Por PAULO GARCÍA CONDE
Que esteamos a vivir unha evolución, rápida e constante, do xornalismo non ten por que significar necesariamente que este se atope nunha situación desafortunada e de decadencia. Ben é certo que, coa aparición das últimas tecnoloxías e a posibilidade de que calquera persoa tente facerse pasar por un comunicador ou xornalista de verdade, as cousas poden poñerse un pouco difíciles. Pero é aí cando teñen que entrar en acción aqueles que levan o xornalismo fluíndo polas súas veas, aqueles cuxo obxectivo non é outro que o de manter o resto da sociedade ben informada, e transmitir todo aquilo que move o mundo día tras día. Estas persoas, os profesionais de verdade, non deben deixarse gañar por quen só aspira a cobrar protagonismo e empregar as ferramentas de comunicación para manipular segundo os seus propios intereses; queixarse e baixar os brazos sería como darlles pé a que, definitivamente, saísen gañando. E o que a sociedade necesita agora máis que nunca é que os profesionais da información non teñan medo nin dúbidas; que tomen as rendas da situación actual, que comuniquen e informen de todo o que realmente pasa, sen tapuxos, sen temores, sen intereses. E para quen naceu co desexo de convertirse nun xornalista, nun xornalista de verdade, iso non é algo complicado. Entre todos poderán evitar que a sociedade caia na desinformación, que calquera personalidade con intencións pretenciosas se convirta nunha voz de referencia que engane o pobo. Xornalismo é querer, e non poder. Só fai falla mentalizarse de que a humildade, a obxectividade, a veracidade, e a sinceridade son os sustantivos que moven o mundo, por moito que nos queiran facer ver o contrario. O poder é o poder, e nunca hai que dexalo de ter en conta. Pero é totalmente combatible, e se todos aqueles que ostentan características e intencións tan reais e positivas como as citadas queren, habería que ver se o verdadeiro xornalismo non sería quen de reinar e reconducir os pasos da sociedade e dunha adecuada comunicación.

Para Paulo García, a forza do 'cuarto poder' está en 'querer'
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por ÁLVARO ABUÍN MALLO
O xornalismo vai morrer. A internet vai acabar cos medios impresos. O xornalista está desprestixiado e calquera pode facer o seu traballo. A terceira guerra mundial é inminente. O xornalismo tal e como o coñecíamos vai desaparecer. Os daneses van invadir Galicia entrando por Estaca de Bares. Por máis que anunciemos a apocalipse do mundo ou do xornalismo non quere dicir nin que sexa certa nin que vaia ocorrer algún día. O xornalismo desaparecerá cando a xente deixe de sentir curiosidade polo que pasa ó seu redor, desaparecerá cando deixe de haber valentes pisando a terra. Que o xornalismo ten que mudar? Pois que queredes que vos diga: Non. Lonxe de tremendismos o xornalismo está máis vivo ca nunca. Cando a televisión apareceu augurábaselle un futuro curto e incerto ós medios en papel. Agora coa internet outro tanto do mesmo. O que se necesita é educar a sociedade, ensinarlles a ler un xornal, espertar a súa conciencia crítica, que aprendan a interpretar a actualidade para que o xornalista deba esixirse a si mesmo e realizar informacións de calidade. Non debemos confundir o cambio a outro soporte co cambio na forma de realizar xornalismo. O xornalismo non só existe nos medios impresos. De feito o xornalismo nin mudou nin mudará, debe de ser crítico e valente, veña dado en pergaminos ou nun iPhone. Porque eu son dos que pensa que aqueles que auguran catástrofes é porque realmente desexan que sucedan. Deixemos de sucumbir a empresas e grupos económicos e avancemos polo camiño dun xornalismo útil e crítico que esperte unha sociedade adormecida.

