
Verónica López avoga pola capacidade de adaptación dos xornalistas
Por VERÓNICA LÓPEZ OSEIRA
A crise e a tecnoloxía ameazan o meu futuro. Cada ano aumentan os licenciados ó tempo que se reducen as redaccións. Internet está a mudar a maneira tradicional de facer xornalismo e agora todos podemos chegar a ser xornalistas. Deixando de lado a obsoleta metodoloxía de ensinanza que creo que recibimos, que polo que levo comprobado dista moito da realidade profesional coa que nos atopamos ao saír da facultade, na miña opinión o principal problema do xornalismo actual é que a profesión non evoluciona ó mesmo tempo que as novas tecnoloxías. Un claro exemplo desta discordancia son os xornais dixitais. A maioría destes nacen como copias na web do xornal en papel. Así mesmo, outros medios como a televisión e a radio usan a web como un soporte publicitario e non como outra alternativa de comunicación.
Supoño que como en todos os negocios, e o xornalismo hoxe en día é un mais, o problema radica en como gañar cartos a través dun medio tan incontrolable. Non creo que aínda sexa o final dos xornais de rotativa, polo menos non noso país, posto que a banda ancha en España aínda é moi cara e non é accesible a toda a poboación. Creo que a miña opción despois de oito anos de formación, tras os meus estudos de historia e xornalismo, será continuar aprendendo e especializarme nun campo porque a competencia é dura e mais nos tempos que corren. Desde cativa quixen ser xornalista ou escritora no seu defecto, e dende logo agora non me vou render por moi incerto que sexa o futuro, sempre hai opcións e se me teño que adaptar a novos soportes e novas formas de facer xornalismo fareino sen dubidalo.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Laura Torres, posando con todo un exemplo de xornalista, Valle-Inclán
Por LAURA TORRES SÁNCHEZ
Nacín en Venezuela, un país coñecido anteriormente polas súas riquezas, as súas belas paisaxes e o seu petróleo. Actualmente é coñecido por Chávez, iso está claro e ese é o motivo principal polo que eu estou aquí, en España. Chámome Laura Torres Sánchez, comecei a estudar Xornalismo porque sinto que a través desta profesión podo axudar a sociedade sendo a súa voz, para min é un labor social onde podo ser unha ferramenta para dar a coñecer carencias ou necesidades que teñen aqueles que non son escoitados. E o futuro desta fermosa profesión véxoo na web. O Ciberperiodismo é unha área na que me gustaría traballar.
Porén, actualmente posúe certas carencias. Creo que neste campo o xornalista actual debe somerxerse en novas teorías, rutinas e deseños, tanto en formación científica, como en tecnoloxía, linguaxe e discurso, adaptándose a unha estructura global, rompendo barreiras que se marcaron nos medios de comunicación tradicionais. O documento informativo neste medio debe rexerse por unha serie de criterios. Nesta área do xornalismo a ferramenta principal é o hipertexto, que reúne relatos máis profundos que longoss e representa unha substitución da pirámide invertida, é dicir, hai que cambiar esa estrutura lineal ao escribir.
Actualmente, non se ten en conta que hai un cambio claro do texto ao hipertexto, o que fan os medios de comunicación escritos é un mero transvasamento do medio de comunicación impreso ao ciberespazo. O texto dixital debe ser producido orixinariamente para o medio electrónico. Malia todo, considero que isto é algo que os novos xornalistas imos lograr erradicar.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Julia Fontenla aposta polo pensamento crítico e o espírito emprendedor
Por JULIA FONTENLA PEDREIRA
Recordo moi ben aquela mañá. O simple feito de encher un formulario ía determinar o meu futuro dos vindeiros anos. Nome: Julia Fontenla Pedreira. Titulación: Xornalismo. Unha sinxela sinatura, e xa estaba. Catro anos despois da miña marcha de Vilagarcía a Compostela podo dicir que cambiou a miña visión da realidade e da forma de comunicar. Pensamento crítico ante os feitos, nada é o que parece até que falan todas as partes implicadas, o sinxelo é máis difícil do que aparenta e a verdade está sempre por descubrir…
Dende o primeiro intre cada alevín de xornalista que me rodeaba, amosaba a súa inquedanza por escribir ou colocarse diante dunha cámara. Hoxe, con máis ou menos paixón, creo que todos aprendemos a bela realidade doutro xeito, e iso é unha das cualidades imprescindibles dos novos xornalistas do futuro que loitarán cada día por dar tódolos datos fieis á realidade, tanto en medios audiovisuais como escritos. Quizais simplemente por este feito, por este espírito emprendedor, non desapareza nunca ese xornalismo crítico e comprometido polo que loitaron os nosos antecesores e polo que loitarán as novas xeracións.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro