Archive

Archive for Marzo 14th, 2012
Marzo 14th, 2012

Non hai mal que cen anos dure

Por MARÍA LUCÍA GONZÁLEZ BARBOSA

Dentro do xornalismo estamos a vivir unha mala época, tempos escuros están por chegar, un futuro incerto no que exercer a profesión para a que estudamos é un feito que se ve efémero. Mentres tanto a opción é seguir preparándose, seguir estudando e ampliando coñecementos  para afrontar o mundo profesional en primeira liña. Un mundo profesional que polo momento vemos lonxe, pero que tarde ou cedo chegará, sexa dentro ou fóra das nosas expectativas xeográficas. Pode ser que o futuro estea lonxe, que aquilo que máis ansías facer se atope noutras fronteiras e que sacrificar cousas como familia e amigos sexan o prezo a pagar por ter unha oportunidade laboral á altura do que queremos (e podemos) chegar a ser. O camiño ata aí será duro, traballo e máis traballo, cousas que serán un deleite para nós facer e outras que non suporán un pracer, pero se ten unha boa meta clara todo o que se adiante polo camiño non será en van. Porque ese será o noso futuro, un mundo no que canto máis poidas abarcar máis lonxe chegarás, máis preparado estarás e máis opcións poderás ter. Un obxectivo claro é o punto de partida para comezar a etapa que nos agarda unha vez a facultade quede no pasado das nosas vidas, un obxectivo a conseguir e polo que loitar coa preparación por bandeira.

María Lucía González

Lucía González aposta pola preparación de cara ó futuro

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 14th, 2012

Curar sen paliativos

Por FÁTIMA FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ

O problema é que unha se sente tentada a falar de medios cando o que se pon en cuestión é o futuro do xornalismo. O mesmo que falar de engurras cando o paciente está enfermo do corazón. Antes das coñecidas dificultades conxunturais, xa os piares do xornalismo languidecían nunha sorte de alzheimer inducido.Coa mirada ausente, o paciente di ser xornalismo, pero non lembra a que dedicou a súa vida. Case non recorda a seus pais e recoñece con dificultade os fillos que con máis orgullo levaron o seu apelido. Repite o que escoita para esquecelo no instante seguinte e non reflexiona xamais. Divaga e cala, alternativamente.Son moitos os que proclaman que o seu non ten remedio. “Xa que non pode interpretar, copie”; “xa que non entende, cale”, aconséllanlle. E chámanlle eufemisticamente “notario da realidade” cando queren dicir “escribán”. Disque son paliativos para axudar a que morra sen dor. É certo. Ententido como simple intermediario entre quen pode falar e quen debe escoitar, é moi probable que no futuro o xornalismo non sexa máis que un vestixio patrimonial ao xeito da fidalguía. Pero, acaso é iso xornalismo? Que non os enganen; non se trata só de observar e transcribir, senón de intervir, de prender mechas, de deixar ronseis. O cuarto poder dilúese tras os outros tres nunha actitude submisa e compracente que agocha o medo a saír da ringleira. Chámenlle xornalismo se queren, pero é outra cousa. A este enfermo só o curan as vellas menciñas. Compromiso, honestidade, independencia e vocación. Non será doado recuperalos, pero moito menos o sería aprender a vivir sen eles. Nunha folla, na rede ou dende o alto dunha cadeira, o soporte pouco importa. O importante é berrarlle ao futuro que levamos os petos cargados de xornalismo.

Fátima Fernández

Fátima ve o xornalismo como un paciente que precisa unha cura

 

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 14th, 2012

O xornalismo debe mudar ó ritmo da sociedade pero non a súa esencia

Por LAURA MOURE MIGUÉLEZ

A sociedade está en continuo cambio e o mesmo acontece co xornalismo. Esta é unha disciplina que está ó servizo da humanidade e ambas deben mudar en paralelo. O xornalismo do futuro será moi tecnificado. Algo que xa se pode aprezar no presente. Isto significa que as tecnoloxías serán as ferramentas máis útiles coas que traballará o xornalista do futuro. Internet facilitará o traballo xornalístico sempre e cando se saiba usar con moderación e correción. Porén, niso xorde unha situación contradictoria.Por un lado, Internet favorece o xornalismo, pero pola contra, pode convertirse nun perigo para a súa existencia. A través da rede, calquera, sexa licenciado ou non, pode acadar o papel de informador. Isto pódese ver nas redes sociais e nos blogs, onde se publican a miúdo informacións. O problema do xornalismo do futuro é a calidade e a credibilidade. Antes o xornalismo era considerado o cuarto poder, non obstante, agora hai unha visión negativa del. Isto débese ás novas tecnoloxías e á creación de información por calquera. Isto fai que se considere xornalismo todo texto sexa ou non elaborado por un xornalista, e o máis importante, pase ou non un control de calidade. Na actualidade, a teoría de varios é que calquera pode ser xornalista. Isto provocará a desaparición do xornalismo coñecido como tal. Ante isto, os novos xornalistas debemos ter claro que os principios éticos e a esencia do xornalismo non deben desaparecer. É o que nos diferenciará dos demais. Hai que engadir que o noso procedemento de contraste e as rutinas que seguimos cargan de calidade e de estilo propio o noso traballo, polo que será un punto a favor nosa.En conclusión, a supervivencia do xornalismo está en perigo e os únicos que o poden salvar son os xornalistas. Só facendo algo de calidade, o noso traballo será valorado positivamente, e desta forma, o xornalismo e os xornalistas seremos unha peza clave na vida de toda persoa que  necesita informarse.

LAURAMOURE2

Debemos practicar un xornalismo de calidade

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro