Inicio > Galiza Vaiven > O mito dos emprendedores

O mito dos emprendedores

martes, 9 de diciembre de 2014

Nunha pequena garaxe en Palo Alto, California, entre 1938-1939, William Hewlett e David Packard experimentaron con numerosos aparatos electrónicos, incluíndo un prototipo para un oscilador de audio. Ese oscilador permitiulles crear Hewlett-Packard (HP). Steve Jobs fundou Apple en 1976 xunto cun amigo da adolescencia, Steve Wozniak, no garaxe da súa casa. Jeff Bezos iniciou a andadura do proxecto que logo sería Amazon no garaxe dunha casa que tiña alugada coa súa muller en Seattle. Alí instalaron os tres servidores cós que empezaron a operar. Google foi fundado por Larry Page e Sergei Brin, cando eran estudantes de doutoramento en Stanford… no garaxe dunha amiga en Menlo Park (California).
Como todo mito, este dos emprendedores de garaxe non está suxeito a contraste científico, senón que forma parte dun sistema de crenzas popularizado pola potencia comunicativa dos heroes. A través da narración vanse colocando os ideais subxacentes. O garaxe simboliza o espazo de liberdade, tanto creativa, como aquela da que desfrutan os homes libres, os que traballan para si mesmos. Pero sobre todo expresa a idea de que non se precisa máis que os propios soños para conseguir o éxito. Bonito, pero falso.
Os emprendedores, lonxe de actuar no baleiro e ser heroes solitarios son, sobre todo produtos territoriais e organizacionais. Queremos dicir, en primeiro lugar, que os emprendedores florecen alí onde se dan unha serie de precondicións colectivamente construídas: boas infraestruturas, universidades de calidade, empresas auxiliares e de apoio competitivas, man de obra cualificada, regulación axeitada, etc, etc. Trátase dun proceso sistémico no que o emprendemento é unha función das bondades do territorio para a competitividade das empresas. Por seguir cos casos anteriores, nin esas empresas naceron en lugares como México, España ou Afganistán, nin era probable que o fixeran. Sen universidades como Standford ou Berkeley, sen compras públicas que crearon o substrato industrial, sen investimentos en infraestruturas e todo o demais, na costa oeste tampouco tería pasado. De feito, todas as empresas anteriormente citadas xurdiron logo de enormes e continuados investimentos públicos que permitiron superar as fases máis incertas do proceso de investigación – innovación e sentar as bases para a súa aplicación comercial. Internet, o GPS, as redes inalámbricas, as pantallas táctiles e ate o sistema SIRI foron desenvoltas directamente polo sector público ou mediante fondos estatais.
A utilidade desta parábola é grande, en EE.UU. ten contribuído a soster o mito da terra de oportunidades e no resto do mundo apuntala de modo análogo a aspiración da mobilidade social ascendente. No caso de España, como non podía ser menos, o actual goberno apropiouse deste marco cognitivo ou sistema de crenzas para encubrir a súa falta de políticas á hora de crear esas condicións territoriais que facilitan a emerxencia das empresas e, máis xeralmente, a competitividade do sistema produtivo. E xa de paso, colocar a culpa na sociedade, particularmente nos mozos. Resulta que a causa do insuficiente desenvolvemento empresarial de España ou da tardanza en saírmos da crise é da falla de espírito empresarial. Dito e feito: créase unha inxente maquinaria de fomento da emprenditorialidade para dar corpo á culpa. Ás políticas non se lles espera.

Gonzalo Rodríguez

Galiza Vaiven

  1. antolin
    miércoles, 10 de diciembre de 2014 a las 19:46 | #1

    Clarificador artigo, don Gonzalo. E qué verdades di vostede en estas liñas. Un sempre tende a crer (un é romántico) na forza no xenio libre, no ‘cerebrito’ que se pon a funcionar un bo día. Pero despois ven a realidade a poñer cada cousa no seu sitio. E ver a realidade no caso da investigación en España… que pena: así non e doado descubir, e mira que neste país temos tipos geniais, talento dabondo que se perder por falta de medios… o dito, unha pena.

    Noraboa, unha vez máis

  2. Gonzalo
    jueves, 11 de diciembre de 2014 a las 18:54 | #2

    @antolin
    Hai deu na clave D. Antonio, este é un país cheo de tipos xeniais e de ideas e proxectos xeniais que merecerían máis difusión. Sen dúbida temos moito que aprender doutra xente, doutros países, pero tamén somos quen de cousas extraordinarias.

  3. Xaime
    miércoles, 23 de septiembre de 2015 a las 12:37 | #3

    Excelente artigo, breve pero denso en canto a contido. Parabéns, unha mágoa que publiquedes nun medio digno pero con pouca trascendencia como El Correo Gallego.

    Simplemente facervos unha mínima corrección: a universidade situada en California á que facedes referencia é Stanford, e non Standford.

    Grazas de novo polos vosos artigos, sígovosd xa dende hai tempo.

    • Marcos Lorenzo e Gonzalo Rodríguez
      jueves, 24 de diciembre de 2015 a las 10:59 | #4

      Xaime, moitas grazas polo comentario e pola puntualización e desculpa por ter tardado tanto en respostar. Espero que en diante sexamos máis cumplidores!
      Feliz nadal!

  1. jueves, 11 de diciembre de 2014 a las 07:30 | #1
  2. viernes, 12 de diciembre de 2014 a las 03:00 | #2