Archivo

Archivo para agosto, 2014
miércoles, 6 de agosto de 2014

Intelixencia e murmurio

Na cultura tradicional galega había, ao menos, dous grandes sistemas de información e control. Por unha parte estaba a Igrexa, con tantas delegacións como núcleos de poboación existían no país, e cunha descomunal capacidade para “xerar opinión” mediante a súa lexión de correspondentes. O sacramento da confesión era só unha das ferramentas das que dispuña o sacerdote para exercer a súa particular “observación participante” e así mellor administrar perdóns e castigos. A súa mímese na comunidade convertíao en parte esencial dunha paisaxe social que poderíamos definir como católica. E sen embargo, o enorme caudal de información que acumulaba fluía de forma prioritaria cara os seus superiores ou cara as outras forzas vivas locais, fosen a garda civil, o alcalde ou o xuíz. É dicir, que en ningún caso podemos deducir que o seu rol fose neutral, senón que máis ben servía ao mantemento da orde política herdada.

Por outra banda estarían as conversas dos propios paisanos. Todos temos presenciado nalgures as intensas murmuracións, ou mesmo disputas, a respecto das peripecias vitais dun veciño ou dos porqués xenealóxicos do seu aspecto físico ou carácter (a quen imita). Aqueles repasos exhaustivos a canto parente ou coñecido había, incluíndo os seus lazos con terceiros, eran, a falta de televisión, unha forma de entretemento rosa, pero tamén unha forma de pórse ao día no mapa de relacións da comunidade, dunha comunidade, por certo, bastante extensa. Eran, por dicilo así, a memoria viva da comunidade en permanente actualización. Unha historia local redactada por milleiros de bocas e ouvidos.

A bastísima cantidade de datos que circulaban por esa rede podería desmentir a famosa teoría dos seis vínculos (toda a humanidade estaría conectada por, como máximo, seis pasos) e tela reducida a dous ou tres. A miña profesora de inglés, a estoniana Marina Sitikova, ficou fascinada co modo de conversar con ela dun velliño dunha aldea de Ourense, comezando pola pregunta totémica “e ti de quen ves sendo?” e concluíndo, logo de varias reviravoltas no interrogatorio, que efectivamente coñecía a unha amiga súa… E era certo!

Aquela densa malla polifónica conformaba unha especie de servizo de intelixencia das clases populares, cunha función evidente de control social (máis ou menos difuso, máis ou menos punitivo) pero tamén era unha vía de empoderamento. Eran todos eles e elas os autores e intérpretes da súa propia narración en común. Agora, e por efecto da modernidade, esa internet arcaica está a desaparecer. Iso foi o que, simbolicamente, expropiaron os grandes xornais do país e outras formas de centralismo informativo.

Servirán as redes sociais e as novas tecnoloxías para recrear algo semellante? Nin se sabe. Veremos.

Marcos Lorenzo

 

Galiza Vaiven