten animado a imaxinación dos seres humanos, viaxar no tempo, xa é posible. De feito é a forma habitual na que facemos moitas das nosas viaxes. Non se alarmen, non imos a traernos aos dinosauros do xurásico, nin se perderon a noticia tecnolóxica do século. Explícome.

Cada vez que nos desprazamos, facémolo en dúas dimensións: no tempo e no espazo. Recorremos unha certa distancia nun tempo determinado, de aí que a velocidade se mida (perdón pola obviedade) en, por exemplo, quilómetros por hora. Pero mentres o tempo é unha variable totalmente abstracta, o espazo é unha variable que se concreta asociándose a unha xeografía ou a unhas xeografías determinadas. Cada viaxe significa o transcurso dunha serie de segundos, minutos ou horas que en esencia son todos iguais, sen embargo o recorrido é absolutamente distinto. Ou máis ben solía ser. Eis aquí o cambio.

Na viaxe tradicional recorriamos lugares, paisaxes concretas poboadas de montañas, pontes, igrexas, viñedos, fábricas, castelos, etc, etc. Sen embargo, a medida que a tecnoloxía nos permitiu aumentar a velocidade a dimensión espacial foise volvendo cada vez máis difusa. Viaxamos en avión, por riba das nubes, onde non existe a xeografía ou a unha altura onde as curvas da paisaxe desaparecen. Viaxamos en trens de alta velocidade, a través de túneles, trincheiras e, en definitiva, de espazos cada vez máis baleiros de significado. Non é de estrañar que hoxe nos AVEs ninguén mire xa pola ventá, non so a causa do que sucede dentro, onde as pantallas das tablets ou dos smartphones pasaron a absorber toda a atención, senón tamén a causa de que o que sucede fora, á vista exterior, non ofrece ningunha información relevante.

Non estraña, por tanto, aquela anécdota do Denzel Washington, que estando en San Sebastián para recibir o premio correspondente a 62 edición do festival de cine, declarou “sentirse moi contendo de estar no Mediterráneo”. Non creo que sexa atribuíble exclusivamente á suposta ignorancia dos norteamericanos, senón que máis ben é un síntoma dun modo de desprazarse que permite moverse entre dous puntos distantes varios miles de quilómetros sen pasar por ningún lugar intermedio recoñecible, sen ningunha referencia. Desprazámonos nunha única dimensión, a temporal. Gañamos velocidade, pero estamos a perder algo importante, que ten que ver coa esencia do ser humano. Do mesmo modo que se nos escaparía algo imprescindible se nas conversas cotiás nos limitaramos a intercambiar un ola e un adeus.

 

Gonzalo Rodríguez

 

Galiza Vaiven