Archive

Archive for Marzo, 2012
Marzo 26th, 2012

O xornalista, unha especie en perigo de extinción

Por VANESA ESTÉVEZ FERNÁNDEZ

¿Cara a onde debemos mirar? ¿Cara a un futuro no que os mass media conformaranse como donos e señores da palabra e do pensamento único ou cara a un pasado que se disipa entre o fume das fábricas do consumismo masivo e da inmediatez mediática e informativa? ¿Que deberiamos cuestionarnos? ¿A adaptación a estes tempos modernos nos que só é válido o marketing en detrimento da información, da documentación e da especialización dos contidos e do bo gusto? ¿Ou debemos voltar á busca dese xornalismo primeiro no que dar constancia da realidade de forma obxectiva e moral era o obxectivo primordial? ¿Naceu este arte de informar para ser o servo dunha industria na que prevalece a desinformación vendida como cultura, a inmediatez fronte á investigación? Ou polo contrario, ¿somos os xornalistas mecenas da información, portadores do don da palabra, da interacción entre realidade e lectores, arquitectos de historias persoais  e sucesos universais, prestidixitadores da opinión pública? Multinacionais e gobernos, que disfrazan os seus intereses e a escravitude exercida xunto cos medios de comunicación lle permiten a un, supostamente, ser o dono e señor do que consume, campar pola rede sen impedimento algún; agora ben, se vostede intenta publicar un artículo que se enfronte á súa forma de pensar ou ao que a maioría considera válido, verá como todas esa ventás que lle abren os novos medios dixitais só son un paradigma ilusorio co que manternos calados e ocupados sen cuestionarnos o máis mínimo. Liñas editoriais e políticas, que marcan as pautas sobre as que escribir e redactar, empregan como emblema a bandeira da liberdade de expresión. Dannos un micrófono e unha pluma e dinnos cómo utilizala, nin sequera a era dixital se atopa a salvo da censura e a servidume. Xornalismo barato, baleiro, superfluo, absurdo, a disposición da fama e do poder. Cala e non repliques, publica e non cuestiones. Adáptate á nova era da banda ancha ou as túas letras non terán cabida. Manipula a realidade ao seu modo e semellanza aínda que iso signifique atentar contra a integridade moral e ética da esencia do xornalismo, aínda que iso supoña desacreditarte a ti mesmo e incumprir calquera dos principios deontolóxicos aprendidos durante os anos de formación académica. Inmersos en adaptarnos ás novas tecnoloxías, en publicar textos sen parar a preguntarnos que din, de onde proceden ou que investigación tanto testemuñal como documental existe detrás, deixamos a un lado ese xornalismo de rúa que nos achega ao corazón das historias, ás relacións interpersoais coas fontes e as persoas; esquecemos que as novas hoxe en día o único que buscan é audiencia e pérdese a esencia do bo xornalismo. É certo que o exercicio periodístico actual vive unha crise de identidade, que internet atrapou nas súas redes os modelos tradicionais, facéndoos desaparecer casi por completo. Que a nova era dixital permite a calquera persoa cualificada ou non publicar e exercer o “xornalismo”. O anonimato que proporciona a rede outorga liberdade de opinión, sen necesidade de contrastar fontes ou ter coñecementos sobre a materia, a todos eses pseudoperiodistas, que alardeando dunha actuación que dista moito de ser honrada e facer honra a esta profesión, desacreditan a nosa preparación e oficio. Adaptarnos aos novos tempos é unha das nosas metas pero sen esquecernos da esencia xornalista e sen deixarnos levar pola comodidade e o sensacionalismo.Non permitamos que cobre forza o que, no seu día, dixo Kapuscinsky,  “Cando se descubriu que a información era un negocio, a verdade deixou de ser importante”.

Vanesa Estévez

Vanesa Estévez alerta do perigo de ver a información só como un negocio

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 26th, 2012

Ante a adversidade hai que crecerse

Por ALBA PRADA ESTÉVEZ

Constantemente escoito comentarios desalentadores no que respecta ao futuro do Xornalismo. As palabras “crise” ou “paro” chegan tan a miúdo aos meus oídos que xa perderon ata significado, e pasaron a converterse na realidade que compón o día a día de todos os que estamos a piques de rematar os estudos de Xornalismo.
A profesión do comunicador é a día de hoxe unha das máis descoidadas e menos valoradas, e verdadeiramente, cada vez ten que facer fronte a un maior nivel de “intrusismo” no quefacer profesional que só un xornalista experimentado e formado ten capacidade para exercer con rigor. Si, as redes sociais e os blogs son mostras dunha das características que debe ter en conta a comunicación: a interactividade. Claro está que é importante permitir unha resposta por parte dos cidadáns, saber o que opinan, pero non por iso se debe un esquecer de que a figura do xornalista segue e seguirá a ser vital neste universo da sobreinformación. Digan o que digan, non todo o mundo pode exercer esta profesión simplemente por “escribir ben”, o Xornalismo é moito máis ca iso… senón para que nos estamos a formar?
Pero pese a todo isto, non temos tampouco que caer no dramatismo. Moitos problemas da profesión xa veñen de moi atrás. É certo que se agudizaron no presente, pero tan só hai que saber adaptarse, porque de sobras é sabido que a sociedade e as súas necesidades cambian. E no tocante a conseguir un oco no mundo da comunicación… pois non creo que sexa algo tan inalcanzable, sempre se dixo que “fai máis o que quere que o que pode” e ante os tempos que corren, eu dende logo vou aferrarme ao dito con máis forza ca nunca.

Alba Prada

Alba Prada confía no esforzo dos xornalistas para saír da crise

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 21st, 2012

Imos de mal en peor

Por VANESA BRAN BRAN

O xornalismo está atravesando unha das peores etapas dende a súa existencia. Vivimos nunha época na que a profesión xornalística e os xornalistas están bastante mal considerados xa que calquera pode facer o noso traballo sen nin sequera coñecer os códigos éticos e deontolóxicos da nosa profesión. Calquera cidadán pode actuar como corresponsal e facer noticias, sen embargo, está realmente preparado calquera cidadán para realizar pezas xornalísticas? E no caso de que isto fose así, para que estamos os futuros xornalistas formándonos académica e profesionalmente nunha facultade durante catro anos? Na miña opinión, é realmente necesario e imprescindible ter unha formación base para poder elaborar unha peza xornalística. Os profesionais da información teñen que  actuar con ética e profesionalidade que un cidadán calquera non pode coñecer, posto que elaborar unha noticia vai máis aló da simple descrición dos feitos.
Por outra banda, o problema actual tamén está vinculado ós actuais intereses da audiencia. Lonxe quedou a época na que os cidadáns vían o telexornal para estar informados e interesarse polo que estaba sucedendo no mundo. Hoxe en día a audiencia xa non quere informase, a xente simplemente se conforma con ver programas banais, sen contido nin fundamento que se basean principalmente no entretemento.
Deste xeito e vendo a actual situación da profesión xornalística teríamos que pararnos a pensar que está sucedendo e que é o que podemos facer para cambiar este panorama, pois se non se empezan a tomar medidas, o futuro do xornalismo e dos profesionais desta profesión pode ir de mal en peor.

