O traballo na horta

| Sin comentarios

Alborexa, raia o sol, xa esclarexa paseniñamente.
Día dunha mera mesta, dunha néboa baixa, húmida, espesa coma un barco de fría fume. Séntese  un vento xeado que vén do norte, un vento que empurra as pólas e as follas das árbores coa enerxía dun poderoso titán.
Xa estou logo na rúa. Séntese na caluga o aire xélido da mañá. O corpo, aterecido pola friaxe, non responde as máis das veces cando un quere camiñar polo campo. Só no pensamento xa fai frío. O alento énchese de bafo. O ambiente aseméllase a un témpano da cor verde gaio. Empeza a chover mainamente. Miro a xanela da miña casa e non vexo as pinguiñas de auga, así a todo a miña faciana móllase e  empápase desa auga milagreira que é a choiva da aldea.
De socato, na lontananza, cando aínda estou case espreguizándome, vexo a figura varuda dunha muller traballando na horta. Sacha que sacha. Frego os ollos, non pode ser, na súa beira hai xa un saco cheíño de patacas novas. Traballa dondamente, co ritmo e a certeza da persoa que sabe moi ben o que fai.
-É un saber facer moi ben feito, diría miña nai. ¿Canto tempo levará esta infatigable muller traballando na horta? Ten as mans curtidas polos labores do campo e cheas de rexosos calos. O seu lombo, ó lonxe, parece un fouciño humano dobrado sobre a terra. O cheiro do eido aliméntalle coma o leite materno alimenta ó recén nascido. No momento de marchar ela segue na mesma posición, por iso eu non podo observa-lo seu rostro. ¿Ocorreríalle algo? Non, non o creo. Pasan uns minutos e comezo a camiñar. De súpeto torno a testa unha vez mais, e véxoa ergueita por fin, cos brazos nos cadrís e unha mirada cansa, pero chea de satisfacción. Colle o saco e pono na cabeza, non se inmuta, mira o ceo, dálle gracias a Deus e camiña pra casa, a prepara-lo xantar. A continuar realizando as angueiras da casa.
Cando os demais aínda non comezamos a traballar, ela xa leva varias horas de varudo labor no eido. É un exemplo para nós. Muller do campo, muller garrida e traballadora.
(Aturuxos)

www.elblogdejosemariamaiztogores.net

filoso@filoso.gal

Autor: José Mª Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.