Inicio > Galiza Vaiven > Maluntocracia

Maluntocracia

viernes, 25 de julio de 2014

De entre as frases feitas e os refráns, teño un especial interese nas primeiras. Distínguense pola súa antigüidade: mentres estes últimos reflicten un acervo xerado no pasado, as primeiras son unha especie de estado da arte do pensamento convencional, trazos seguramente fragmentarios da nosa conciencia colectiva. Non importa se son certos ou non, a súa relevancia ven da súa capacidade para formatear a nosa visión das cousas.

Hoxe andaba a cavilar no aserto de que temos o que nos merecemos. O rechamante desta frase é que so se usa en senso negativo, tanto no plano colectivo como no individual. Se nunha conversa emerxe o debate político, digamos por exemplo, sobre os recortes na sanidade ou a reforma laboral, alguén haberá de sentenciar con ela. Do mesmo modo é fácil que ante as faltas dos demais alguén dictamine de igual modo. Da igual se un fracasa nos negocios por buenista ou por explotador, alguén sentenciará que ten o que se merece.

Ao contrario e máis estraño. Raramente escoitaremos dicir que o Premio Nobel de Medicina ten o que se merece cando lle conceden o galardón, ou que unha cidade ten o que se merece se a designan Capital Europea da Cultura. Non fica claro nesta cosmovisión que o éxito sexa consecuencia dos nosos méritos e, por tanto, o mérito non parece un valor especialmente apreciado. O demérito, en cambio, é amplamente considerado e discutido. Somos unha sociedade maluntocrática, o mal é a nosa medida das cousas.

Non digo que a meritocracia nos vaia levar cara un mundo perfectamente xusto, pero como utopía e ben máis bonita, ¿non?

Gonzalo Rodríguez

Galiza Vaiven

  1. antolin
    viernes, 19 de septiembre de 2014 a las 16:47 | #1

    que razón ten este artigo. e tamén en dicir que non se trata de velo todo de cor de rosa, senon de no velo todo negro. a frase ‘ten o que se merece’, sempre aplicada en termos negativos… noraboa polo artigo, profesor Gonzalo

  1. Sin trackbacks aún.