Foto vanesa bran2

Vanesa Bran cre na necesidade dun auténtico xornalismo profesional

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 20th, 2012

Unha nova etapa para un novo xornalismo

Por LORENZO CHEDAS REDONDO

Atopámonos nun ciclo novo, ante un novo xornalismo principalmente dixital e no que a democratización da información é un eixo fundamental. Hoxe en día, a tecnoloxía ofrécenos a posibilidade de elaborar un xornal en liña ou intervir directamente noutros medios. Está claro que os medios tal e como os coñeciamos ata agora viven unha crise terminal.Está a xurdir un novo mundo mediático no que o xornalismo dixital ten un papel fundamental. Os medios tradicionais deben darlles paso co fin de que xurda así un novo sistema máis rico e que ofreza maiores posibilidades. E é que a crise dos medios tradicionais non é só económica, senón de identidade. Deste xeito, fronte a ese xornalismo afectado de problemas económicos que diminúen seriamente á súa credibilidade, xorden medios on line co mesmo ou maior poder de influencia que os medios tradicionais. Temos entón que ter claro que hoxe en día os receptores tamén producen información, no canto de só consumila. Convertéronse en autores, dando lugar así a unha experiencia máis directa dentro dos medios. A información terase que adaptar as novas circunstancias, e deberá perseguir unha nova creatividade que debe corresponder ás esixencias do seu tempo. A función do xornalista, pois, será decidir que buscar, e logo saber analizar o que din eses datos e presentalos de forma atractiva.Fan falla novos modos de pensar e de contar a realidade, máis próximos á xente, máis hipertextuais e máis visuais. A tecnoloxía pode facer moitas cousas, e máis que poderá, pero xamais debemos esquecer que ante todo e de momento segue facendo falla o talento humano para contar boas historias.Hai futuro para o xornalismo non compracente, intelixente, crítico, ben escrito e ben devandito, para a creatividade aplicada á visualización da información, para unha maior e mellor articulación coas audiencias convertidas en usuarios. Hai futuro para o xornalismo mellorado.

Lorenzo Chedas Redondo

Lorenzo Chedas confía na supervivencia do xornalismo na era dixital

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 20th, 2012

Unha crise estrutural

Por ALBA FELÍPEZ REGUEIRA

Houbo unha época que non nos queda moi lonxe no tempo durante a cal o oficio de xornalista era un dos máis admirados e con máis prestixio do panorama nacional. Desafortunadamente,  en poucos anos esta situación mudou radicalmente. Non só se desprestixiou en boa medida o traballo dos xornalistas, senón que moitos autores comezaron a apuntar ideas sobre a pouca utilidade do traballo do xornalista nunha época futura. A pregunta que cada día máis xente se fai é se se trata dunhas ideas pesimistas ou forman parte dunha realidade cada vez máis próxima.Os que nestes momentos estamos a piques de rematar a nosa formación na profesión de contar cousas, negámonos a aceptar tales afirmacións. O futuro do xornalismo e dos xornalistas pasará por modificar en certa medida o panorama actual. Se ben é certo que a situación xa veu mudando moito nos últimos anos, a era tecnolóxica que estamos a vivir trae consigo a posibilidade de usar ferramentas que nos poden ser moi desfavorables e supoñer eivas no noso camino, pero tamén poden ser moi útiles para reinventarnos e revitalizar dalgún xeito a profesión.A utilización de novas vías de difusión como a internet e sobre todo a creatividade deben ser pezas chave para salvar o oficio de comunicar. Á maioría dos xornalistas gústalles escribir e exercer o clásico da profesión pero na situación de crise laboral, social a nivel mundial e máis concretamente  desta crise  estrutural do mundo da comunicación, non todos poderán seguir vivindo disto tal e como o coñecemos ata o de agora. Neste momento, no que calquera persoa a través das redes sociais pode emitir noticias e informar a sociedade, o labor do xornalista ten que vir marcado por reforzar a credibilidade, por marcar a diferenza, por caracterizarnos pola creatividade. Estamos acostumados a ver xornalistas asalariados pero, ¿por que non crear unha empresa propia? Unha pequena empresa da información na internet, por exemplo, a modo dun xornal con rasgos e características diferenciais, videoblogs con voz crítica, etc. Son tan só ideas, pero se cadra son algunhas destas ideas as que nos poden axudar a solucionar unha crise que pasa pola modificación da estrutura da comunicación.

ALBA FELIPEZ REGUEIRA

Alba Felípez aposta polo emprendemento entre os xornalistas

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 14th, 2012

Non hai mal que cen anos dure

Por MARÍA LUCÍA GONZÁLEZ BARBOSA

Dentro do xornalismo estamos a vivir unha mala época, tempos escuros están por chegar, un futuro incerto no que exercer a profesión para a que estudamos é un feito que se ve efémero. Mentres tanto a opción é seguir preparándose, seguir estudando e ampliando coñecementos  para afrontar o mundo profesional en primeira liña. Un mundo profesional que polo momento vemos lonxe, pero que tarde ou cedo chegará, sexa dentro ou fóra das nosas expectativas xeográficas. Pode ser que o futuro estea lonxe, que aquilo que máis ansías facer se atope noutras fronteiras e que sacrificar cousas como familia e amigos sexan o prezo a pagar por ter unha oportunidade laboral á altura do que queremos (e podemos) chegar a ser. O camiño ata aí será duro, traballo e máis traballo, cousas que serán un deleite para nós facer e outras que non suporán un pracer, pero se ten unha boa meta clara todo o que se adiante polo camiño non será en van. Porque ese será o noso futuro, un mundo no que canto máis poidas abarcar máis lonxe chegarás, máis preparado estarás e máis opcións poderás ter. Un obxectivo claro é o punto de partida para comezar a etapa que nos agarda unha vez a facultade quede no pasado das nosas vidas, un obxectivo a conseguir e polo que loitar coa preparación por bandeira.

María Lucía González

Lucía González aposta pola preparación de cara ó futuro

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 14th, 2012

Curar sen paliativos

Por FÁTIMA FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ

O problema é que unha se sente tentada a falar de medios cando o que se pon en cuestión é o futuro do xornalismo. O mesmo que falar de engurras cando o paciente está enfermo do corazón. Antes das coñecidas dificultades conxunturais, xa os piares do xornalismo languidecían nunha sorte de alzheimer inducido.Coa mirada ausente, o paciente di ser xornalismo, pero non lembra a que dedicou a súa vida. Case non recorda a seus pais e recoñece con dificultade os fillos que con máis orgullo levaron o seu apelido. Repite o que escoita para esquecelo no instante seguinte e non reflexiona xamais. Divaga e cala, alternativamente.Son moitos os que proclaman que o seu non ten remedio. “Xa que non pode interpretar, copie”; “xa que non entende, cale”, aconséllanlle. E chámanlle eufemisticamente “notario da realidade” cando queren dicir “escribán”. Disque son paliativos para axudar a que morra sen dor. É certo. Ententido como simple intermediario entre quen pode falar e quen debe escoitar, é moi probable que no futuro o xornalismo non sexa máis que un vestixio patrimonial ao xeito da fidalguía. Pero, acaso é iso xornalismo? Que non os enganen; non se trata só de observar e transcribir, senón de intervir, de prender mechas, de deixar ronseis. O cuarto poder dilúese tras os outros tres nunha actitude submisa e compracente que agocha o medo a saír da ringleira. Chámenlle xornalismo se queren, pero é outra cousa. A este enfermo só o curan as vellas menciñas. Compromiso, honestidade, independencia e vocación. Non será doado recuperalos, pero moito menos o sería aprender a vivir sen eles. Nunha folla, na rede ou dende o alto dunha cadeira, o soporte pouco importa. O importante é berrarlle ao futuro que levamos os petos cargados de xornalismo.

Fátima Fernández

Fátima ve o xornalismo como un paciente que precisa unha cura

 

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 14th, 2012

O xornalismo debe mudar ó ritmo da sociedade pero non a súa esencia

Por LAURA MOURE MIGUÉLEZ

A sociedade está en continuo cambio e o mesmo acontece co xornalismo. Esta é unha disciplina que está ó servizo da humanidade e ambas deben mudar en paralelo. O xornalismo do futuro será moi tecnificado. Algo que xa se pode aprezar no presente. Isto significa que as tecnoloxías serán as ferramentas máis útiles coas que traballará o xornalista do futuro. Internet facilitará o traballo xornalístico sempre e cando se saiba usar con moderación e correción. Porén, niso xorde unha situación contradictoria.Por un lado, Internet favorece o xornalismo, pero pola contra, pode convertirse nun perigo para a súa existencia. A través da rede, calquera, sexa licenciado ou non, pode acadar o papel de informador. Isto pódese ver nas redes sociais e nos blogs, onde se publican a miúdo informacións. O problema do xornalismo do futuro é a calidade e a credibilidade. Antes o xornalismo era considerado o cuarto poder, non obstante, agora hai unha visión negativa del. Isto débese ás novas tecnoloxías e á creación de información por calquera. Isto fai que se considere xornalismo todo texto sexa ou non elaborado por un xornalista, e o máis importante, pase ou non un control de calidade. Na actualidade, a teoría de varios é que calquera pode ser xornalista. Isto provocará a desaparición do xornalismo coñecido como tal. Ante isto, os novos xornalistas debemos ter claro que os principios éticos e a esencia do xornalismo non deben desaparecer. É o que nos diferenciará dos demais. Hai que engadir que o noso procedemento de contraste e as rutinas que seguimos cargan de calidade e de estilo propio o noso traballo, polo que será un punto a favor nosa.En conclusión, a supervivencia do xornalismo está en perigo e os únicos que o poden salvar son os xornalistas. Só facendo algo de calidade, o noso traballo será valorado positivamente, e desta forma, o xornalismo e os xornalistas seremos unha peza clave na vida de toda persoa que  necesita informarse.

LAURAMOURE2

Debemos practicar un xornalismo de calidade

Curso 2012, Xornalismo no futuro

Marzo 7th, 2012

Non hai papel para tantas árbores

Por IRIA AMEIXEIRAS

Miguel Anxo defendía que a escultura xa existía dentro da pedra. O milagre consistía en retirar as capas de mármore que a mantiñan oculta. Paralelamente: o xornalismo. O xornalismo funciona alimentándose de melocotóns que cruzan Oriente e Occidente co único fin de dar coa súa cáscara dura. A súa semente, que é semente e historia. Todo o demais estorba. O resto non serve para plantar, para que nazan árbores plurais das que sae o papel. E así unha e outra vez, o xornalista irá facendo aparecer a dentadas esa casca, a súa figura, a súa historia. A noticia. Nunca resistín a tentación de crer que o xornalismo se fornecía correndo en bicicleta dunha punta a outra da Costa da Morte, que as crónicas desde os Balcáns se narraban polas tardes desde un teléfono e tiñan titulares nos almorzos do día seguinte, nin sequera dubidei en pensar que para ser xornalista había que levar gabardina e sombreiro da marca Billy Wilder. En 2009 a redacción do San Francisco Chronicle era unha pantasma con Pulitzers colgados das paredes descoloridas. Agora dise que alguén leu que nos xornais escriben que Exupèry é unha marca de perfumes e que a garganta profunda lle concederon a xubilación anticipada, mentres os rotativos continúan coa revelación de novas que caducaron onte en Internet. Ao mellor en Finlandia os xornais non contan esas cousas porque, se non, ¿como se podería explicar que un estudante recibise unha subscrición a un xornal coma agasallo de aniversario? O feito de que os universitarios teñan descontos para acceder aos xornais é unha práctica común en Europa. Nos países escandinavos ler a prensa é conditio sine qua non para entender o mundo.No eido académico tamén pelexan para que Internet sexa o martelo co que se constrúa a prensa do futuro, e non unha arma que a escache. Malia que apenas hai diálogo entre académicos e profesionais, todos sinalan á Rede. No entanto, as historias do ciberespazo só teñen sentido se cobran vida na realidade. E o xornalista terá que estar aí co seu caderno, o seu iPad ou un cybor, preparado para contalas. Só agardo que entón haxa por fin papel para tanta árbore.

Iria Ameixeiras. Finlandia.

Iria formula a hipótese de que o futuro pode estar na internet

Curso 2012, Xornalismo no futuro