Por FRANCISCO CORTEZ LOBÃO-SINEIRO
Se algo podemos aprender dos avances tecnolóxicos do pasado é que nunca obedeceron a unha mera casualidade, sempre foron concibidos na perspectiva do desenvolvemento económico. A creación de internet non é allea a esta realidade, que explica a procura dun medio de comunicación rendíbel para o século XXI, que por primeira vez na historia do xornalismo pode producir contidos noticiosos coa inmediatez dun telexornal e a profundidade dun periódico, readaptando así o traballo do xornalista e os beneficios que del se derivan ao novo modelo de sociedade do coñecemento e da comunicación.
Significa isto a curto ou medio prazo a morte do xornal en papel? Non ten por que, porque nin os tránsitos son rápidos nos avances tecnolóxicos, nin se cumpriron as predicións máis catastrofistas que no seu día xa prognosticaron o deceso da radio e do propio xornal en papel co nacemento da televisión. Nada disto se fixo realidade, se por algo se caracterizan os medios de comunicación é por constituíren un “ecosistema” que sempre tende ao equilibrio, mesmo cando unha nova “especie” entra. Esta quizais estreite un pouco o “nicho ecolóxico” das outras, pero non consigue eclipsalas completamente. Aínda que ollo: desta volta o novo convidado non é mamífero, ave ou réptil: ten un pouco de todo. Velaquí a única nube no horizonte.

Francisco Cortez considera que a invención de internet afecta ó ‘ecosistema’ dos medios de comunicación
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por ÁNGELES CAPEÁNS VERDE
En primeiro curso de carreira escribín neste mesmo xornal que confiaba poder dedicarme ó xornalismo porque consideraba que era unha profesión esencial, xa que todos temos dereito a saber o que pasa na nosa contorna e no mundo. Agora, nun pechar de ollos, atópome a punto de rematar os meus estudos e de entrar no mercado laboral.
Hoxe en día, á hora de escoller os camiños a tomar, o xornalista albisca a ruta máis frutífera no medio internet. Pero hai só catro anos, os futuros profesionais da información chegabamos á Facultade coas nosas predileccións en canto a medios de comunicación: uns preferían a prensa e outros os medios audiovisuais.
Daquela case ninguén vía internet como un medio de comunicación fiable e, non obstante, hoxe somos moitos os que nos informamos case exclusivamente a través da rede. A nosa promoción viviu a expansión da información en internet, a proliferación no uso de plataformas como Youtube ou o nacemento das redes sociais que revolucionaron a forma de facer xornalismo. Aínda que as formas cambien, o xornalismo seguirá a ser un dos piares básicos da sociedade e nós o futuro.

Ángeles Capeáns Verde, ‘reincidente’ en ‘Galicia Hoxe’
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por MANUEL RODRÍGUEZ SANTABAYA
O ideal romántico do xornalismo preséntanos o profesional dos medios coma un cruzado en busca da verdade, destinado a loitar contra os poderosos e defender os máis indefensos. Guiándose por unha presunta obxectividade e independencia enorgullécese do seu labor social, dos seus watergates.
Éncheselle a boca con todas estas verbas coma liberdade de expresión, democracia,… Pero a verdade achégase máis a un xornalista que funciona como altofalante de gobernos e grandes corporacións, silenciando información argumentando esa falacia de obxectividade (se se denuncia a alguén pouco importa que isto se basee en feitos irrefutables, pois estará o xornalista actuando de maneira imparcial).
Abandonou toda clase de aventura e crítica para apoltronarse na comodidade da rutina e das facilidades que lle dá ser un reprodutor de consignas oficiais. Apenas quedan medios independentes, a maior parte están subxugados a empresas e demais institucións mediante publicidade, accionariado e subvencións, factores contra os que nada pode facer o cidadán. Semella que en internet podemos achar unha alternativa, con múltiples webs de contrainformación e de xornalismo cidadán, onde facer fronte a esta tiranía dos grandes medios clásicos. Hai que evitar que esta arma quede nas mans dos de sempre, para que o xornalismo do futuro máis inmediato non remate sendo o xornalismo do pasado máis presente.

