Macías o Namorado

| Sin comentarios

O trobeiro galego é o grande e virtuoso mártir de Cupido. Simboliza o amor fiel e constante inmerso nunha paixón adúltera, mestura á vez de exaltación romántica e de exemplar castigo. Segundo unha antiga tradición, a Macías matouno  un marido celoso mentres bicaba de contino a terra que  pisara súa amada. Pouco é o que se sabe encol da vida deste trobeiro. Din que naceu en Padrón, e que estivo ao servicio de Don Enrique de Aragón, Marqués de Villena.
Cativo de mia tristura
ja todos prenden espanto
e preguntan qué ventura
é que m’a atormenta tanto.
A lenda di que Macías, namorado dunha dona chamada Estrela, non consiguiu casar con ela por desemellanza social.
Contan que, a pesar da súa condición de servo, posuía o talante dun cabaleiro, dun fidalgueiro: xirifeiro nos seus movimentos, xeitoso coas armas, destro no manexo da pluma… O seu espírito sempre ledo e a súa desenvoltura engaiolaron á filla de don Enrique. Ela chamábase Estrela, nome que recibira polo relustro dos seus ollos, e pola expresión da súa faciana, entre inxenua e lonxana.
Os dous amábanse en silencio, mais ámbolos dous apetaban que a súa unión habería de ser imposible, pois don Enrique xamais consentiría tal relación.
Decidido a superar as trabas sociais que os separaban, Macías comezou  a asistir a torneos. Neles obtiña victorias que, pasiño a pasiño, ían encumeándoo cara á meta social que facía mentes había tempo. Mais un día, tras unha gloriosa xornada de pó, bateduras e pancadas na palestra, alguén veu dicirlle que súa amada casara na véspera con outro home.
Macías regresou ó castelo do Marqués. Encontrou a súa amada casada con outro, mais namorada del como o primeiro día, os seus ollos ben o dicían. A sabendas de que o seu era máis imposible que nunca, comezou a enderezarlle tódolos seus poemas e cancións. Isto alampou os celos do marido e ordenou aferrollar a Macías nunha torre baixa do castelo. O trobeiro, dende a cela, continuou a cantarlle a súa amada. Unha noite chea de aceda tristura unha azagaia apagou para sempre o seu namorado berro. Ninguén dixo quen foi, mais todos o sabían.
O poeta foi soterrado nun lugar descoñecido.
Contan que algunhas noites unha luz incerta baixa errática sobor aquel lugar, e que esa luz chea de vida é a alma da súa amada que, máis alá da morte, segue a buscarlle para axuntarse con el, e que así endexamais ninguén os poida xa arredar.
(Aturuxos)

www.elblogdejosemariamaiztogores.net

jmmaiz@telefonica.net

Autor: José Mª Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.