Archivo

Archivo para septiembre, 2014
martes, 16 de septiembre de 2014

Os vasos comunicantes

E se a loucura e a cordura seguiran o principio dos vasos comunicantes? E se foran un fluxo que puidera circular entre corpos próximos ate nivelarse? Non estamos acaso conectados a aqueles que nos rodean?

Aos poucos anos de rematar a carreira de Medicina en Madrid, Ricardo Nuñez decidiu fundar un psiquiátrico na súa casa natal de Vilapedre. Corría o ano 1910 e naquel tempo o confinamento era a pauta habitual fronte á loucura. En celas no único Manicomio que existía en Galicia, o de Conxo, ou en lugares tal vez peores nas casas, escondidos da mirada dos veciños.

En Vilapedre non so non se practicaba o illamento, senón que se fomentaba a integración na comunidade. Non foi doado, cruzarse nos mesmos camiños e convivir son cousas ben distintas. Os homes rosmaban un saúdo, cando non torcían o xesto, se de volta a casa pasaban canda un grupo de tolos e, sempre que podían, esquivaban os seus lugares. Só as mulleres, non todas, lles amosaban confianza. Fose o discreto arbitraxe delas, as consideracións cara o médico ou o simple goteo do tempo, os estraños acabaron por ser tan propios como calquera outro de San Fiz, acudindo a axudar nas mallas ou a saltar as cacharelas no San Xoán.

O Dr. Núñez escoitou a todos os que se sentaban á súa mesa. A meirande parte deles estaban na casa dende a apertura. Eran poucos ós que algún día regresaban cos seus parentes. D. Ricardo sempre se preocupara de que as familias seguiran sendo parte da vida dos internos e, ó principio, as visitas eran frecuentes, logo menos. Co pago dos gastos pasaba igual. Nos últimos anos eran os ingresos da consulta médica, ben reputada na bisbarra, os que sostiñan o día a día. Mesmo cando o médico estaba xa maior e impedido e alí xa só quedaban el e catro doentes, foron estes os que o coidaron ate o último momento.

-Non queda outra- dixo, mentres se erguía da mesa e con paso firme, a man esquerda tentando na parede, saía cara o corredor. Os demais seguírono. Dende que o doutor perdera a vista non había quen conducira o coche no que adoitaban baixar a Sarria a facer a compra. A vida en Vilapedre fixérase complicada. Aquel día os da vila viron como pola costa de Betote baixaba o auto que manexaba D. Ricardo coas indicacións que un tolo lle daba. Como a auga dos vasos acadaran o equilibrio.

Gonzalo Rodríguez

Galiza Vaiven