Manuel Rodríguez, activista e ‘teórico da conspiración’
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por ALBA PINTO
Non hai nada máis actual que as chamadas redes sociais. Unha delas, Facebook, destaca entre as demais pola compulsiva creación de grupos aos que a xente se une, ben porque se ve reflectida neles ou ben porque simplemente lles fai graza. Un destes é Por que ninguén me parou os pés cando decidín ser xornalista?. Ten 833 membros.
Cantos mozos que estudaron a carreira dos Profesionais da Información se fan esa pregunta? Cuantos xornalistas, con ou sen traballo, se sentiron identificados? Non todos, pero son moitos os mozos adultos recentemente forneados en bonitas facultades xa resentidos e decepcionados porque non atoparon o que buscaban e perderon a fe no que estudaron? Quen non entra pola porta o primeiro día soñando con grandes reportaxes, correspondentes no estranxeiro e un modesto oco na historia do Xornalismo? Non hai que esforzarse moito para darse conta de que é perigoso confiar no papel, crer o que Uns e Outros contan sabendo que Uns e Outros queren manipularte. E farano.
O Xornalismo cambiou. Evolucionou en canto empezou a considerarse un negocio e as moedas comezaron a brillar máis que a tinta. Iso destrúe os soños que puidemos ter; pero tamén pode crear outros. Esquíos entre leóns, entre papeis e pantallas, novas e vellos, que atoparon novas vías. Como internet. Portais nos que se comparte información, sexa ou non carnaza, sen que a bolsa de moedas soe con cada palabra. O Vello Xornalismo xa é vello e quizais é hora de crear un novo. A esperanza é o último que se perde, din; e quizais ese novo concepto cheo de ilusións está a lanzar escintileos verdes desde calquera módem para chamar a nosa atención e animarnos a todos a reinventar. A crear.

Alba Pinto, reporteira intrépida, dende o alto dun rañaceos invita os xornalistas a ter esperanza na internet
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por GEMMA R. VEGA
A pesar de pertencer a esa xeración que viviu a aparición de internet sendo moi nova, non son das que teño unha relación moi afectuosa coa rede. Máis ben todo o contrario. Téñolle medo. Explícome.
O tema de debate dende o primeiro día nas aulas da Facultade de Xornalismo foi o perigo de desa-
parecer que corren os xornais tradicionais, coma o que vostede está sostendo na man neste intre, coa chegada das novas tecnoloxías e a aparición da web 2.0. Parece unha
catástrofe. Pero non pode selo. Pois as catástrofes adoitan ser inesperadas e collen por sorpresa, e neste caso, gozamos de tempo para adaptarnos. Os lectores xa non son os receptores pasivos das mensaxes dos xornalistas. Agora eles crean, comparten e comentan. Daquela, se o xornalista agora ten que converterse nun mero organizador de contidos, quen vai subministrar a información? Aquí está o problema: o que hai é medo á información. Antes todo o que se escribía sobre o papel era como algo sagrado.Agora intranquilízame usar Wikipedia, pois dubido da súa exactitude. Os documentos audiovisuais poden ser unha
montaxe. Cuestiono todo tipo de información por mor de que responda a intereses ocultos ou partidistas. E o peor, non podo volver a recorrer a un soporte físico porque temo que non estea tan ben actualizado como a rede.
Eu téñolle máis medo a esa aparente liberdade que se goza na rede que aos cambios que poidamos sufrir coa chegada de novos medios. Acaso non se sobreviviu cando naceu a radio ou a televisión?

Gemma Vega cre que o exceso de información precisa de certo control
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por MERCEDES REY GARCÍA
Durante vinte e cinco anos estiven labrando soños sobre o camiño que ía seguir cando me fixese maior pero sen que puidese detelo a miña vida deu un xiro de 360º. Aquela nena que vivía ó carón da praia e pasaba as noites lendo contos converteuse nunha muller, xa non lle interesaba a decoración de interiores. Máis tarde que cedo emprendeu unha viaxe que a levaría ata a cidade compostelá para cursar os estudos de xornalismo. O paso do tempo foi debuxando nas faccións da rapaza trazos que non ían desaparecer por moito empeño que puxera a non ser que fixera un lifting. Algo semellante terán que facer os medios tradicionais para sobrevivir neste espazo mediático. Aínda que internet preside nestes momentos o espazo comunicativo e convértese na maior plataforma capaz de transmitir información a calquera parte do mundo de xeito inmediato, existen outros medios como os audiovisuais que deben facerse fortes para non rematar aquí a súa andaina informativa. É preciso mudar as súas estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto no marco das telecomunicacións.

Mercedes Rey cre que os medios de comunicación deben abordar cambios
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por BORJA GOLÁN SANTÍN
Nos últimos 27 anos, que son os que me tocaron vivir, o xornalismo experimentou profundos cambios que levaron a avances moi positivos. Coa creación de novas canles televisivas, o interese do cidadán por manterse informado aumentou considerablemente. A incursión do aparato audiovisual non acabou coas emisoras de radio senón que lle impuxo unha forte competencia. E a competencia legal mellora o mercado, neste caso o xornalístico. Se as radios non tiveran esa rivalidade, quen podería asegurar que non se relaxarían, baixando a calidade das súas emisións?
Algo similar está a acontecer hoxe en día con internet. Na miña opinión, a Rede non é unha ameaza para seguir practicando un xornalismo de calidade senón que máis ben é unha vantaxe que este ten que aproveitar. Estou seguro de que moita xente seguirá lendo o xornal en papel, igual que continúa escoitando a radio. Son costumes arraigados, cos que se goza ao tempo que se activa a mente. As novas xeracións manterán eses hábitos e potenciaranos grazas á integración dos diferentes medios na Rede. O verdadeiro lastre do xornalismo é e seguirá a ser a dependencia política e económica das empresas mediáticas, que provoca informacións parciais e interesadas.

