Archivo

Archivo para diciembre, 2014
martes, 9 de diciembre de 2014

O mito dos emprendedores

Nunha pequena garaxe en Palo Alto, California, entre 1938-1939, William Hewlett e David Packard experimentaron con numerosos aparatos electrónicos, incluíndo un prototipo para un oscilador de audio. Ese oscilador permitiulles crear Hewlett-Packard (HP). Steve Jobs fundou Apple en 1976 xunto cun amigo da adolescencia, Steve Wozniak, no garaxe da súa casa. Jeff Bezos iniciou a andadura do proxecto que logo sería Amazon no garaxe dunha casa que tiña alugada coa súa muller en Seattle. Alí instalaron os tres servidores cós que empezaron a operar. Google foi fundado por Larry Page e Sergei Brin, cando eran estudantes de doutoramento en Stanford… no garaxe dunha amiga en Menlo Park (California).
Como todo mito, este dos emprendedores de garaxe non está suxeito a contraste científico, senón que forma parte dun sistema de crenzas popularizado pola potencia comunicativa dos heroes. A través da narración vanse colocando os ideais subxacentes. O garaxe simboliza o espazo de liberdade, tanto creativa, como aquela da que desfrutan os homes libres, os que traballan para si mesmos. Pero sobre todo expresa a idea de que non se precisa máis que os propios soños para conseguir o éxito. Bonito, pero falso.
Os emprendedores, lonxe de actuar no baleiro e ser heroes solitarios son, sobre todo produtos territoriais e organizacionais. Queremos dicir, en primeiro lugar, que os emprendedores florecen alí onde se dan unha serie de precondicións colectivamente construídas: boas infraestruturas, universidades de calidade, empresas auxiliares e de apoio competitivas, man de obra cualificada, regulación axeitada, etc, etc. Trátase dun proceso sistémico no que o emprendemento é unha función das bondades do territorio para a competitividade das empresas. Por seguir cos casos anteriores, nin esas empresas naceron en lugares como México, España ou Afganistán, nin era probable que o fixeran. Sen universidades como Standford ou Berkeley, sen compras públicas que crearon o substrato industrial, sen investimentos en infraestruturas e todo o demais, na costa oeste tampouco tería pasado. De feito, todas as empresas anteriormente citadas xurdiron logo de enormes e continuados investimentos públicos que permitiron superar as fases máis incertas do proceso de investigación – innovación e sentar as bases para a súa aplicación comercial. Internet, o GPS, as redes inalámbricas, as pantallas táctiles e ate o sistema SIRI foron desenvoltas directamente polo sector público ou mediante fondos estatais.
A utilidade desta parábola é grande, en EE.UU. ten contribuído a soster o mito da terra de oportunidades e no resto do mundo apuntala de modo análogo a aspiración da mobilidade social ascendente. No caso de España, como non podía ser menos, o actual goberno apropiouse deste marco cognitivo ou sistema de crenzas para encubrir a súa falta de políticas á hora de crear esas condicións territoriais que facilitan a emerxencia das empresas e, máis xeralmente, a competitividade do sistema produtivo. E xa de paso, colocar a culpa na sociedade, particularmente nos mozos. Resulta que a causa do insuficiente desenvolvemento empresarial de España ou da tardanza en saírmos da crise é da falla de espírito empresarial. Dito e feito: créase unha inxente maquinaria de fomento da emprenditorialidade para dar corpo á culpa. Ás políticas non se lles espera.

Gonzalo Rodríguez

Galiza Vaiven