Tras los pasos de la distopía

| Sin comentarios

alberte

Lectura de un fragmento – podcast de IVOOX Ver

Un autor ecléctico, innovador y experimental. Así veo yo a Alberte Momán, desde que descubrí su literatura y a la persona que está detrás de ese universo narrativo. Ya ha recorrido varias Ferias del Libro dando a conocer su nueva obra publicada en Redelibros, la red social del libro en Galicia, convertida también en editorial. Os invito a conocerlo un poco mejor a través de la entrevista y cómo no, también a escuchar algunos Bosquexos para unha distopía.

1) O teu novo libro é unha revisión da Alicia de Carroll, ¿de qué xeito o fas posible?¿cómo sortearía a realidade unha Alicia adulta de hoxe en día?

O meu novo libro, Bosquexos para unha distopía, consta de tres relatos, un deles é, efectivamente, unha revisión da Alicia de Carroll. Presento no texto a unha Alicia adulta, madura, como só maduran aquelas persoas que experimentan a vida sen intermediarios. Trátase dunha muller que decidiu voluntariamente non precipitarse no tobo do coello. Este feito para min era esencial, xa que a Alicia orixinal nunca tivo a oportunidade de escolla. Ela erradica a dicotomía entre o ben e o mal, por medio de escollas persoais fóra da moral cristiá imperante, e responsabilizándose das consecuencias, ao contrario do que tradicionalmente se lle vén negando ás mulleres, condicionando a súa vida por unha sorte de predeterminación pertencente ao seu xénero. Unha persoa libre que tenta vivir a súa existencia sen medo, fai máis visibles as agresións ás que está exposta en todos os ámbitos, así como nas distintas etapas do seu desenvolvemento, identificando aos verdugos e aos cómplices pasivos do mal que se materializa en todos os xeitos de violencia.

2) Unha das cousas que máis admiro de tí é a versatilidade e a capacidade de experimentación que tes ¿Qué tal a túa andaina editorial en Redelibros?

Considero a miña experiencia en Redelibros positiva. Creo que se trata dun proxecto necesario á hora de abrir canles para dar visibilidade a obras que doutro xeito ficarían esquecidas nunha gabeta. Penso en Redelibros, así como outras propostas de pequena edición, como garantes da diversidade literaria nun mercado, o editorial, no que predominan estruturas ancoradas en eleccións e protocolos caducos, que camiñan en dirección oposta á creatividade.

3) Con Vattene faste eco e denuncias a extinción da clase media, ¿qué atopará o lector nesta distopía?

Un dos puntos salientables nestes relatos é a normalización dos distintos tipos de violencia. A asunción da escravitude fainos ao mesmo tempo verdugos dos que comparten a nosa mesma condición.

4) Alberte, tí tamén tes algo de Alicia e descobres novos mundos, ¿qué hai trala porta verde do sétimo andar? Son xa dez anos, ¿non?

Van, de certo, dez anos da constitución informal da Porta Verde do Sétimo Andar. Coido que se trata dunha estrutura que foi quen de crear espazos, aglutinando neles a persoas que se atopaban dispersas e que compartían e comparten un mesmo interese pola literatura en xeral e pola poesía en particular. Para min ese foi un dos grandes valores que defendeu sempre esta proposta. Ademais, fuxindo de todo localismo, achegou a persoas de diversas procedencias en sentido amplo, é dicir, considerando a imaxe internacional do noso país, sen contemplar as fronteiras que nos separan de Portugal.

5) ¿Cres que o ser humano sempre estivo en crise e que todo o que está a acontecer non é algo illado?

Coido que o ser humano foi condicionado para pensar que a deshumanización é inherente á súa condición. Resulta moito máis sinxelo xustificar as atrocidades que se cometen diariamente se se fai crer á masa que a crueldade forma parte da súa forma de ser. Centrándonos no que nos toca máis de perto, podemos pensar cantos anos de aparente liberdade vivimos neste país no último século. Tan só os bosquexos dunha república libre entre tempos de ditadura para caer, trala transición, noutra ditadura, neste caso a do capital. Neste contexto resulta especialmente complexo crear unha sociedade que defenda uns dereitos básicos amparados pola xustiza real, a igualdade e a non violencia.

6) Non podo evitar, como ferrolá de nacemento que son, preguntarche por “Ferrol e o que queda por chover”, ¿Cres que Ferrol ten sentido como cidade e que non queda moito do que foi?¿Tí como a sentes?¿Precisa unha reciclaxe?

Ferrol, como calquera outra cidade do mundo, non pode observarse dende un contexto illado, neste caso, a nosa cidade, expresándome tamén como ferrolán, foi vítima dun desgoberno estatal e incluso global, onde a desregularización xeneralizara desprotexeu e desprotexe aínda agora os distintos sectores produtivos. A afamada competitividade non era máis que o disfrace da concentración do capital cada día en menos mans.

Ferrol, como calquera outra cidade, dependente dun ou de máis sectores, precisa dun cambio pero xa non a nível local, senón a nível global. Os cambios poden ser pensados, ideados, nun primeiro momento dende o local, pero necesariamente teñen que transcender a este para producirse globalmente.

7)¿Qué eidos te quedan por explorar na literatura? Xa abordaches moitos xéneros ¿Hai algún soño que che quede no peto?

Para min a literatura é e foi sempre un campo de experimentación, e como tal non ten fin. Dende o meu punto de vista, só comecei a explorar un único xénero, a poesía. A diferencia fundamental entre os meus traballos é a lonxitude do verso. Ultimamente, en todo o que fago, o verso chega ao final da páxina.

O meu soño sería poder dedicarme ao mundo da literatura nun proxecto multidisciplinar, onde a música e a imaxe estivesen en equilibro co texto. Gustaríame poder xogar co espazo en íntima unión coas distintas disciplinas artísticas. Sempre pensei en construír un punto de confluencia físico. Por desgraza, a falta de recursos, imposibilitou a consecución do mesmo.

Autor: Arantxa Serantes

Humanista digital y Doctora por la USC

Deja un comentario

Los campos requeridos estan marcados con *.


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.