Inicio > Galiza Vaiven > SANTIAGO

SANTIAGO

domingo, 13 de julio de 2014

Cando eu viñen vivir a Santiago, sobre o ano 96, descubrín unha cidade que engaiolaba. Coma en El Ángel Exterminador, un estraño magnetismo nos matiña atrapados nela. Compostela posuía entón mil encantos: era aberta, cosmopolita e culta, acollía unha multitude de estudantes provenientes de todo Galicia, novos funcionarios da Xunta, veciñanza popular da bisbarra, peregrinos e turistas. Un cóctel social moi atractivo, con abundancia de persoas xoves e inquedas, que derivaba nunha atmosfera creativa, efervescente, da que xurdían propostas artísticas e empresariais, a modo dos procesos virtuosos que cita Richard Florida.

Ese aliñamento social foi intelixentemente arroupado por un urbanismo amable e coidadoso, que abría zonas verdes, valorizaba a arquitectura tradicional e gañaba premios internacionais, para orgullo de todos os galegos (si, xa sabemos que a costa de facer unha cidade decorado a prezos exorbitantes, coa conseguinte expulsión de poboación a concellos limítrofes).

Foi unha miraxe?

Desde hai dez ou doce anos todo foi decaendo. Moito antes da crise económica xa notabamos unha cidadanía máis átona, unha noite máis provinciana, un certo despoboamento vital… e o retorno do vello Santiago conservador e clerical, o das boas familias rendistas de extracción rural. Daría a sensación de que a cidade tivese vivido un esplendor artificial de tres décadas, propiciado polo baby boom e o incremento da matrícula universitaria, polo nacemento da Xunta e a chegada de miles de traballadores, é dicir, por unha riada de cartos públicos, e que agora volvese ao seu molde orixinal. A Universidade foise achicando, e os funcionarios da autonomía xa teñen corenta e pico ou cincuenta anos, con vivenda, descendencia e vida en Bertamiráns ou Milladoiro.

Esta dinámica recesiva viuse intensificada pola podremia política e a parálise do goberno municipal na actual lexislatura, sen iniciativa nin proxectos motores. Agardamos que agrome algún tipo de reacción cívica que permita deliñar un horizonte ilusionante. Con todo, e a pesar desta súa languidez (oxalá que pasaxeira), cómpre dicir que os namorados de Santiago seguímola sentindo cálida, divertida, pícara e sedutora… Tanto nas duras como nas maduras.

Marcos Lorenzo

Galiza Vaiven

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.