
Alba Chao non se arrepinte da súa decisión de converterse en xornalista
Por ALBA CHAO VÁZQUEZ
Cando contaba doce anos decidín que de grande quería ser xornalista. Ser un deses que se enteran primeiro de todo. E é que fun (e sigo a ser) unha cativa moi curiosa. Hoxe, despois dunha década de relativizar moitos comentarios que falaban sobre o precario do traballo de xornalista, non me arrepinto da decisión, se ben é certo que os trazos que me entusiasman da comunicación non son exactamente os mesmos que cando empecei a andaina cara ao meu obxectivo. As miñas preferencias foron mudando ao compás que mudaba a miña perspectiva sobre as expectativas do xornalismo.
Nos catro anos de carreira o meu escepticismo cara ás novas tecnoloxías disipouse ao tempo que se me presentaban como a mellor ferramenta para informar. Ademais de conxugar os elementos propios dos medios tradicionais, a internet dá lugar a unha nova linguaxe coa que é quen de franquear toda barreira espazo-temporal.
O dereito a emitir e recibir información forma parte de toda sociedade, e como tal, evoluciona xunto con ela. Haberá que readaptar o xornalismo e de seguro que as tecnoloxías serán fundamentais. Pero nunca se poderá prescindir de persoas cualificadas que informen os cidadáns. Así que ninguén se preocupe se de maior quere ser xornalista.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por ALBA NAVEIRA ROMERO
Son Alba Naveira, unha moza de 21 anos que está a piques de acabar a carreira de xornalismo. Os que me coñecen saben que a miúdo as dúbidas son as miñas grandes compañeiras. Hoxe, con vistas á Torre de Hércules, pregúntome se este oficio, ó cal espero incorporarme pronto, ten futuro ou se realmente está morrendo. A miúdo escoito que Internet é o mellor invento logo da imprenta. Pero tamén que pretende substituíla. Hai quen cre que vai deixar os xornalistas fóra de xogo. E quen, coma min, prefire pensar que se farán máis necesarios que nunca porque só coa súa axuda poderemos saír á boia da avalancha de información na que vivimos.
E é que cada vez hai máis información e é máis accesible. Pero non toda é relevante, nin certa. Moita xente ó meu redor cre que a información está aí e que calquera pode contala. Pero se hai algo que aprendín ó longo destes catro anos é que unha cousa é ver e outra saber contar. E precisamente iso é o que acouga as miñas dúbidas. Pois a tecnoloxía avanza e o xornalismo adáptase a estes cambios, pero non morre.

Alba Naveira, xornalista de incógnito, cre na supervivencia da profesión
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por FERNANDO BARROS ARES
O xornalismo non ten saídas, esa foi a frase que me dixo a miña nai para convencerme temporalmente de non cursar esta carreira. E a dicir verdade conseguiuno aínda que fose de xeito temporal. Eu debía seguir a tradición familiar que se remontaba ó meu bisavó, que non era outra que converterme nun letrado. A dicir verdade as letras non as quixen deixar de lado pero dando un enfoque distinto, eu quería contarlle ó mundo como Michael Jordan encestara de maneira maxistral a súa última canastra, ou conseguir narrar un fito semellante ó da chegada do home á Lúa.
Para iso era necesario cursar a carreira de xornalismo,ou polo menos iso imaxinaba eu, pero parece que ese requisito sine qua non agora non é tan estrito. Na nosa profesión cada vez aparecen máis historiadores, letrados, e mesmo científicos que especializados nos seus ámbitos, se van introducindo cada vez máis neste mundo desprazando dese xeito os xenuínos comunicadores. Debido a isto, cada vez son máis necesarios unha continua preparación e aprendizaxe cos que nos poidamos defender deste intrusismo cada vez máis notorio na nosa profesión. Non creo que exista incompatibilidade entre uns profesionais e outros, pero tampouco deberían invadir eles o espazo máis íntimo do xornalista.

Fernando Barros quere ver auténticos comunicadores nos medios
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro