Archive

Archive for Abril, 2010
Abril 27th, 2010

Incerteza no conto do xornalismo

Por ROCÍO ÁLVAREZ GARCÍA

Hai catro anos, co inicio da miña andaina na Facultade de Ciencias da Comunicación, atrevíame a dicir que o xornalismo era unha caixa de sorpresas. Hoxe, con 21 anos, e a piques de converterme en xornalista, debuxo incerteza. Si, incerteza. Esa é a palabra que mellor califica o futuro desta profesión. O auxe das novas tecnoloxías desbancou medios tradicionais como a prensa, a radio e a televisión. A sociedade evoluciona e muda os seus hábitos de vida, feito que tamén incide no xeito de informarse. Así, as novas xeracións son seguidoras das redes sociais, dos blogs ou doutras ferramentas que ofrece internet. O ciberespazo é un auténtico maremágnum de soportes e contidos onde o usuario navega ata perderse sen ancorar no seu destino. Non obstante, existe un gran paradoxo neste eido da comunicación: o cidadán vese desbordado pola información que lle chega a través das distintas canles e a pesar diso, na maioría dos casos, considérase desinformado. Quizais, esta situación se deba á ausencia dun xornalista como figura mediadora, un profesional que traslade información de calidade, coa achega dunha contextualización e interpretación. E iso tamén precisa dunha mudanza. Pero, volvendo ás perspectivas de futuro, a profesión está nunha etapa de transformación, de mera influencia no soporte. Non obstante, a esencia de contar historias que ten o xornalismo non desaparecerá xamais porque o ser humano sempre sentirá a necesidade de manterse informado.

Rocío Álvarez cre que a necesidade de sentirse informado perdurará

Rocío Álvarez cre que a necesidade de sentirse informado perdurará

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 27th, 2010

O futuro está na lingua

Santi Agra confía no potencial galego dentro do mundo lusófono

Santi Agra confía no potencial galego dentro do mundo lusófono

Por SANTIAGO AGRA BERMEJO

Algúns semella que temos mala sorte. Por cousas da vida, escollemos por vocación unha profesión que vive a crise como poucas e na que as posibilidades de atopar traballo ou vivir dignamente dela non son unha tarefa sinxela. Ademais de nacermos nunha cidade pouco amiga dos cambios como o é a vella Compostela. Porén, todo na sociedade muda, e con ela o xornalismo que existiu até o de agora. A evolución da rede marca o camiño, e aí o xornalismo galego ten unha potencialidade inmensa grazas á lingua. O uso do galego na rede ábrenos a porta á comunidade lusófona, un universo emerxente tanto política como economicamente en África e América. Se cadra, o futuro do noso xornalismo poderá aproveitar ese auxe e poder despegar dunha vez e recuperar o pulo doutros anos, informando desde aquí e cunha ollada propia galega, pero posta nun mundo cada vez máis globalizado.

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 27th, 2010

A loita pola supervivencia

Por MARTA RIAL ALVITE

Ao falar do futuro do xornalismo algúns autores apuntan que os xornais tradicionais están abocados á súa desaparición. Eu, dende a perspectiva dunha estudante de xornalismo, atreveríame a sinalar que, se ben é certo que a prensa escrita está convivindo con novos soportes cun estilo propio, tamén hai que ter en conta que unha parte da audiencia dos xornais en papel é moi fiel a este medio. Obviamente, a capacidade de enlazar contidos a través do hipertexto, o intercambio de opinión co público ou a posibilidade multimedia fan que o novo soporte gañe cada vez máis adeptos. Con todo, o mesmo que non desapareceu a radio coa televisión, tampouco desaparecerán os xornais co novo medio. Do mesmo xeito que se cuestiona a supervivencia do medio escrito, tamén se pon en dúbida a supervivencia da figura do xornalista. Non obstante, a responsabilidade que esixen as noticias fai que teñan que estar feitas por profesionais. Pero, independentemente do soporte do que se trate, o que non debe cambiar son as bases da profesión xornalística: buscar a verdade e contrastar a información que se publica.

