Archive

Archive for Xuño, 2011
Xuño 27th, 2011

Xornalismo, novas metas

Por MIRIAM GONZÁLEZ FRANCISCO

Estamos nun momento de cambio, de transición; os vellos modelos xornalísticos parecen estar esgotados pola crecente oledade de posibilidades que internet ofrece. A día de hoxe conviven dous patróns moi distinstos dunha mesma materia, pero non se sabe por canto tempo.
As saídas profesionais para esta titulación son realmente complicadas, e non son moi numerosas. Hai moi pouca oferta para tanta demanda. Predecir un futuro a longo plazo é moi complexo xa que fai un década poucas persoas podían imaxinar o rumbo que esta disciplina, a de comunicar, ía tomar.
Así pois, hoxe en día está claro que o futuro pasa por internet. A maridaxe entre internet e o xornalismo parace indisoluble. É preciso unha adaptación por ambas partes, adaptar o xornalismo e tamén adaptar internet como soporte da comunicación. Pero sen dúbida o máis importante para o futuro é frear a involucion que o xornalismo está padecer debido as prácticas extendidas do amarelismo e falta de rigor informativo. Na miña opinión o máis importante é unha volta neste caso aos vellos modelos onde se trataba de informar e non de entreter absolutamente con todos os contidos.
Polo tanto hai duas metas a da adaptación ao novo soporte e tamén a rectificación das formas nos contidos.

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

Xornalismo no futuro, un panorama absolutamente desalentador

Por MIGUEL ALBO

Particularmente, teño pouca confianza no futuro do xornalismo. Creo que, ao igual que a clase política, os referentes xornalísticos polos que moitos decidimos escoller estos estudos para labrarnos un porvir, pero sobre todo para cumprir cunha vocación e idea de vida, estanse degradando a pasos axigantados. Cada vez aparecen menos xornalistas “de raza” como os que moitos vimos ou crimos ver cando éramos pequenos e o peor é que cando xurde algún vese como unha noticia. Creo que é algo así aconteceu hai unha semanas coa xornalista da TVE Ana Pastor.
A elo se une que, desde moitos puntos e mesmo desde os propios medios de comunicación, se está dando paso a unha intoxicación que practicamente xa está ferindo de morte a credibilidade dunha profesión que sen este concepto perde calquera tipo de razón de existencia. Hai medios e xornalistas que manipulan e minten sen importarlles o máis mínimo, facéndolle o traballo a un partido político ou a determinados intereses espúreos, un feito que considero extremadamente grave.O panorama é absolutamente desalentador en todos os sentidos. Medios que pechan, xornalistas que quedan na rúa, contratos precarios, editores que se venden ao mellor postor ou subvención pública para que a súa empresa poda subsistir son, desgraciadamente, o pan noso de cada día.
E logo está Internet, unha ferramenta cada vez máis útil para os xornalistas pero que penso que en pouco tempo se pode converter nunha arma de dobre fío. A rede xa mudou, está mudando e rematará por mudar o concepto de xornalismo que temos na actualidade. Reitero que como ferramenta serve de tremenda axuda, pero creo que moitas veces desde a propia profesión nos deixamos levar por ela e pode chegar un punto no que o xornalista deixe de ser preciso. Se determinadas actitudes, que incluso na maioría das ocasións se fomentan desde os propios medios, como as seccións ou apartados de “cóntanolo tu mesmo” ou “envíanos as túas imaxes”, seguen prosperando, rematará por ser innecesaria a figura dunha persoa que lle interprete ao lector o que está sucedendo.
Ademais, a prensa escrita tamén pode sufrir un retroceso co afianzamento de Internet. As novas, imaxes e fotografías, en moitas casos axudado polas redes sociais, voan dun punto a outro do planeta en escasos minutos e poden rematar provocando que a xente prefira ver estas imaxes e facer a súa composición de lugar antes que buscar alguén que lle interprete o que está sucedendo. Se cadra me estou deixando levar demasiado polo pesimismo. Como apuntaba xa algunha compañeira, moitos foron os que apuntaron hai xa varias décadas a desaparación da radio, pero esta e os seus profesionais souberon adaptarse.

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

O futuro está detrás dos homes que o fan

Por ENRIQUE CARBALLO

A famosa cita de Jacques Anatole fainos lembrar unha verdade evidente:debemos comezar pola autocrítica ademais de especular acerca das grandes correntes e circunstancias do noso tempo, para intentar mellorar a nosa profesión. Os da nosa promoción, con contadas excepcións, só temos experiencia de meses en réxime de prácticas. Sen embargo, podemos opinar acerca de algo que leva ocupando a meirande parte da nosa actividade durante os derradeiros anos: a carreira de xornalismo.
E unha das grandes taras dos xornalistas actuais está na nosa formación. Tan só teño experiencia de primeira man na Facultade de Santiago de Compostela, de forma que non podo opinar acerca da situación noutros centros. Neste, a única institución pública que presta unha formación íntegra en xornalismo en Galicia, e por tanto unha base estratéxica para a profesionalización do sistema de medios da rexión, topamos graves carencias.
Atopámonos cunha ensinanza estrañamente estendida ate os catro anos, cando as competencias redaccionais e as bases de ética xornalística poden darse en dous; non temos formación suficiente en puntos claves do mundo actual como a economía e a política; sufrimos un programa reiterativo que ano a ano nos evalúa polos mesmos coñecementos; somos a única facultade de España que carece de asignaturas optativas de especialización; o nivel de esixencia se mantén en mínimos; finalmente, eu identifico un grave problema na motivación e profesionalidade dos docentes, con varios profesores ó longo da carreira (unha apreciación coa que coinciden en privado moitos alumnos e incluso algúns membros do persoal da facultade).
Sexamos serios: non nos queixamos abertamente nestes catro anos porque todo era doado, iamos pasando de curso e non queriamos líos. Pero pola nosa inacción temos agora graves carencias nas nosas competencias profesionais. Por unha parte estamos demandando que a sociedade respecte e tome en serio a nosa profesión, que os medios nos dean traballo. Comecemos por queixarnos, e protestar, pola nosa propia educación, antes que acatar acríticamente un sistema formativo que fraquea a ollos vista.

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

Futuro do xornalismo

Por TANIA FERNÁNDEZ LOMBAO

As novas tecnoloxías serán esenciais no desenvolvemento do xornalismo do futuro. O xornalista perdeu o seu valor nos últimos anos como arquitecto da información e, polo tanto, debe ser el quen saiba incorporar novidades ao seu traballo para recuperar o posto que nunca debeu perder como xerarquizador de contidos. Así mesmo, é imprescindible facer un xiro cara ás redaccións do futuro nas que os profesionais traballen axudados dos novos aparellos tecnolóxicos pero tamén das novas aplicación que a rede lles facilita. Por outra banda, o xornalismo debe perder o medo a entender o lector como usuario activo co que interactuar e do que saber, e non como un mero lector pasivo.
Nun panorama de información masiva, a rede pode representar un hándicap de desinformación. A calidade dos contidos favorece a diferenciación, e para iso é imprescindible unha revalorización da profesión. O primeiro paso problemático será a reconversión dos medios impresos a raíz das novas tecnoloxías, así como a súa adaptación á rede. Desaparecerán os medios de comunicación impresos? Non necesariamente, pero é evidente que precisan dunha reconversión e dunha adaptación á rede, que non signifique colgar en Facebook e Twitter enlaces a noticias a determinadas horas dos días. Hai que buscar a interacción e insistir na calidade. Esa será a clave que permitirá a supervivencia. Se se produce calidade, o usuario estará disposto a pagar por lela na rede. Se se descoida a calidade, ben seguro que buscará outro medio.

Tania Fernández aposta pola calidade como marca e estilo

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

¿Onde está o coñecemento, perdido na información?

Por ARIANA CARRO PATIÑO

Se queremos reflexionar un pouco sobre o futuro do xornalismo é preciso que comecemos a preguntarnos cal é a súa función. Informar, buscar a verdade, dar forma á opinión pública…Hai quen considera a transformación da información en coñecemento como cúspide da teoría do xornalismo. Creo que, hoxe en día, este obxectivo – que na miña opinión resulta fundamental – non se está a cumprir.

Coincido con Anthony Smith, que sostén que “converter a información en coñecemento […] supón descubrir formas de penetrar na abundancia en lugar de aumentala”. Penso que estamos a crear unha sociedade que cada vez móvese máis na superficie, incapaz de profundizar nun tema. Unha sociedade acostumada a atender a moitos asuntos á vez e con demasiada dificultade para concentrarse nun. Asistimos a unha sobrecarga informativa tal que cada vez cústanos máis procesar correctamente a información á que temos acceso. Os medios fannos chegar millóns de novas, cada vez máis “masticadas”, non vaia ser que nos cansemos pensando un pouco. Novas que cada vez conteñen palabras máis obvias, non vaia ser que nos fatiguemos por ter que buscar algunha nun dicionario. Entón, ¿de que trata o xornalismo? ¿De dar todo feito ou de impulsar unha sociedade que queira saber máis?

Pode ser que estea a falar de utopías, pero creo que desde unha profesión como esta non deberíamos “atontar” máis á xente, senón intentar que se interese polo que pasa no mundo, e que se interese porque lle afecta, porque é algo que nos afecta a todos.

Os xornalistas en xeral teñen a absurda tendencia de utilizar sempre os mesmos termos. Nos diarios hai palabras repetidas hasta o fastío. E logo seguirémonos preguntando por qué a xente xa non le os xornais…Quizais non os lean porque están cansados de ler sempre o mesmo: as mesmas novas escritas coas mesmas palabras. Ademais, a forza de querer elaborar novas obxectivas estamos desbotando recursos estilísticos: as formas, tamaños e cores diferentes dunha narración. Aínda que despois, sen dúbida, seguirémonos preguntando por qué á xente xa non lle interesan o xornais…Dende a profesión, estamos obsesionados cun estilo impersoal, créndoo proba suficiente da nosa imparcialidade ou neutralidade, cando o certo é que non é máis que a aparencia da mensaxe, unha aparencia calculada, distante e…aburrida. Pero despois, sen falta, seguirémonos botando as mans á cabeza porque a xente xa non lle da a gana de comprar os nosos xornais.

Por iso hoxe, non falo de internet nin de novas tecnoloxías que fan mudar a profesión xornalística e que por suposto son asuntos de grande relevancia, hoxe falo de innovar, de arriscar. Falo de perdelo medo a diferenciarse, o medo a dicir “están o resto e eu”. Falo de acabar con ese certo conservacionismo que opera na nosa profesión, desa crenza de que so hai unha maneira de facelas cousas. Hai moitas formas, moitas ideas e moitas verbas. Empreguémolas.

Ariana Carro, procuradora de coñecemento

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

O futuro é un descoñecido cheo de promesas

Por ANA LÓPEZ GÓMEZ

Ás veces a capacidade de análise da realidade que temos que ter como xornalistas fainos ser demasiado críticos co propio xornalismo. Centrarse no pasado facernos perder oportunidades presentes e, da mesma forma, centrarse no futuro pode ser como inventar unha historia de ficción. ¿Quen sabe se aparecerá algo, unha especie de nova revolución como foi a dixital, que nos obrigue a replantearnos todo o que coñecemos como xornalismo, e olvidar os problemas actuais porque existen outros novos? Só nos queda analizar o que está nas nosas mans, e creo que os cambios máis importantes para o xornalismo actual son: en primeiro lugar, a especialización de contidos e medios como resposta á fragmentación da sociedade. Segundo, a adaptación ós novos medios de comunicación: os medios deberán desenvolverse aproveitando a rede, e atopar unha rentabilidade económica que lles permita depender o menos posible de intereses partidistas e empresariais. O terceiro punto é o control da calidade, a loita contra o intrusismo e a pouca profesionalidade.
Non podemos nin imaxinar o que a vida nos depara, porque isto depende de demasiados factores, de moitas decisións que teremos que tomar e tamén de moitas casualidades. Aproveitemos que non somos videntes, que o futuro segue a ser unha promesa, e intentemos dedicarnos ó que máis nos gusta da mellor forma posible.

Ana López confía no futuro por coñecer

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 27th, 2011

A linguaxe 2.0

Por ADRIÁN PÁJARO

A era tecnolóxica é o maior desafío que os xornalistas do futuro temos fronte nosa. Os cambios que se produciron nas últimas décadas do século XX e na primeira do XXI estanse a levar a cabo a un ritmo frenético. Se quixesemos sacar unha instantánea destes últimos anos cunha cámara de fotos esta saería desenfocada, incapaz de seguir os movementos que xurdiron no mundo en xeral e no xornalismo en particular. E é que quen se move na foto non sae e o xornalismo esta intentado todavía atopar o seu lugar.
Neste frenesí no que a información flue dun punto a outro do globo en segundos os xornalistas debemos coidarnos e de non perder as formas. E é que se hai algo que estea a ser descoidado nesta revolución que se deu en chamar 2.0 é a linguaxe. A linguaxe é o xerme do xornalismo. Por tal debe ser respetada, coidada e sobre todo amada. A linguaxe é a materia da nosa profesión. Con ela construimos e damos forma ó noso producto, a noticia. Como o xoieiro que pule ata a última imperfección da súa xoia para que esta brille meridianamente o xornalista debe coidar a estética para que a súa xoia, a noticia, poida resplandecer fronte os ollos de quen a reciba.

Adrián Pájaro, 'lingüista' da nova era

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 23rd, 2011

Pasado, presente e futuro

Por ÁNGEL MATO ÁLVAREZ

De súpeto un día daste conta de que todo está a piques de rematar. Tras un tempo na universidade a viaxe toca á súa fin e reflexionas sobre o que fixeches durante estes últimos anos da túa vida, pregúntaste a ti mesmo se mereceu a pena o esforzo e prepáraste para enfrontarte ó mundo real, tiñas dúbidas cando entraches o primeiro día pola porta da facultade e unha vez a abandonas aínda se che plantexan máis.
Non estamos na mellor época para traballar nesta profesión tan idealizada, a situación non é para nada esperanzadora, a realidade é implacable pero hai que ter fe e creer nun mesmo. Son malos tempos para o xornalismo pero a miúdo dise que a crise agudiza o inxenio e das épocas difíciles sáese fortalecido. Neste contexto chegou o momento no que temos que comezar a buscarnos a vida, oportunidades hai sempre para aqueles que as buscan e hoxe en día temos internet, unha ferramenta cun tremendo poder comunicativo como nunca antes se vira na Historia. Nas mans de cada un de nos está sacarlle partido dalgún modo, adaptar o xornalismo tradicional á web ou mesmo reinventalo, porque está claro que nunca morrerá mentres exista algo sobre o que informar. Non hai que ver á rede coma un inimigo senón coma unha gran oportunidade na cal está o futuro do mundo da comunicación.
Mereceu a pena o esforzo destes anos? Cada un terá a súa propia opinión, pero quero pensar que a fin de contas algo aprendimos e en xeral a experiencia foi satisfactoria. Sempre que perdamos a esperanza temos que recordar que non debe existir nada máis pracenteiro para un xornalista que vivir ben a base de escribir daqueles temas que tanto lle interesan e apaixonan. Oxalá algun día moitos de nos o logremos, só entón será cando poidamos dicir definitivamente que estudar xornalismo mereceu a pena.

Ángel Mato, xornalista ‘inminente’

Galicia Hoxe Xornalismo no futuro

Xuño 22nd, 2011

Nunca choveu que non escampara

Por ÁNGELES PAZOS

O xornalismo está a pasar por momentos difíciles. Estamos a vivir unha revolución tecnolóxica á cal debe adaptarse a profesión. A isto súmaselle o intrusismo laboral, a difuminación das barreiras entre información e opinión e o fenómeno da sobreinformación.
Pero o xornalismo non perdeu a súa esencia: contar as cousas do xeito máis conciso e sinxelo posible. O xornalista debe ser un intermediario entre a fonte e o receptor, debe peneirar a información para que só quede o mellor dela. As fontes interesadas, a censura e as malas condicións laborais existiron sempre. Porén, o xornalismo sobreviviu e aínda hai quen, coma nós, decide dedicarse a esta profesión. Por iso, creo que aínda que moitas cousas estean a mudar e que o panorama se presente pouco alentador… como se acostuma dicir, nunca choveu que non escampara.

Ángeles Pazos é optimista de cara ó futuro, malia os problemas da profesión

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro

Xuño 22nd, 2011

De berrar a escoitar

Por BRUNO GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

Son cada vez máis frecuentes as discusións sisudas sobre o futuro do xornalismo. Teóricos, estudosos ou magnates dos medios de comunicación, que proxectan opinións pechadas neses libros, que de tanto deixalos ó sol volvéronse amarelos. Son foros endogámicos, entre camaradas, persoas asentadas hai moito tempo nunhas dinámicas obsoletas e improductivas, que falan de crisis porque o negocio vailles mal e de pasividade social porque ninguén os le.
Están moi lonxe de entender o que pasa, aínda cando se lles escapan termos coma interactividade ou 2.0. Seguen obsesionados por soster un modelo que non funciona, tradicional, baseado no poder do altofalante. Dinse xestores da comunicación e crense donos da información. A súa materia prima, agora accesible dende múltiples soportes, xa non vale nada, pero eles debaten como seguir sostendo o bastón de mando.
O certo, na miña opinión, é que as condicións cambiaron. O modelo vertical de “eu falo e ti escóitasme” non é natural, porque a comunicación humana é sempre bidireccional. As prácticas rutinarias e economicistas desgastaron unha audiencia que agora ten o poder de elixir e, o que é máis importante, de opinar. Por outra banda, a horizontalidade da rede pon a mensaxe dos medios tradicionais á altura doutras moitas canles coma blogs ou redes sociais que, paradóxicamente, son moito máis escoitadas. Se queren sobrevivir a internet, os medios deberían entender que xa non venden información senón credibilidade e que non poden pretender controlar o tráfico de lectores ó que estaban acostumados. A sociedade fragméntase e os hábitos mudan. Os altofalantes multiplícanse e a figura do gatekeeper democratízase. Sobrevivir, neste contexto, pasa por escoitar, ser humildes e defender a golpe de rigor a profesión do xornalismo.

Bruno González aposta polo rigor

Galicia Hoxe Curso 2011, Xornalismo no futuro