Archivo

Archivo para octubre, 2014
domingo, 19 de octubre de 2014

A Ciencia

Hai unhas cantas décadas o coñecemento estaba espallado entre as comunidades e era diverso como diversos eran os ecosistemas, os réximes políticos ou os modelos económicos onde fora concibido. Ese coñecemento transmitíase entre xeracións mediante a relación entre mestre ou titor e aprendiz. Tamén é certo que, ao menos entre nós, estaba compartimentado por xénero e clase social, con barreiras que impedían a súa libre circulación.

Hoxe a produción e distribución de coñecemento mudou drasticamente. Prodúcese a través dun único método acreditado, o hipotético – dedutivo. Toda alternativa é desprezada ou denunciada como ilexítima. Este novo coñecemento circula por instancias universitarias, institutos de investigación, departamentos de I+D e revistas especializadas, encriptado nunha xerga indescifrable para os legos e trazando a elipse dun circuíto pechado. Algunha pinga chega ao común da cidadanía, traducida por xornalistas e divulgadores, pero non deixa de ser unha fracción anecdótica. Por suposto o que se estuda vén condicionado polas prioridades dos financiadores, é dicir, por fins lucrativos (patentes), ou por intereses políticos.

Nas sociedades actuais a Ciencia (mal que lles pese aos bos científicos) ostenta o papel que antes se lle atribuía á relixión: o monopolio da verdade. O aparello da Ciencia é unha bela e formidable construción humana, e as súas conquistas, asombrosas. Pero ten os seus pecados orixinais. Non é desligable do contexto socioeconómico que a fixo (e fai) posible e opera a favor dunha uniformidade mundial do coñecemento que a todos nos empobrece.

Marcos Lorenzo

Galiza Vaiven