Marta Rial ve o xornalismo como unha profesión de responsabilidade

Marta Rial ve o xornalismo como unha profesión de responsabilidade

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 23rd, 2010

O futuro xa está aquí

Andrea Carcacía aposta por modernizarse, pero con toque humano

Andrea Carcacía aposta por modernizarse, pero con toque humano

Por ANDREA CARCACÍA HERMILLA

Dende que comecei a carreira de Xornalismo ata chegar ata este último ano, levo oíndo falar sobre o desconcertante futuro do xornalismo constantemente. Diversas teorías apareceron nos últimos tempos versando sobre as diferentes posibilidades que este podería ofrecer en tódolos ámbitos. E pese as diversas opcións que se ofrecen, parece que todo o anunciado como algo moi afastado xa está aquí. A influencia de internet parece ser o punto determinante para o futuro dos medios de comunicación xunto co aumento da participación cidadá, que está cada vez máis presente nos diferentes espazos xornalísticos. A pesares dos grandes avances que se dan no eido tecnolóxico, penso que a figura do xornalista vai seguir resultando imprescindible. Ben é certo que cada vez máis frecuentemente se realizan moitas tarefas do proceso de produción dun xeito mecánico, pero o labor dos profesionais do periodismo é incuestionable. É necesario modernizarse pero tamén que os xornalistas realicen a súa tarefa de ir máis alá dos feitos e de darlle un toque humano. Sen eles, o xornalismo non sería puro xornalismo.

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 23rd, 2010

Cara a onde imos?

Jorge Lema ve diante de si un futuro profesional bastante incerto

Jorge Lema ve diante de si un futuro profesional bastante incerto

Por JORGE LEMA

Recentemente cumpridos os 22 anos, este mozo da Costa da Morte e apaixoado polos deportes está a punto de licenciarse e preséntase ante el un futuro bastante incerto. Sen moita opción no mundo laboral pola crise mundial que nos está afectando a todos, a mellor idea parece seguir formándose para estar o mellor preparado posible para cando nos chegue a oportunidade. Algo parecido lle está a ocorrer ó xornalismo, afundido nunha crise propia ademais da mundial que fai que hoxe en día se cuestionen case todos os seus principios, onde parece que todo vale, a única saída posible é mellorar; traballar para ofrecer cada día algo mellor. Sexa na rede, onde agora é máis fácil ter éxito porque é o máis actual, pero tamén no resto de soportes, como a radio ou os xornais, que se van ter que esforzar para seguir tendo importancia na sociedade. Teñen a solución nas súas mans, agora, e igual que todos os que estamos nunha situación similar, teñen que decidir cara a onde queremos ir e que queremos facer…

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 23rd, 2010

Metas (ciber)espaciais

Karina Rivero Conde ve o futuro do xornalismo no (ciber)espazo

Karina Rivero Conde ve o futuro do xornalismo no (ciber)espazo

Por KARINA RIVERO CONDE

Recordo que, cando era nena, un rapaz da miña clase me dixera que de maior ía ser astronauta, para descubrir novos mundos e ver se aínda quedaba algún dinosauro por aqueles remotos lares. Eu rírame en sinal de mofa, dándolle a entender que aquilo era practicamente imposible. Hoxe en día, cando digo que quero ser xornalista, síntome case coma o neno astronauta: inxenua, soñadora e con metas espaciais. Pero, cal é o problema do negocio da prensa? Os cesteiros deixaron de facer cestas porque a xente parou de compralas, pero deixou a xente de ler o xornal? Non, agora lese na rede. E probablemente esteamos a ler máis ca nunca, así que o problema tampouco vén dunha crise de valores, como se está a aventurar. A pregunta é: por que pagar por algo que podo ter gratis? E por outro lado: Están os medios cavando a súa propia tumba? Persoalmente penso que estamos máis ante un nicho de mercado ca ante un nicho funerario. O problema parece ser que o modelo de negocio non é viable, pois non se percibe remuneración polos contidos. Pero acaso a prensa escrita vive das vendas de xornais? Non é a publicidade a principal fonte de ingresos? Tamén a rede ofrece espazo para os anunciantes, e as auditorías cada vez son máis precisas. Non creo na morte da prensa, creo na súa reconversión, así coma na do xornalista. Finalmente non ía tan desencamiñado o meu amigo: o futuro debúxase no (ciber)espazo.

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 22nd, 2010

Que facer co xornalismo?

Duarte Romero Varela é optimista de cara ó futuro do xornalismo

Duarte Romero Varela avoga por anovar o xeito de facer xornalismo

Por DUARTE ROMERO VARELA

O outro día escoiteille dicir a un profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación que o futuro do xornalismo tiñamos que escribilo nós, os que estabamos sentados nas bancadas daquela aula. Quedei pensando en que podía dicir sobre isto un mozo naronés de vinte un anos que aínda non rematou a carreira. O único que se me ocorreu, e non sen moito cavilar, foi facer fincapé nas diferenzas que existe entre o consumo de noticias na miña xeración e na dos meus profesores, a ver se era quen de tirar algunha conclusión. En primeiro lugar, a min xa non se me ocorre mercar o xornal nada máis saír da casa. Prefiro prender o ordenador antes de almorzar (ou despois, dependendo de canto ruxa o bandullo) e conectarme a calquera xornal dixital. Tampouco recorto unha noticia nin unha reportaxe que me pareza interesante, en tal caso marcareina no Delicious. Tampouco me conformo co menú do día que ofrece cada medio. Collo un menú degustación e pico o que máis me gusta de cada un. Daquela a miña conclusión é esta: se cada vez nos informamos de xeitos máis distintos, non precisaremos novas linguaxes que superen o simple envorcadura na rede dos contidos papel?

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro

Abril 22nd, 2010

Metamorfoses

Deborah Castro Mariño, en Cambados

Deborah Castro Mariño, en Cambados

Por DEBORAH CASTRO MARIÑO

Hoxe magoei a mamá, repetinme ata a saciedade aquela noite do 2004 mentres recordaba a metamorfose case inhumana que sufrira a súa cara despois de darlle a noticia: “Mamá, ¡quero ser xornalista!”. Como resposta, nos primeiros minutos obtiven o silencio propio do pánico materno acompañado da súa típica recomendación: “¿E por que non fas medicina ou enfermería?”. Indignada, decidín devolverlle a mesma resposta: un rotundo silencio. “Bueno… pénsao mellor”, volveu falar ela. Recoñezo que, o que se di moito, non o volvín pensar, nin creo que fixese falla. Ao fin e ao cabo, e como dixo García Márquez, o xornalismo é o mellor oficio (ou profesión) do mundo, ¿non si? E agora, coa irrupción das novas tecnoloxías, estanse a facer no eido dixital grandes produtos informativos (e o que aínda está por vir). Produtos ciberxornalísticos nos que continúan vixentes as bases do xornalismo tradicional, como a veracidade ou a deontoloxía, pero que, desgrazadamente, tamén herdaron algúns dos seus principais problemas, como a precariedade laboral ou o intrusismo. É xustamente isto último o que me impide gozar desta metamorfose xornalística. ¿De que serven estes cambios se o xornalismo continúa enfermo de gravidade, se hai xornalistas que desexan abandonar a profesión? A solución é sinxela: só nós, os xornalistas do presente e do futuro, poderemos recuperar a súa dignidade e acalar, así, a aquelas persoas que, como a miña nai, continúan mirando con certa desconfianza esta, repito, marabillosa profesión. O porvir depende de nós.

Xornalismo no futuro Curso 2010, Xornalismo no futuro