Unha nova lei da selva
Por FRANCISCO CORTEZ LOBÃO-SINEIRO
Se algo podemos aprender dos avances tecnolóxicos do pasado é que nunca obedeceron a unha mera casualidade, sempre foron concibidos na perspectiva do desenvolvemento económico. A creación de internet non é allea a esta realidade, que explica a procura dun medio de comunicación rendíbel para o século XXI, que por primeira vez na historia do xornalismo pode producir contidos noticiosos coa inmediatez dun telexornal e a profundidade dun periódico, readaptando así o traballo do xornalista e os beneficios que del se derivan ao novo modelo de sociedade do coñecemento e da comunicación.
Significa isto a curto ou medio prazo a morte do xornal en papel? Non ten por que, porque nin os tránsitos son rápidos nos avances tecnolóxicos, nin se cumpriron as predicións máis catastrofistas que no seu día xa prognosticaron o deceso da radio e do propio xornal en papel co nacemento da televisión. Nada disto se fixo realidade, se por algo se caracterizan os medios de comunicación é por constituíren un “ecosistema” que sempre tende ao equilibrio, mesmo cando unha nova “especie” entra. Esta quizais estreite un pouco o “nicho ecolóxico” das outras, pero non consigue eclipsalas completamente. Aínda que ollo: desta volta o novo convidado non é mamífero, ave ou réptil: ten un pouco de todo. Velaquí a única nube no horizonte.
Francisco Cortez considera que a invención de internet afecta ó ‘ecosistema’ dos medios de comunicación





RSS