Álvaro Abuín está seguro de que o bo xornalismo sobrevivirá
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por RAFAEL SILVA
Falar do futuro do xornalismo non é tarea sinxela hoxe en día, quizáis sexa máis sinxelo falar sobre o xornalismo futuro, entendendo que son cousas distintas aínda que relacionadas inherentemente entre si. O xornalismo do futuro será o que practiquemos os que hoxe en día nos atopamos nas facultades de comunicación, virá condicionado pola formación, pola aprendizaxe e polos valores que nos inculquen nestes anos que estamos a vivir entre os muros da facultade. Falar do futuro do xornalismo é algo máis impreciso, pasa por que os futuros xornalistas saibamos empregar de forma óptima as leccións aprendidas e exerzamos acorde a eses valores persoais que nos levaron a tirar pola profesión de Tom Wolfe e Truman Capote.
Desta maneira, o xornalismo futuro estará repleto de novas ferramentas, métodos e incluso léxico que todavía hoxe se descoñecen. O uso das redes sociais e a democratización da información na rede non é máis que o comezo, e sen embargo, aprecio como en certos sectores da profesión os cambios provocan preocupación: estou canso de ler e de escoitar que os novos tempos traen novas formas de exercer, iso é algo que leva ocorrendo dende sempre, e non únicamente no campo do xornalismo. As novas tecnoloxías diríxennos cara a novos soportes e novas formas de obter a información, pero o xornalismo, no esencial, segue sen ter cambiado moito dende que mulleres e homes, sen máis identificación que a famosa etiqueta “press” sostida por un alfinete nunha desgastada gabardina ou mesmo no sombreiro, recorrían as rúas de calquera cidade do mundo na procura da noticia (e perdoen que me poña así de teatreiro…).
O que pretendo expoñer aquí é a sutil diferencia que existe entre o que é o xornalismo futuro e o futuro do xornalismo. O primeiro está ben claro, a profesión do xornalista é, en esencia, unha das máis respetables que existen; por definición asociada ó servizo social, e así seguirá sendo mentres queden xornalistas sen medo a exercer a súa profesión como o facían os vellos reporteiros da etiqueta “press”, con Twitter ou sen el.
Sen embargo, o futuro do xornalismo sí que está no aire, máis aló dos cambios no método, dos soportes ou das novas tecnoloxías, o futuro do xornalismo pasa por que os que hoxe o exercen e os que o exerceremos mañá non nos deixemos asoballar polos intereses políticos e económicos daqueles que dominan certos sectores da sociedade á súa vontade (políticos, clero, clases altas, etc). Son estes os que pretenden converter o cuarto poder nunha arma ó seu favor, e nós, profesionais da información, non o podemos tolerar. Este debería ser o verdadeiro tema de conversación, o que nos preocupase de verdade, e non os cambios no modelo de xornalismo. Sexa con papel e lápiz ou diante dunha pantalla e un teclado, o xornalista debe permanecer sempre leal ó seu cometido: contar a verdade. No fondo iso non debería ser tan complexo, vivimos en sociedades libres (ou non?).

Rafael Silva cre que sobrevivirá a esencia do xornalismo
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por RAÚL RÍOS RODRÍGUEZ
A estas alturas da película que é a carreira de xornalismo, xorde a gran pregunta do estudante: e agora que fago? Calquera que estea pendente da actualidade pode ver habitualmente como os medios tradicionais están a botar traballadores á rúa. A gran maioría deles son xornalistas moito mellor preparados que calquera que saia desta facultade nun par de meses. Moitos barallan posíbeis saídas fóra da profesión, mais o certo é que, ademais da crise do xornalismo, hai que ter en conta a crise financeira occidental, que golpea todo o corpo da nosa estrutura económica.
O compañeiro xornalista George Orwell escribira alá nos anos 30 unha reportaxe que trataba a situación da clase obreira inglesa nesa época, en concreto, os problemas dos traballadores das zonas mineiras do norte do país. O libro, publicado en 1937, chámase The Road to Wigan Pier. Por desgraza, como outras obras daquela época, este texto recupera actualidade coa actual crise, especialmente no tocante á cuestión do paro, a parte máis dramática.
Ás veces detectamos entre as amigas e amigos xornalistas certo cheiro a envexa. Moitos non se explican como un coñecido pode estar traballando de xornalista nun medio mentres un, que se considera a si mesmo igual de válido (ou mellor), está no paro. Orwell detectara esa mesma sensación nas barriadas mineiras de Lancashire e Yorkshire. Os veciños tiñan constantemente conflitos entre eles motivados por iso. Non entendían como o señor da casa de enfronte podía ter traballo na mina mentres o outro, igual de capaz, estaba no paro. Eran incapaces de comprender que a súa situación trascendía do individual e as causas eran de carácter macroeconómico, o que provocaba unha fonda sensación de frustración que se traducía en violencia co próximo.
Por moi bos que sexamos e por moito que nos esforcemos individualmente, ás veces, non hai que facer como non demos mudado as cousas a nivel macro, por medio das moitas vías políticas que existen para iso.
A primeira novela do amigo Orwell é autobiográfica e leva por título Down and out in Paris and London, o que se deu en traducir para o galego-português como Na penúria em Paris e Londres. Este anticipo da non-fiction novel conta como Orwell, xa sendo xornalista, tivo que malvivir alternando entre mendicidade e traballos precarios, insalubres e perigosos, sen nengún tipo de servizo social que o amparase e sen ningún tipo de regulación laboral. Como as cousas non muden pronto na industria xornalística e na sociedade en xeral, temo que este libro tamén volva a estar de completa actualidade para os que hoxe saímos desta facultade…

Raúl Ríos apunta que as obras de Orwell volven estar de actualidade
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por CRISTINA TERCEIRO GUIMAREY
É máis que sabido por todos que o xornalismo está a mudar a un ritmo imparable. Uns cambios nos que teñen moita relevancia a necesidade de informar ó momento, xa que o feito de que tardar 20 minutos en dar unha noticia é sinónimo de chegar tarde. Trabállase a contrareloxo nunha loita continua contra as redes sociais, que se mostran en moitas ocasións como fontes fieis de información para os usuarios sen realmente selo; e tanta rapidez fai que se perda en boa medida parte do proceso xornalístico. Muda tamén o trato que tiña o lector co xornalista, xa que na actualidade a interactuación entre ambos está mais que presente, mentres no xornalismo tradicional a relación era moito máis sinxela e pasiva. Pero a pesares de todo, o xornalismo debe ser un medio para informar o máis honestamente posible a toda aquela xente que realmente queira estar informada; aínda que moitas veces primen as imaxes morbosas antes da información propiamente dita, e chegándonos a parecer que nos atopamos a vivir un filme de terror. Preténdese vender o xornalismo como algo que non é, facer un negocio no que prime a morbosidade, o escándalo e non o noticioso. Realmente, penso que a morte do xornalismo nun significado amplo non será factible, xa que a xente é moi curiosa pero ó mesmo tempo preguiceira á hora de buscar e indagar pola información, e prefire que alguén tome a iniciativa de informalos. Aínda que evidentemente, e como todo na vida, co paso dos anos, o avance das tecnoloxías e a forza coa que internet se mete nas nosas vidas, sería inevitable que o xornalismo tal e como o coñecemos non evolucione aproveitando ó máximo tódolos recursos dos que dispón.

Cristina Terceiro defende un xornalismo auténtico, non sensacionalista
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por RAQUEL RÍOS DAFONTE
Unha raiola de sol entra pola fiestra e bate de cheo no papel. Espértao dun sono mol, preguiceiro e derrotado no que se deixara caer había algún tempo. Farto do seu letargo quere aproveitar a oportunidade e aferrarse a ese refacho de luz coma se fose morrer mañá. Intúe que os tempos son chegados, e non os tempos dos bardos de Pondal, senón os da World Wide Web de Berners-Lee. Pero dubida. Mete primeiro a patiña e comproba que a auga da bañeira aínda está fría. Mentres agarda, antes de tirarse de golpe, observa os que xa están dentro e sente envexa e desconfianza a un tempo. Desexa mergullarse na inmensidade das augas informativas que circulan polo océano virtual e soña con poder viaxar ao recuncho máis recóndito da Terra, somerxerse nas mareas do coñecemento, conversar, debater e compartir experiencias. Non lle teme ao descoñecido, pero intúe unha certa ameaza por parte desa morea de novos axentes comunicantes que parecen ocupar intencionadamente o seu lugar dentro da bañeira. Nestes momentos, a piques de tirarse dentro das tentadoras augas que ten diante de si, lembra entre risas a superación do drama radiofónico primeiro e do televisivo despois que semellaban noutrora, como agora, a súa fin. En realidade está habituado a mudar de hábitat de cando en vez e ademais -por que non dicilo?- gústalle o novo escenario, pero séntese orfo de confianza e por iso non é quen de tomar a iniciativa. Precisa dun apoio incondicional que lle devolva a seguridade en si mesmo para levar como aval ao novo mundo, pero sobre todo precisa levar canda el os compañeiros de viaxe que estiveron ao seu carón durante todo este tempo e que agora se volveron escépticos. Mentres o pequeno nómade sofre indeciso a disxuntiva da nova travesía, o tempo pasa sen que ninguén teña coraxe para abrir o paraugas do xornalismo enxebre, comprometido e camaleónico de sempre capaz de taparnos da treboada tecnolóxica que xa ennegrece o horizonte.

Raquel Ríos cre que o xornalismo tradicional ten futuro na internet
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por VANESA ESTÉVEZ FERNÁNDEZ
¿Cara a onde debemos mirar? ¿Cara a un futuro no que os mass media conformaranse como donos e señores da palabra e do pensamento único ou cara a un pasado que se disipa entre o fume das fábricas do consumismo masivo e da inmediatez mediática e informativa? ¿Que deberiamos cuestionarnos? ¿A adaptación a estes tempos modernos nos que só é válido o marketing en detrimento da información, da documentación e da especialización dos contidos e do bo gusto? ¿Ou debemos voltar á busca dese xornalismo primeiro no que dar constancia da realidade de forma obxectiva e moral era o obxectivo primordial? ¿Naceu este arte de informar para ser o servo dunha industria na que prevalece a desinformación vendida como cultura, a inmediatez fronte á investigación? Ou polo contrario, ¿somos os xornalistas mecenas da información, portadores do don da palabra, da interacción entre realidade e lectores, arquitectos de historias persoais e sucesos universais, prestidixitadores da opinión pública? Multinacionais e gobernos, que disfrazan os seus intereses e a escravitude exercida xunto cos medios de comunicación lle permiten a un, supostamente, ser o dono e señor do que consume, campar pola rede sen impedimento algún; agora ben, se vostede intenta publicar un artículo que se enfronte á súa forma de pensar ou ao que a maioría considera válido, verá como todas esa ventás que lle abren os novos medios dixitais só son un paradigma ilusorio co que manternos calados e ocupados sen cuestionarnos o máis mínimo. Liñas editoriais e políticas, que marcan as pautas sobre as que escribir e redactar, empregan como emblema a bandeira da liberdade de expresión. Dannos un micrófono e unha pluma e dinnos cómo utilizala, nin sequera a era dixital se atopa a salvo da censura e a servidume. Xornalismo barato, baleiro, superfluo, absurdo, a disposición da fama e do poder. Cala e non repliques, publica e non cuestiones. Adáptate á nova era da banda ancha ou as túas letras non terán cabida. Manipula a realidade ao seu modo e semellanza aínda que iso signifique atentar contra a integridade moral e ética da esencia do xornalismo, aínda que iso supoña desacreditarte a ti mesmo e incumprir calquera dos principios deontolóxicos aprendidos durante os anos de formación académica. Inmersos en adaptarnos ás novas tecnoloxías, en publicar textos sen parar a preguntarnos que din, de onde proceden ou que investigación tanto testemuñal como documental existe detrás, deixamos a un lado ese xornalismo de rúa que nos achega ao corazón das historias, ás relacións interpersoais coas fontes e as persoas; esquecemos que as novas hoxe en día o único que buscan é audiencia e pérdese a esencia do bo xornalismo. É certo que o exercicio periodístico actual vive unha crise de identidade, que internet atrapou nas súas redes os modelos tradicionais, facéndoos desaparecer casi por completo. Que a nova era dixital permite a calquera persoa cualificada ou non publicar e exercer o “xornalismo”. O anonimato que proporciona a rede outorga liberdade de opinión, sen necesidade de contrastar fontes ou ter coñecementos sobre a materia, a todos eses pseudoperiodistas, que alardeando dunha actuación que dista moito de ser honrada e facer honra a esta profesión, desacreditan a nosa preparación e oficio. Adaptarnos aos novos tempos é unha das nosas metas pero sen esquecernos da esencia xornalista e sen deixarnos levar pola comodidade e o sensacionalismo.Non permitamos que cobre forza o que, no seu día, dixo Kapuscinsky, “Cando se descubriu que a información era un negocio, a verdade deixou de ser importante”.

Vanesa Estévez alerta do perigo de ver a información só como un negocio
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por ALBA PRADA ESTÉVEZ
Constantemente escoito comentarios desalentadores no que respecta ao futuro do Xornalismo. As palabras “crise” ou “paro” chegan tan a miúdo aos meus oídos que xa perderon ata significado, e pasaron a converterse na realidade que compón o día a día de todos os que estamos a piques de rematar os estudos de Xornalismo.
A profesión do comunicador é a día de hoxe unha das máis descoidadas e menos valoradas, e verdadeiramente, cada vez ten que facer fronte a un maior nivel de “intrusismo” no quefacer profesional que só un xornalista experimentado e formado ten capacidade para exercer con rigor. Si, as redes sociais e os blogs son mostras dunha das características que debe ter en conta a comunicación: a interactividade. Claro está que é importante permitir unha resposta por parte dos cidadáns, saber o que opinan, pero non por iso se debe un esquecer de que a figura do xornalista segue e seguirá a ser vital neste universo da sobreinformación. Digan o que digan, non todo o mundo pode exercer esta profesión simplemente por “escribir ben”, o Xornalismo é moito máis ca iso… senón para que nos estamos a formar?
Pero pese a todo isto, non temos tampouco que caer no dramatismo. Moitos problemas da profesión xa veñen de moi atrás. É certo que se agudizaron no presente, pero tan só hai que saber adaptarse, porque de sobras é sabido que a sociedade e as súas necesidades cambian. E no tocante a conseguir un oco no mundo da comunicación… pois non creo que sexa algo tan inalcanzable, sempre se dixo que “fai máis o que quere que o que pode” e ante os tempos que corren, eu dende logo vou aferrarme ao dito con máis forza ca nunca.

Alba Prada confía no esforzo dos xornalistas para saír da crise
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por VANESA BRAN BRAN
O xornalismo está atravesando unha das peores etapas dende a súa existencia. Vivimos nunha época na que a profesión xornalística e os xornalistas están bastante mal considerados xa que calquera pode facer o noso traballo sen nin sequera coñecer os códigos éticos e deontolóxicos da nosa profesión. Calquera cidadán pode actuar como corresponsal e facer noticias, sen embargo, está realmente preparado calquera cidadán para realizar pezas xornalísticas? E no caso de que isto fose así, para que estamos os futuros xornalistas formándonos académica e profesionalmente nunha facultade durante catro anos? Na miña opinión, é realmente necesario e imprescindible ter unha formación base para poder elaborar unha peza xornalística. Os profesionais da información teñen que actuar con ética e profesionalidade que un cidadán calquera non pode coñecer, posto que elaborar unha noticia vai máis aló da simple descrición dos feitos.
Por outra banda, o problema actual tamén está vinculado ós actuais intereses da audiencia. Lonxe quedou a época na que os cidadáns vían o telexornal para estar informados e interesarse polo que estaba sucedendo no mundo. Hoxe en día a audiencia xa non quere informase, a xente simplemente se conforma con ver programas banais, sen contido nin fundamento que se basean principalmente no entretemento.
Deste xeito e vendo a actual situación da profesión xornalística teríamos que pararnos a pensar que está sucedendo e que é o que podemos facer para cambiar este panorama, pois se non se empezan a tomar medidas, o futuro do xornalismo e dos profesionais desta profesión pode ir de mal en peor.

Vanesa Bran cre na necesidade dun auténtico xornalismo profesional
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro
Por LORENZO CHEDAS REDONDO
Atopámonos nun ciclo novo, ante un novo xornalismo principalmente dixital e no que a democratización da información é un eixo fundamental. Hoxe en día, a tecnoloxía ofrécenos a posibilidade de elaborar un xornal en liña ou intervir directamente noutros medios. Está claro que os medios tal e como os coñeciamos ata agora viven unha crise terminal.Está a xurdir un novo mundo mediático no que o xornalismo dixital ten un papel fundamental. Os medios tradicionais deben darlles paso co fin de que xurda así un novo sistema máis rico e que ofreza maiores posibilidades. E é que a crise dos medios tradicionais non é só económica, senón de identidade. Deste xeito, fronte a ese xornalismo afectado de problemas económicos que diminúen seriamente á súa credibilidade, xorden medios on line co mesmo ou maior poder de influencia que os medios tradicionais. Temos entón que ter claro que hoxe en día os receptores tamén producen información, no canto de só consumila. Convertéronse en autores, dando lugar así a unha experiencia máis directa dentro dos medios. A información terase que adaptar as novas circunstancias, e deberá perseguir unha nova creatividade que debe corresponder ás esixencias do seu tempo. A función do xornalista, pois, será decidir que buscar, e logo saber analizar o que din eses datos e presentalos de forma atractiva.Fan falla novos modos de pensar e de contar a realidade, máis próximos á xente, máis hipertextuais e máis visuais. A tecnoloxía pode facer moitas cousas, e máis que poderá, pero xamais debemos esquecer que ante todo e de momento segue facendo falla o talento humano para contar boas historias.Hai futuro para o xornalismo non compracente, intelixente, crítico, ben escrito e ben devandito, para a creatividade aplicada á visualización da información, para unha maior e mellor articulación coas audiencias convertidas en usuarios. Hai futuro para o xornalismo mellorado.

Lorenzo Chedas confía na supervivencia do xornalismo na era dixital
Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro