Por ROCÍO ÁLVAREZ GARCÍA
Hai catro anos, co inicio da miña andaina na Facultade de Ciencias da Comunicación, atrevíame a dicir que o xornalismo era unha caixa de sorpresas. Hoxe, con 21 anos, e a piques de converterme en xornalista, debuxo incerteza. Si, incerteza. Esa é a palabra que mellor califica o futuro desta profesión. O auxe das novas tecnoloxías desbancou medios tradicionais como a prensa, a radio e a televisión. A sociedade evoluciona e muda os seus hábitos de vida, feito que tamén incide no xeito de informarse. Así, as novas xeracións son seguidoras das redes sociais, dos blogs ou doutras ferramentas que ofrece internet. O ciberespazo é un auténtico maremágnum de soportes e contidos onde o usuario navega ata perderse sen ancorar no seu destino. Non obstante, existe un gran paradoxo neste eido da comunicación: o cidadán vese desbordado pola información que lle chega a través das distintas canles e a pesar diso, na maioría dos casos, considérase desinformado. Quizais, esta situación se deba á ausencia dun xornalista como figura mediadora, un profesional que traslade información de calidade, coa achega dunha contextualización e interpretación. E iso tamén precisa dunha mudanza. Pero, volvendo ás perspectivas de futuro, a profesión está nunha etapa de transformación, de mera influencia no soporte. Non obstante, a esencia de contar historias que ten o xornalismo non desaparecerá xamais porque o ser humano sempre sentirá a necesidade de manterse informado.

Rocío Álvarez cre que a necesidade de sentirse informado perdurará
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Santi Agra confía no potencial galego dentro do mundo lusófono
Por SANTIAGO AGRA BERMEJO
Algúns semella que temos mala sorte. Por cousas da vida, escollemos por vocación unha profesión que vive a crise como poucas e na que as posibilidades de atopar traballo ou vivir dignamente dela non son unha tarefa sinxela. Ademais de nacermos nunha cidade pouco amiga dos cambios como o é a vella Compostela. Porén, todo na sociedade muda, e con ela o xornalismo que existiu até o de agora. A evolución da rede marca o camiño, e aí o xornalismo galego ten unha potencialidade inmensa grazas á lingua. O uso do galego na rede ábrenos a porta á comunidade lusófona, un universo emerxente tanto política como economicamente en África e América. Se cadra, o futuro do noso xornalismo poderá aproveitar ese auxe e poder despegar dunha vez e recuperar o pulo doutros anos, informando desde aquí e cunha ollada propia galega, pero posta nun mundo cada vez máis globalizado.
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro
Por MARTA RIAL ALVITE
Ao falar do futuro do xornalismo algúns autores apuntan que os xornais tradicionais están abocados á súa desaparición. Eu, dende a perspectiva dunha estudante de xornalismo, atreveríame a sinalar que, se ben é certo que a prensa escrita está convivindo con novos soportes cun estilo propio, tamén hai que ter en conta que unha parte da audiencia dos xornais en papel é moi fiel a este medio. Obviamente, a capacidade de enlazar contidos a través do hipertexto, o intercambio de opinión co público ou a posibilidade multimedia fan que o novo soporte gañe cada vez máis adeptos. Con todo, o mesmo que non desapareceu a radio coa televisión, tampouco desaparecerán os xornais co novo medio. Do mesmo xeito que se cuestiona a supervivencia do medio escrito, tamén se pon en dúbida a supervivencia da figura do xornalista. Non obstante, a responsabilidade que esixen as noticias fai que teñan que estar feitas por profesionais. Pero, independentemente do soporte do que se trate, o que non debe cambiar son as bases da profesión xornalística: buscar a verdade e contrastar a información que se publica.

Marta Rial ve o xornalismo como unha profesión de responsabilidade
Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro