Archive

Author Archive
Maio 16th, 2012

O xornalismo, imprescindible para a democracia

Por CARLA NIMO VIÑAS

A crise do xornalismo. Realidade que se percibe día tras día nas cifras de despidos dos xornalistas máis veteranos, e no peche de cabeceiras. Tan só nos últimos catro meses rexistráronse arredor de 6.000 despidos en toda España. Un panorama moi desolador. Os medios perden coa marcha dos profesionais parte da súa memoria histórica, o que vai producir que se resinta a calidade informativa da súa produción. Esta debilidade exponencial do xornalismo afecta directamente á democracia. Empobrece o dereito á información dos cidadáns. Esta é razón máis que suficiente para loitar polo futuro do xornalismo, por encima de calquera interese económico. Os profesionais debemos pelexar por unha actividade xornalística libre de presións e escravitudes tanto políticas coma económicas. Unha actividade xornalística que lles devolva a credibilidade ós profesionais. A clave atópase nunha información libre, de calidade e con rigor. Tampouco hai que esquecer a necesidade que teñen os medios de reinventarse fronte á nova realidade dixital. Os medios tradicionais están destinados a cambiar se queren sobrevivir neste novo panorama. As necesidades dos cidadáns mudaron e o xornalismo non ten máis saída que adaptarse a este cambio. O cidadán, cada vez máis, ansía participar na creación das noticias, formar parte da rede de circulación da información. Crear fórmulas que potencien un xornalismo máis participativo dentro do entorno dixital é unha da medida que pode alongar a vida da profesión xornalística. Paralelamente a isto, existe tamén un grande perigo para a profesión máis aló da ameaza económica. Este é a perda do poder que historicamente tivo o xornalismo. O cuarto poder. O xornalismo está perdendo a forza que sempre posuíu para crear e modificar a opinión pública. Feito ó que non se lle está a dar a atención que si se lle dá á crise do negocio, e que quizais si sexa máis preocupante.

Carla Nimo Viñas

Carla Nimo aposta por un xornalismo máis participativo

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 16th, 2012

«Os medios tradicionais non existirán se non se adaptan a internet»

Por LUCÍA LÓPEZ CASTRO

O outro día unha persoa preguntoume que por que se os medios impresos ofrecían os seus contidos en formato dixital e mesmo os ampliaban, as empresas seguían a edita-las súas publicación. Sen deixarme tempo a responder, continuou dicindo que se a xente consome os xornais en internet, por que os diarios non centran a súa actividade neste novo medio. Esta persoa, sen vinculación ningunha co mundo do xornalismo, ten a mesma dúbida ca min, que levo catro anos preparando a carreira.

Afástome dos máis pesimistas para dicir que non creo na desaparición a curto/medio prazo do xornalismo, nin por tanto dos xornalistas. Creo que, o que hai é un problema de adaptación tremendo por parte das empresas de comunicación. Nick Bilton, xornalista do The New York Times e experto en redes sociais, sentenciou que «os medios tradicionais non existirán se non se adaptan a internet», e aquí é onde chegan os medos. Os de sempre incorpóranse tarde e mal ó universo dixital, e en lugar de aproveita-las innumerables oportunidades que brinda a rede de redes, anícanse a chorar nun recuncho e a prognosticar o fin da profesión. Creo que a día de hoxe non son conscientes da riqueza deste medio, nin das oportunidades de innovación que brinda.

Nunha das primeiras clases da carreira escoiteille a un mestre dicir antes de comeza-lo seu discurso: “aquel que entrase nesta facultade pensando en traballar nun medio de comunicación tal e como se coñeceron até hoxe en día, que se levante da cadeira e marche”. Teño a esperanza de que esta mensaxe calase fondo en todos nós, e sexamos unha xeración capaz de coller a rede polos cornos e conseguir que sexa unha aliada en vez dun inimigo ó que hai que vencer.

Lucía López

Lucía López está decidida a coller o 'touro' da internet polos cornos

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 16th, 2012

Borrar a pátina ou conservala?

Por NEREA MARRA MIRANDA

A crise, o termo de moda dos últimos anos, parece ser que  tamén chegou ó noso ámbito, e quere instalarse por moito tempo, pero un bo xornalista antes, agora e no futuro non se pode esquecer da súa esencia, de ofrecerlle ó público historias de rigor informativo, manter esa esencia vai ser a nosa futura tarefa. Estamos vivindo unha época de cambios pero é fundamental non deixarse dominar polo medo á novidade e ver as oportunidades que nos proporcionan as novas tecnoloxías. Modificouse o soporte, pero en ningún momento debemos esquecer que o contido debe rexerse polas mesmas regras e a ética xornalística de sempre. Na actualidade, todo mudou de ser, a comunicación xa non é unidireccional, os usuarios son consumidores e emisores da información, e as redes sociais convértense no motor desa viaxe en forma de  diálogo, onde todos os actores responsables da mesma poden chegar a ter o mesmo peso na conversación. Son novas fontes de información, das cales o profesional non pode prescindir, senón que debe ser capaz de verificalas, e explotar estas novas ferramentas como material de comunicación, investigación, información e contacto, coas que antes non contaban. Creo que é importante para un xornalista estar onde está o público, e agora mesmo son as redes sociais, polo tanto é fundamental a preparación para os cambios sociais e culturais que está xerando a tecnoloxía e para iso a profesión xornalística debe ir da man da formación académica e da modernidade. O máis importante é conseguir que se elimine a pátina que rodea a profesión, e recuperar a esencia dunha arte capaz de abrazar o importante e abandonar o accesorio. Creando un xornalismo intelixente, critico, ben escrito, creativo, aplicado á visualización da información, para conseguir unha verdadeira conexión coas audiencias.

Nerea Marra

Nerea Marra cre que os xornalistas deben aproveitar as novas tecnoloxías

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 16th, 2012

Cando poidas abrir os ollos, xornalismo

Por MANUEL VARELA FARIÑA

En abril do ano pasado, o Washington Post publicaba cinco mitos sobre o futuro do xornalismo. Se ben todos eles son desbotados, o resultado trasladado ao noso contexto non deixa de ser preocupante. Hai dous mitos desmentidos por Tom Rosentiel, director do Project for Excellence in Journalism, que chaman especialmente a atención. O primeiro residía en que os medios tradicionais daban paso a aqueles xurdidos na web; falso, di Rosentiel, xa que a meirande parte dos novos usuarios bebían de fontes habituais, caso do New York Times ou da CNN nos Estados Unidos. De trasladar esta situación ao noso entorno, atoparémonos cun abano de medios en mans de grupos económicos e baixo as directrices de lobbies políticos. Representativos? Non. Plurais? Aínda menos. Nunca viran os medios deste Estado, un asedio a súa independencia tan descaradamente déspota. Portadas que negan folgas de notorio éxito; canles autonómicas, que na súa meirande parte foran creadas como alicerces do ansiado triunfo do Estado Autonómico, en vías de privatización; ou que o presidente dun ente público mediático poida ser escollido pola maioría absoluta dun Goberno. Xornalismo do presente. A actual executiva, auspicidada polo sistema imperante, semella ter atopado a espada coa que cortar o nó gordiano da liberdade de prensa. Volvendo aos mitos de Rosentiel sobre o futuro do xornalismo, o estadounidense nega que o contido impere sobre calquera outro valor, de xeito que primará coñecer a audiencia para darlle aquilo que busca. Inquedante, se temos en conta os estándares actuais de consumo (non é momento agora de desenvolver a grella de certa canle habitualmente sintonizada no cinco). Urxe educar a unha sociedade desinteresada no valor da noticia, os medios deben exercer a súa función crítica perante as elites gobernantes e non maquillar erros, enganando a unha poboación cada vez máis pasiva e indiferente fronte a información. O xornalista arxentino Van der Kooy dicía que se os medios tiñan boa relación co goberno era porque un dos dous fallaba, o que nos leva ao tan socorrido discurso do presidente Thomas Jefferson no que “prefire periódicos sen democracia a democracia sen periódicos”. Aquí reside a función do xornalismo, sentenciado a morte cada vez que se produce un cambio tecnolóxico, pero sempre vivo mentres haxa democracia. A profesión non só soubo como sobrevivir ao paso do tempo e as innovacións intrínsecas que alberga este, senón que soubo como aproveitalas. A transición do papel á pantalla divísase evidente, aínda que non sabemos os vieiros que o xornalismo pode tomar. Sorprendeume, por poñer un caso, un exemplar en papel do USA Today, que mediante un código QR permitía ollar máis fotos dunha noticia. Para moitos un soño imposible, combinar o escrito e tanxible co dixital.

Manuel Varela

Manuel Varela cre na supervivencia do xornalismo nos novos tempos

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 9th, 2012

O futuro está na creatividade

Por SERGIO DOVAL LÓPEZ

Que o xornalismo non está a atravesar o seu mellor momento é unha realidade. Pero nós, os futuros profesionais da comunicación, xa sabiamos que apostabamos por unha profesión menosprezada na actualidade e aínda así loitamos por un soño. O soño de traballar no mundo da información o día de mañá. Pois ben, catro anos despois daquela ilusión de instituto semella que todo trocou. Canto máis preto vemos o fin da nosa etapa estudantil  e comezamos a albiscar o futuro inmediato polo que tanto loitamos, aquela ilusión semella esfumarse. E non falo por min. O certo é que, entre os estudantes de xornalismo e como exemplo este blog para o que estou escribindo, abunda un sentimento pesimista e negativo sobre o porvir laboral. Paréceme triste que loitadores coma nós, veñámonos abaixo á primeira adversidade. Debemos ser capaces de sobrepoñernos ós infortunios da era na que vivimos, a tecnolóxica. Eu aposto pola iniciativa persoal. A capacidade do profesional a adaptarse ó momento e ós múltiples cambios, que sen dúbida teñen a súa parte positiva e negativa. Coa tecnoloxía e co xornalismo 2.0 ábrese un abano de posibilidades que, ben empregadas, facilitan e axudan moito ó labor periodístico. E somos nós os principais beneficiados de ditos avances. Na actualidade existen infinidades de maneiras de facer xornalismo. E máis aínda de informar e comunicarlle unha mensaxe á sociedade. Mediante os blogs, os foros, as redes sociais, entre outros, todo o mundo pode dar a súa opinión,  xulgar e debater sobre as novas e os temas de actualidade. Pero o labor de informar, de amosar a verdadeira realidade segue a ser a nosa tarefa. Aí é onde entra a iniciativa, o esforzo e a creatividade para atopar un oco dentro desta rede de medios na que case todo o mundo xoga a ser xornalista ou informador. Nós levamos catro anos preparándonos para saber comunicar dunha forma axeitada, demostrémolo. Demostremos que seguimos sendo imprescindibles e que o bo xornalista sempre terá un oco na sociedade que sexa ou na etapa histórica que sexa.Que os problemas non nos venzan, e si nos fagan máis fortes. Que o momento de “crise” xornalística nos dea máis ganas para loitar polo futuro que hai catro anos era un soño, e mañá será unha realidade.

Sergio Doval

Sergio Doval aposta pola "iniciativa persoal" para superar a crise

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 9th, 2012

Renovar o envoltorio

Por MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Non é tempo para xornalistas. Non o digo eu, dío a realidade. A pesar de vivirmos nunha época histórica na que o xornalismo se revela como unha ferramenta indispensable para comprender que é o que acontece, o peche de medios e o despido de profesionais da información tomou nos últimos tempos un ton dramático.
En Galiza xa sabemos ben de que falamos, debe ser por iso que os débiles son os primeiros en caer neste darwinismo económico no que estamos instalados. A Peneira, Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e, por último, Xornal de Galicia botaron o peche poñendo a centos de traballadores na rúa. E agora tócalle aos grandes. Tanto que nas últimas semanas fixéronse populares nas redes sociais os hashtags #ElfindeELMUNDO e #ElfindeELPAÍS, en referencia aos avultados ERE´s anunciados por ambas empresas.
Mais, que é o que falla? A información xa non vende? A Internet fai estragos? Quizais sexa unha suma de todo isto. Evidentemente as empresas da comunicación e, por tanto, os seus xornalistas, non escapan dos números vermellos que afectan ao resto de negocios do noso tecido produtivo. No caso deste sector, a falta de consumo e a menor inversión publicitaria son un hándicap. Mais tamén é certo que a Internet alterou por completo un vello modelo de negocio que polo momento parece que non se volveu atopar consigo mesmo. Ten a súa lóxica que o consumo de, por exemplo, prensa en papel caia en picado se o lector pode ter acceso a esa información no seu ordenador e a custo cero.
E ante este panorama, que facemos? Pois renovarse ou morrer. O futuro comeza a revelar un horizonte con Internet como protagonista. E isto non é baladí. Máis alá da nova linguaxe do xornalismo multimedia a rede abre a porta a novas ferramentas e  fontes de información que na actualidade están a ser campo de cultivo de grandes historias. As leis de transparencia aprobadas xa hai anos en moitos países europeos e a facilidade de acceso a través da rede a estes datos están dando lugar a novas fórmulas de investigar e a un mundo novo de informacións posibles que os xornalistas do futuro teremos que coñecer e dominar.
E todo isto non exclúe os medios impresos de ter o seu espazo, sobre todo no curto e medio prazo desta transición masiva ao dixital. A prensa en papel quizais teña o seu potencial á hora de trasladar historias, reportaxes e informacións máis atemporais, máis pausadas e sosegadas que sexan quen de ter vixencia días, semanas e incluso meses despois de seren publicadas. O que está claro é que o papel xa non pode competir en rapidez e actualidade con dispositivos móbiles e redes sociais que fan que o mundo se actualice para todos a cada minuto.
Pero isto só é envoltorio. As claves do xornalismo do futuro serán as mesmas que as do pasado e as do presente: esa “lucidez, desobediencia, ironía e obstinación” da que falaba Albert Camus e que hoxe teñen máis vixencia que nunca.

Miguel Rodríguez

Miguel Rodríguez avoga pola "lucidez, desobediencia, ironía e obstinación"

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 9th, 2012

Cando o futuro se converte en presente

Por LUCÍA DOMÍNGUEZ BÓVEDA

O futuro xa non é futuro, senón presente. Non é que podamos seguir falando das novelas de ciencia ficción cheas de aparatos incribles e máquinas que semellan doutro planeta. Os trebellos chegaron e os robots que ían cambiar a nosa vida, tamén. Din que nese futuro que case é presente, o xornalismo está en crise, a piques de morrer ou pasar a mellor vida a mans dos cidadáns, máis informados ás veces incluso que os propios xornalistas. Semella obrigatorio meter Internet cada dúas palabras no debate arredor do futuro do xornalismo. Eu non son quen para decidir se hai que facelo ou non. Pero o que si que non debemos esquecer é que a web non é un medio, senón unha simple ferramenta. Como antes o sucedeu coa aparición do teléfono, ou do telegrama. A profesión segue sendo a mesma que hai 20 anos, e a paixón que profesamos aqueles que nos adicamos, ou soñamos con adicarnos a isto, polo oficio segue intacta. Poida que o xornalismo estea pasando por un momento difícil e que os camiños se tornen complicados no incerto futuro. Pero o que non pode cambiar é a base da profesión, as razóns polas que o facemos. Non podemos esquecer que sen xornalismo non hai democracia, aínda que sexa esa unha palabra tan gastada a día de hoxe.De vez en cando, gústame pensar que non está todo perdido que, precisamente, a solución está nas nosas mans. Se queremos falar do futuro do xornalismo, temos que comezar falando de nós mesmos, dos xornalistas de ese futuro que, xa case, é presente. E deixar de dalo todo por perdido.

Lucía Domínguez Bóveda

Lucía Domínguez Bóveda avisa da chegada do 'temido' futuro

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 9th, 2012

O xornalismo e a súa calidade

Por SARA PRADERA CIBREIRO

Que o xornalismo non está pasando por un bo momento non é un misterio. Nuns meses, remataremos a carreira e as perspectivas que se nos ofrecen non son moi alentadoras: medios de comunicación pechando, cada vez menos oferta laboral, contratos basura, etc… Con todos os avances que temos hoxe en día, calquera persoa pode informar e comunicar. Pero entón, que diferenzas hai cun xornalista? O xornalista ten que saber ofrecer unha información distinta ó resto da xente: ten que ofrecer unha información de calidade e veraz e coa maior obxectividade posible. A tecnoloxía avanza a pasos axigantados e iso hai que aproveitalo e non deixar que se converta nun obstáculo. Internet pisa forte no terreo da comunicación, debido á súa rapidez e inmediatez,  pero de momento non conseguiu eclipsar os demais soportes, e aínda que moitos xornais apuntáronse ás edicións dixitais, os mellores seguen mantendo a súa edición en papel. A rede e o papel conviven hoxe en día, e aínda que o primeiro parece máis forte, ambos se complementan ben, xa que o papel serve para transmitir cousas que coa rede non podemos.“Se somos capaces de combinar a diversidade de fontes e testemuñas que ofrecen as novas tecnoloxías co bo facer tradicional dos  medios, poderemos construír o futuro e teremos unha nova idade de ouro no xornalismo” (Arianna Huffington).

Sara Pradera Cibreiro

Sara Pradera aposta pola convivencia dos xornais en papel coa internet

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 9th, 2012

As rutinas autistas do xornalismo

Por MARTA ÁLVAREZ PENA

“Non teñas présa por acabar, que está todo moi mal” é o alentador consello dun profesional do sector ao termo da carreira. Máis ca un lamento pola situación actual, a crise mediática converteuse nun argumento, un escudo baixo o cal nos agochamos agardando a que todo pase. Que nos levou a este punto? Convén lembrar que a prensa xa pasaba por dificultades antes da crise económica, e que esta non fixo máis que agravar a perda de lectores. A crise do xornalismo, máis ca causa, é a consecuencia dun problema maior: a traizón da súa esencia. O Cuarto Poder, que naceu para dar voz á sociedade, serve a outros intereses (políticos ou económicos) e foi perdendo o contacto co público. O “oficinismo” é agora unha das rutinas sobre as que se asenta, e prefire as notas de prensa ou as entrevistas por teléfono ao xornalismo de rúa e a comunicación directa coas fontes. É entón cando xorde a desconfianza dos lectores, cando buscan o poder que os medios non lles dan. E atópano en Internet, onde non se limitan a ler, ver ou escoitar, senón que poden participar e facerse oír. Como expresa Ramón Salaverría: “O carácter intrinsecamente interactivo da Rede obriga a que os xornalistas revisen os seus hábitos a miúdo autistas en relación cos lectores. E non só dentro da Rede. Tamén fóra dela”. Teño fe en que esta etapa difícil para os xornalistas nos axudará a aprender dos nosos erros para mellorar. Non nos obsesionemos cos soportes. O futuro da profesión depende do noso compromiso co público e da calidade da información. E sobre todo, non temamos o cambio. Como dixo Einstein: “Non pretendamos que as cousas cambien se sempre facemos o mesmo. Traballemos o noso talento e as nosas habilidades para atopar solucións. Rematemos dunha vez coa única crise ameazadora, que é a traxedia de non querer loitar por superala”.

Marta Álvarez Pena

Marta Álvarez Pena critica o actual 'oficinismo' de moitos xornalistas

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 3rd, 2012

Renovarse ou morrer

Por NATALIA NÓVOA VÁZQUEZ

Moitos foron os que auguraron que coa chegada da televisión a radio tocaría fondo, desaparecería. Isto mesmo ocorreu coa prensa escrita cando apareceu o medio radiofónico: parecía que aos diarios lle quedaban catro días. Pero como todos sabemos, ningún novo medio enterrou o anterior. Máis ben sumouse a lista de medios de comunicación e aumentaron, deste modo, as posibilidades. A radio, pois, sobreviviu e, a súa vez, ampliou as súas fronteiras. De ser o medio rei hai sesenta anos, hoxe é un dos medios máis populares. Iso mesmo semella que lle ocorrerá a prensa escrita coa chegada das tecnoloxías 2.0. Non nos enganemos, a prensa tal e como a coñecemos hoxe non vai desaparecer, ó igual que non o fixeron as grandes emisoras de radio. O que si é certo é que este tipo de xornalismo terá que renovarse e reorientarse ao igual que lle pasou a radio cos podcasting. Probablemente, nun futuro non moi afastado, as redaccións de prensa deixarán de estar ateigadas deses xornalistas de axenda e libreto en man que serán substituídos por profesionais capaces de producir información inmediata e rápida para os medios on line.Deste modo, a prensa escrita e os xornalistas que se adiquen a ela representarán un conxunto moi reducido da área xornalística, feito que fará que este tipo de información sexa consultada por aquela poboación que desexe nutrirse dun coñecemento máis profundo e serio. Pero isto lonxe de supor algo negativo representa un feito positivo, posto que o xornalismo de verdade volverá ás orixes, a axenda e o libreto en man. Mentres que os medios on line serán unha fonte de consulta rápida, válidos, unicamente, para saciar a curiosidade máis inmediata, a de aqueles que precisen unha resposta rápida.

Natalia Nóvoa

Natalia Nóvoa cre na convivencia dos distintos tipos de xornalismo

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro