Archive

Archive for Maio 25th, 2010
Maio 25th, 2010

Xornalismo de hoxe e mañá

Por MANUEL RODRÍGUEZ SANTABAYA

O ideal romántico do xornalismo preséntanos o profesional dos medios coma un cruzado en busca da verdade, destinado a loitar contra os poderosos e defender os máis indefensos. Guiándose por unha presunta obxectividade e independencia enorgullécese do seu labor social, dos seus watergates.
Éncheselle a boca con todas estas verbas coma liberdade de expresión, democracia,… Pero a verdade achégase máis a un xornalista que funciona como altofalante de gobernos e grandes corporacións, silenciando información argumentando esa falacia de obxectividade (se se denuncia a alguén pouco importa que isto se basee en feitos irrefutables, pois estará o xornalista actuando de maneira imparcial).
Abandonou toda clase de aventura e crítica para apoltronarse na comodidade da rutina e das facilidades que lle dá ser un reprodutor de consignas oficiais. Apenas quedan medios independentes, a maior parte están subxugados a empresas e demais institucións mediante publicidade, accionariado e subvencións, factores contra os que nada pode facer o cidadán. Semella que en internet podemos achar unha alternativa, con múltiples webs de contrainformación e de xornalismo cidadán, onde facer fronte a esta tiranía dos grandes medios clásicos. Hai que evitar que esta arma quede nas mans dos de sempre, para que o xornalismo do futuro máis inmediato non remate sendo o xornalismo do pasado máis presente.

Manuel Rodríguez, activista e ‘teórico da conspiración’

Manuel Rodríguez, activista e ‘teórico da conspiración’

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Maio 25th, 2010

A esperanza do módem

Por ALBA PINTO

Non hai nada máis actual que as chamadas redes sociais. Unha delas, Facebook, destaca entre as demais pola compulsiva creación de grupos aos que a xente se une, ben porque se ve reflectida neles ou ben porque simplemente lles fai graza. Un destes é Por que ninguén me parou os pés cando decidín ser xornalista?. Ten 833 membros.
Cantos mozos que estudaron a carreira dos Profesionais da Información se fan esa pregunta? Cuantos xornalistas, con ou sen traballo, se sentiron identificados? Non todos, pero son moitos os mozos adultos recentemente forneados en bonitas facultades xa resentidos e decepcionados porque non atoparon o que buscaban e perderon a fe no que estudaron? Quen non entra pola porta o primeiro día soñando con grandes reportaxes, correspondentes no estranxeiro e un modesto oco na historia do Xornalismo? Non hai que esforzarse moito para darse conta de que é perigoso confiar no papel, crer o que Uns e Outros contan sabendo que Uns e Outros queren manipularte. E farano.
O Xornalismo cambiou. Evolucionou en canto empezou a considerarse un negocio e as moedas comezaron a brillar máis que a tinta. Iso destrúe os soños que puidemos ter; pero tamén pode crear outros. Esquíos entre leóns, entre papeis e pantallas, novas e vellos, que atoparon novas vías. Como internet. Portais nos que se comparte información, sexa ou non carnaza, sen que a bolsa de moedas soe con cada palabra. O Vello Xornalismo xa é vello e quizais é hora de crear un novo. A esperanza é o último que se perde, din; e quizais ese novo concepto cheo de ilusións está a lanzar escintileos verdes desde calquera módem para chamar a nosa atención e animarnos a todos a reinventar. A crear.

Alba Pinto, reporteira intrépida, dende o alto dun rañaceos invita os xornalistas a ter esperanza na internet

Alba Pinto, reporteira intrépida, dende o alto dun rañaceos invita os xornalistas a ter esperanza na internet

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro