Sacouma con suma delicadeza

| Sin comentarios

E chegou a cea. A anhelada cea. Levaba días soñando con esta cea. Por Deus! Na mesma liña tres veces a mesma palabra. Ai, se che collese Freud por banda! Faríalle un requebro con suma plasticidade. Ja. Este é un dos meus maiores problemas. Soño tanto, e tan centrifugadamente, cunha situación, que cando chega abórdoa consumido e desgastado emocionalmente. Xa empezamos coas xustificacións. O típico. Os días previos á cea foron unha amálgama de sensacións. Desde a máis florecida vontade de non augala coas miñas frases inoportunas ou desfasadas ata a premonición dunha sucesión inquebrantable de desgustos imprevisibles. No traballo notáronme nervioso. Eu aleguei unha noite de turbulencias familiares enmascaradas por un insomnio indeleble. Non llo creron. Tanto me ten. A miña experiencia fixo que sortease con suma dilixencia unha batería de preguntas dalgúns compañeiros empeñados en pescudarme a causa da miña faciana descoñecida. Estaba nervioso. Excitado? Impaciente? Non cho sei. Recoñézoo con toda pulcritude. Cando se foi achegando a hora sinalada, ás agachadas, como un torpe adolescente escondendo o cigarro diante do seu pai, unha perlada fronte era secada con destra asiduidade por unhas mans, as miñas, que bulían tremantes e envellecidas. Chegamos case á mesma hora. Somos os dous moi puntuais. Os dous presumimos sempre de non chegar nunca tarde a unha cita. Ela, vale, non o sei; pero ti, José María, esqueces cunha facilidade do carallo o teu pasado. E as eternas esperas de Asun no bar da facultade de Filoloxía mentres ti cervexeabas na cafetería da Escola de Arquitectura? Xa están as revelacións e as sentenzas da miña vomitiva conciencia! Cala dunha vez, José María! Fareino sempre que digas a verdade. Non hai dereito a que enganes tan descaradamente aos poucos lectores que aínda che quedan. Con certo aire marcial, pola rixidez, e desasosegado, os dous ás nove da noite estabamos á porta do noso desexado restaurante mirando de esguello a cada viandante que se fixaba en nós. Foi raro que coincidísemos na elección do sitio. Presaxio de algo nada positivo. O gafe, narices. Polícrates, déixame en paz! Pasou ela primeiro, despois eu. Como sempre, inhalei o cheiro da súa pel. Seduciume desde o primeiro instante. Asentouse no meu pituitaria de tal forma que sigo subxugado. Eu diría escravizado. Nesa ocasión expandía unha conxunción de mazá aromatizada con pequenas doses de canela e sándalo. Todo iso mesturado co aroma dunha pel que me levaba aos meus torpes anos dunha adolescencia impetuosa descubridora do amor xunto ao afastada pero inesquecible Maite. Como non! Xa tiña que saír a devandita. Certo que existiu, pero… tanta pegada deixou en ti? Nótase que non me coñeces ben. Xa falaremos dela outro día! Indicáronnos cun xesto rutineiro e vacuo de amabilidade a mesa que nos correspondía. Apartada. Silente. Recollida. Un pracer para unha noite inesquecible. Falamos ata descosernos. Tocamos todos os temas. Amores perdidos no bosque da memoria. Desexos inalcanzables e, por iso, dolorosísimos. Vergoñas ocultas e magnificadas por un pudor herdado familiarmente por ósmose. Frustracións laborais que se ceban na miña ansiedade impertérritas. O eco de certas chamadas mutuas que non quixemos oír. Enrugas dun corazón deshabitado por un incomprendido illamento. A flaccidez dun sexo desgastado. O orgullo xerador de situacións xa sen solución. As miradas perdidas en lugares descoñecidos, pero inesquecibles. Os corpos suorentos dun pasado que se crava na miña memoria co anzol dunha impotencia indixente. Padexos coa mirada que producían, naquel tempo amarelo, un pracer inmenso, pero que eran a censura dunha explosión física. Repetilos agora? Imposible! As intrigas e os enredos familiares. Déixao así. Mellor. É ela a que tocou este tema. Pois por iso. Os labirintos e os recunchos dunha relación nada do desprezo… E así ata o final. Cando estabamos a tomar un excelente licor de bagazo, suxeitoume a man e díxome como un marmulo uniforme e exquisito: agora, en silencio, érguete. Si. Érguete e queda fronte a min. Faime caso. Confía. Veña. Érguete. Así o fago. Case espasmódico. Ninguén nos mira. E ti sempre crendo que es o centro de todas as miradas! Mantente en pé. Sei home. Mírame. Non mires as miñas mans. Púxoas no meu cinto. Meteu a man pola cintura. Desbocado o corazón pola ousadía dunha muller moi tímida en público. E sacouma con suma delicadeza. A camisa. Así debes vestir a partir de agora. Cada vez que te poñas a camisa por fóra te acordarás de min. Non souben que dicir. Obsceno pensamento imposible de revelar. E así o fago desde aquela noite. Son fiel aos meus principios. Ela púxose de pé e rematou a faena cun provocador e se almorzamos xuntos? mentres collía o seu bolso.

filoso@filoso.gal

Autor: José Mª Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.