O Pico Sacro

| Sin comentarios

─Atende, rapaz. Primeiro que vaiamos realizar ti e mais eu a ascensión ó Pico Sacro, quero que saibas algunhas cousiñas da súa historia. É un dos montes máis coñecidos de Galicia e a lenda sempre vai con el.
Isto díxomo meu avó mentres collía o sombreiro e mailo bastón. O primeiro púxoo a modiño enriba da cabeza, e o segundo axeitouno axilmente a súa man dereita.
─Xa estou listo pra marchar, e miroume cunha cobiza chea de complicidade. Por certo, ¿sábeo túa nai?
─Si, avó, abofé, e di que as nove esteamos aquí, para cear todos xuntos.
─Ben, pois veña. Pés, para qué vos quero.
E con este ritual coñecido doutras veces ámbolos dous partimos para o Pico. El sempre dicía que coa idade había cousas que se repetían dun xeito matemático.
As pernas, preseiras pra andarela; os ollos, ben abertos; e o espírito cheo de enerxía.
Eu fíxenlle caso e púxeme disposto a camiñar na súa beira. Nada de présas, dicíame cos ollos ben espelidos. E remataba cun dito moi escoitados nas persoas maiores: Canto máis présa, máis vagar.
─Din as crónicas medievais que os discípulos do Apóstolo Santiago bautizaron así o antigo monte Ilicino.
Díxomo cunha gravidade acorde coa súa ergueita fachenda. A medio camiño percorrido meu avó tivo que sentar nun petouto para repoñe-las forzas.
─Hai que refresca-la gorxa.
A súa respiración, entrecortada e tatexante, non lle privaba seguir coa súa explicación. Tiráballe máis a lenda cá canseira.
─Tamén  se di que Justino, gardador do ouro que alí estaba soterrado só podía dispor del cando o monte era ferido polos raios.
Con man firme e paso presto recomenzamos á par a andaina.
─Tamén se fala dun castelo da raíña Lupa. No seu derredor habitaban tabeiróns, serpes e druídas; e os homes do Apóstolo domearon e derrubaron os monstros xunguindo os touros bravos que por alí sementaban o terror.
Xa no cume o silencio fíxose imprescindible. Tiñamos ante nos  unha incomparable paisaxe: Galicia en pequeno.
─A donosía que sinte o home por esta terra é desenfreada, case voluptuosa. Galicia, corpiño de aluados soños, é irrepetible.
Dende alí viamos Santiago, a illa de Arousa e o val do Ulla, tres símbolos da Galicia enxebre. Recordo a meu avó mirando o ceo.
─Hoxe vai treboada. E, cando isto ocorre, o Pico Sacro convértese no centro magnético da zona e nel descargan as tronadas que achéganse a esta comarca. Xa o fala o dito: “Cando o Pico Sacro cobre o capelo, meniñas do Ulla cubride o mantelo.”
E presupondo a posible choiva, iniciámo-la volta á casa. Satisfeitos pola paisaxe contemprada e cansos pola cumprida camiñada realizada.
(Aturuxos)

filoso@filoso.gal

Autor: José Mª Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.