Borja Golán opina que a competencia serve para mellorar o mercado
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Alba Chao non se arrepinte da súa decisión de converterse en xornalista
Por ALBA CHAO VÁZQUEZ
Cando contaba doce anos decidín que de grande quería ser xornalista. Ser un deses que se enteran primeiro de todo. E é que fun (e sigo a ser) unha cativa moi curiosa. Hoxe, despois dunha década de relativizar moitos comentarios que falaban sobre o precario do traballo de xornalista, non me arrepinto da decisión, se ben é certo que os trazos que me entusiasman da comunicación non son exactamente os mesmos que cando empecei a andaina cara ao meu obxectivo. As miñas preferencias foron mudando ao compás que mudaba a miña perspectiva sobre as expectativas do xornalismo.
Nos catro anos de carreira o meu escepticismo cara ás novas tecnoloxías disipouse ao tempo que se me presentaban como a mellor ferramenta para informar. Ademais de conxugar os elementos propios dos medios tradicionais, a internet dá lugar a unha nova linguaxe coa que é quen de franquear toda barreira espazo-temporal.
O dereito a emitir e recibir información forma parte de toda sociedade, e como tal, evoluciona xunto con ela. Haberá que readaptar o xornalismo e de seguro que as tecnoloxías serán fundamentais. Pero nunca se poderá prescindir de persoas cualificadas que informen os cidadáns. Así que ninguén se preocupe se de maior quere ser xornalista.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por ALBA NAVEIRA ROMERO
Son Alba Naveira, unha moza de 21 anos que está a piques de acabar a carreira de xornalismo. Os que me coñecen saben que a miúdo as dúbidas son as miñas grandes compañeiras. Hoxe, con vistas á Torre de Hércules, pregúntome se este oficio, ó cal espero incorporarme pronto, ten futuro ou se realmente está morrendo. A miúdo escoito que Internet é o mellor invento logo da imprenta. Pero tamén que pretende substituíla. Hai quen cre que vai deixar os xornalistas fóra de xogo. E quen, coma min, prefire pensar que se farán máis necesarios que nunca porque só coa súa axuda poderemos saír á boia da avalancha de información na que vivimos.
E é que cada vez hai máis información e é máis accesible. Pero non toda é relevante, nin certa. Moita xente ó meu redor cre que a información está aí e que calquera pode contala. Pero se hai algo que aprendín ó longo destes catro anos é que unha cousa é ver e outra saber contar. E precisamente iso é o que acouga as miñas dúbidas. Pois a tecnoloxía avanza e o xornalismo adáptase a estes cambios, pero non morre.

Alba Naveira, xornalista de incógnito, cre na supervivencia da profesión
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por FERNANDO BARROS ARES
O xornalismo non ten saídas, esa foi a frase que me dixo a miña nai para convencerme temporalmente de non cursar esta carreira. E a dicir verdade conseguiuno aínda que fose de xeito temporal. Eu debía seguir a tradición familiar que se remontaba ó meu bisavó, que non era outra que converterme nun letrado. A dicir verdade as letras non as quixen deixar de lado pero dando un enfoque distinto, eu quería contarlle ó mundo como Michael Jordan encestara de maneira maxistral a súa última canastra, ou conseguir narrar un fito semellante ó da chegada do home á Lúa.
Para iso era necesario cursar a carreira de xornalismo,ou polo menos iso imaxinaba eu, pero parece que ese requisito sine qua non agora non é tan estrito. Na nosa profesión cada vez aparecen máis historiadores, letrados, e mesmo científicos que especializados nos seus ámbitos, se van introducindo cada vez máis neste mundo desprazando dese xeito os xenuínos comunicadores. Debido a isto, cada vez son máis necesarios unha continua preparación e aprendizaxe cos que nos poidamos defender deste intrusismo cada vez máis notorio na nosa profesión. Non creo que exista incompatibilidade entre uns profesionais e outros, pero tampouco deberían invadir eles o espazo máis íntimo do xornalista.

Fernando Barros quere ver auténticos comunicadores nos medios
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro