Xuño 15th, 2012

Eu quero ser xornalista

Por YOLANDA VIDAL

Contan que houbo unha época na que a prensa tiña un papel na vangarda da loita pola igualdade. Chamábana “o cuarto poder” pola súa capacidade para pór en cuestión as imposicións das forzas políticas e económicas, e asegurábase de garantir un mundo máis xusto.
Hoxe atópase irrecoñecible.
“Eu quero ser xornalista”, decidín. Daquela non era máis ca unha rapaza e non entendía por que todos reaccionaban como se dixera algo tráxico. O meu soño non entendía de redaccións onde producir información en serie; quería ser esa persoa que sae á rúa na busca de tódolos planos que compoñen iso ó que chamamos “a verdade”. Coma eses heroes inquebrantables tan propios das películas de Hollywood.
“Outra que vai ir ó paro”, contestáronme en certa ocasión. Iso tranquilizoume. Naquel tempo a palabra crise só asomaba a patiña nalgunha conversa que se antollaba alarmista. Non lle tiña medo ó paro. Sempre me considerara unha persoa traballadora e sabía que aquel que loita polos seus obxectivos non ten por que temer ó futuro. O medo era inseguridade, e eu non entendía daquilo.
Ninguén se atrevía a explicar que a crise do xornalismo era máis profunda. Era unha crise de confianza. A prensa perdía a súa base: a credibilidade. Tal vez aínda lles quedaba unha certa esperanza nun futuro mellor, en que os que chegabamos devolveriamos o prestixio a unha profesión adormecida.
Mais non acabada, como todos querían (queren) vaticinar.
Sempre vin luz onde outros só sinalaban nubeiros. Mentres os medios languidecían entrou en escena a rede, e ironicamente xurdiu o que bautizamos como era da información. Disque hoxe a sociedade prefire escoitar calquera internauta que a un profesional do xornalismo. Non é así. Os cidadáns prefiren escoitar expertos en diferentes áreas e valorar se estes os enganan e non a facerlle caso ós que consideran marionetas do poder.
Medo a Internet? Por que? É a nosa oportunidade de renacer, recuperar o apoio da sociedade e facernos oír. Canto antes deixemos de atacar as tecnoloxías, de chorar polo suposto intrusismo, e tomemos a iniciativa de ser independentes, antes retomaremos a defensa da verdade. Non é iso o que sempre quixemos?

Yolanda Vidal

Yolanda Vidal cre necesario recuperar a credibilidade

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Xuño 15th, 2012

¿Cara a onde vai a nosa profesión?

Por PAULA MARTÍNEZ GESTOSO

É botar unha ollada ás hemerotecas, por exemplo a finais dos sesenta, e darse de conta de canto cambiou o xornalismo en tan pouco tempo. Falo de cando os profesionais daban tumbos entre lugares revoltos para un xornal dos de antes; de cando non existían os gabinetes de comunicación, o correo electrónico ou as roldas de prensa sen preguntas. Naqueles xornais, os reporteiros buscaban novas coma lobos famentos e batían cos cornos por firmar na primeira páxina. Un grupo de xente resabida, sen escrúpulos nin unha carreira universitaria e, sen embargo, a época dourada do xornalismo.
Os bos reporteiros corrían xuntos á carreira, axudándose entre si, e só se esquecían dos compañeiros no ‘sprint’. Aí, á hora de facerse coa noticia e enviala antes que ninguén, a norma era (ou iso supoño xa que aínda agora o é) non ser benevolente nin tan sequera co compañeiro de traballo. Todos eran cazadores de novas de primeira páxina, pero tamén conscientes de que a vida puidera levalos a un xornal como a outro e que, por azares da vida, poderían ir a parar á competencia. Cada un coas súas ideas particulares, por suposto; pero estamos falando de xornalismo. Unha profesión con regras intrínsecas que deberían incluír feitos e non opinións, non respectar no fondo nada nin a ninguén e non ser subornables aínda que a recompensa valla a pena. Ser xornalista non era unha cruzada ideolóxica, senón un oficio áspero e apaixoante.
Con tales antecedentes e co último ano de licenciatura a piques de rematar, ás veces, dálle ganas a un de escoller outra carreira coa que poder desenvolver o traballo máis dignamente. É tan perversa a política actual que a fronteira entre información e opinión, alterada nas últimas décadas por un achegamento aos partidos, está cada vez un pouco máis confusa. Tal e como está o patio, algúns xornalistas vense obrigados a tomar partido, ás veces de bo grao e outras á forza, segundo o medio que lles dá de comer, aliñándose coa opción política ou empresarial oportuna. Así, redactores de cultura ou locais deben incluír tamén nas súas pezas guiños en contra ou a favor, demostrando ademais que o cre de verdade se quere seguir empregado.
Se a isto lle sumamos o nacemento das redes sociais e os blogs, onde os xornalistas mostran a súa cara máis subxectiva e teñen acceso á información ao mesmo tempo que o resto da sociedade, parece que estes perderon o monopolio como intermediarios e intérpretes daquelo que sucede no mundo. A sociedade estase a individualizar por razóns de uso. Os medios xa non teñen a primicia, e aqueles que aínda gozan dela desaprovéitana con falsa obxectividade e sensacionalismo. ¿Cara a onde vai a nosa profesión entón?

Paula Martínez

Paula Martínez ten 'morriña' da época dourada dos xornais

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Xuño 15th, 2012

O xornalismo é do pobo e para o pobo

Por PALOMA LEDO

Mentres haxa xornalistas comprometidos e entusiastas, haberá xornalismo. Mentres haxa quen desmenuce a realidade, a interprete e a explique en todas as súas dimensións e lle dea un enfoque innovador, que esperte a atención, xuízo e actitude participativa dos oíntes, lectores ou espectadores; sempre desde unha ética e cunha linguaxe que fuxa de elitismos, accesible a todos, haberá información profesional, de prestixio. E mentres os receptores dispoñan deste ben sociocultural, acudirán a el, por máis que se lles facilite o acceso a informacións e opinións doutros cidadáns, o cal tamén é enriquecedor.
De feito, o xornalismo cidadán non é un obstáculo nin algo negativo para o xornalista como moitos se empeñan en apuntar. A actividade informativa dos usuarios nas redes sociais e blogs mostra cidadáns máis curiosos e activos, aínda que non abunden os ávidos de cultura. Cada vez máis xente ten a necesidade de sentirse protagonista, cun maior poder de influencia na súa realidade, de contar cunha opinión sólida para debater ou intercambiar comodamente e sen a presión do cara a cara, cos seus veciños de comunidade virtual, fundamentada no coñecemento da actualidade que afecta a súa contorna directa e a súa contorna global, e este adquíreno principalmente grazas ó seguimento constante da información xornalística que ofrecen os cibermedios. Hai usuarios cunha bagaxe cultural ampla, que non se conforman co que aparece nas noticias, senón que navegan en busca da información que lles interesa e amplíana con lecturas, programas culturais audiovisuais de reportaxes ou documentais, de análise política, etc., dos que aínda podemos servirnos hoxe en día a pesar da invasión do espectáculo. Outros moitos, a miúdo copian e pegan ou simplemente comparten a información que len nos seus diarios dixitais preferidos, o que mostra que seguen a prensa, así que o valor do profesional pervive.
O maior problema está na adicción ó actual, o inmediato. Recibimos diariamente un brutal ballón de informacións incompletas, inconexas e catastrofistas nun límite espazo-temporal moi reducido. Esquecémonos da esencia dos conflitos ou asuntos de longa traxectoria, que aínda aparecen de cando en vez ou frecuentan a axenda mediática, así que, sempre que xorden noticias relacionadas cos devanditos asuntos, dáse por suposto que todo o mundo os coñece e a falta de tempo, de dominio, ou por esperar que os impacientes receptores desa información cansarán pronto se hai demasiadas palabras, falta análise, contextualización e implicación. Ós mozos de hoxe gústalles levar a actualidade no peto, preocúpalles estar ó corrente do último que sucede no mundo, os últimos cambios, as novidades na escena do próximo e o afastado, pero non teñen a mesma preocupación por lembrar que pasou onte, en relación co presente e o mañá, e sen iso, non se pode comprender o mundo no que vivimos.  
Por ese motivo, creo que está en mans dos profesionais da información o saber utilizar esas mentes impacientes, enganchadas ó práctico, sinxelo e ameno, conducíndoas cara ó interese polo que, como membros da súa sociedade e do mundo enteiro, seríalles útil coñecer. Con isto non me refiro a manipular a súa forma de pensar, nin a dar leccións de conduta a ninguén, nin a tratar de facerlles tragar produtos informativos pedantes nin moito menos sensacionalistas. Refírome por exemplo, a usar as armas da orixinalidade, a interacción e a sutileza para pór en relación grandes temas históricos que se oxidan nos libros, con outros que están en pleno desenvolvemento ou a piques de estalar, para prender a faísca da atención, e a reflexión; insuflar a importancia da cultura, do coñecemento do planeta no que nos movemos como pantasmas, sen pegada nin rumbo, a fin de recuperar a nosa conciencia de quen somos, que estamos a facer e que podemos facer para mellorar o que contribuímos a crear.
Considero que os medios de comunicación en xeral, deberían favorecer a participación dos cidadáns na sociedade, máis que nos discursos virtuais. Oxalá proliferen os medios sen ánimo de lucro que se dedican a servir a súa comunidade (medios comunitarios), porque estes non só sempre terán futuro pola súa democracia, proximidade e autenticidade, senón que son os que realmente cumpren unha función social e descobren outras realidades que os negocios desprezan.
Polo mundo sempre se deron fascinantes e tráxicas historias,  pero só aquelas que se pousaron sobre o marabilloso enxeño de mulleres e homes cunha paixón por transportarse a si mesmos e ós demais ás circunstancias e sensacións de personaxes ficticios ou reais, transcenderon multitudes, nacións e séculos. Áxiles oradores, hechizantes rapsodas e contacontos, os brillantes narradores sempre foron e serán necesarios, sobre todo, aqueles que foron testemuñas dos feitos que ilustran, pois imaxinación, perspicacia e experiencia garanten calidade e credibilidade.

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Xuño 12th, 2012

Cegos, xordos e mudos

Por CALÍOPE CAMBEIRO

Xa Saramago imaxinou un mundo en tebras. Como de pronto, alguén esperta cego e, pouco a pouco, esta cegueira se vai contaxiando. Unha sociedade desorientada, que non percibe o que ocorre ao seu arredor.
Nestes intres, paseniño, todos imos quedando cegos. Mentres, a democracia enxordece e o xornalismo vólvese mudo. Semella afastado, pero, se nos fixamos, aínda podemos ver como se achega. Os nosos sentidos están en crise. A palabra máis utilizada posiblemente nos últimos tempos: “crise”. Unha crise non xa financeira; unha crise política, social, de valores e ética. Unha crise que infecta tamén o xornalismo, pero non pola falta de lectores, oíntes ou telespectadores. Non porque os medios de comunicación adoezan de enormes perdas nin porque non saiban acomodarse ás novas tecnoloxías. É unha crise máis profunda e directamente proporcional á crise democrática, porque o un sen o outro non poden existir: non é posible concibir a democracia sen liberdade de expresión, sen liberdade de prensa, como non é posible imaxinar estas nunha sociedade non democrática.
Con este horizonte, ábrense dous camiños: o de consentir que isto suceda, enmudecer e deixar a sociedade cega, e o de responder, berrar alto, loitar por unha información libre e honesta, reivindicar o bo xornalismo e recoñecer o que non o é; loitar, en definitiva, pola saúde democrática. Dende a nosa posición, quédanos o traballo de facer consciente a cidadanía do necesario que é prover de valor esta profesión, espertar da catatonía. Un traballo nada doado nos tempos que corren e coa opinión que se está a fraguar sobre o xornalismo, opinión ben fundamentada tendo en conta que, en moitas ocasións, se priman os intereses económicos ou políticos antes que a propia esencia do xornalismo: o servizo público, o deber de informar de xeito veraz. Recuperemos a nosa voz para que a sociedade non esperte nunca cega.

Calíope Cambeiro Vaz

Calíope Cambeiro non concibe a democracia sen o xornalismo

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Xuño 8th, 2012

¿Como ves o futuro do xornalismo?

Por CASIMIRO VÁZQUEZ GENS

Tal e como reflicte actualmente a sociedade, e polos comentarios de persoas que estudaron anteriormente xornalismo, creo que o futuro desta profesión é moi pouco esperanzador. No meu caso particular espero sacar algo en limpo do meu paso pola facultade e aprender algo en cada unha das materias que na devandita titulación se imparten (creo que sempre se pode aprender algo aínda que non che sirva inmediatamente para aplicar ó mercado laboral).Tendo en conta os meus outros estudos, e debendo cambiar o chip á hora de afrontar outra formación e futura profesión, espero que o meu paso pola facultade sexa enriquecedor e que co tempo, e superada a crise económica que padece este país, haxa un panorama un pouco máis esperanzador para poder desenvolverse laboralmente con dignidade e honradez. Sempre me refiro ó panorama laboral porque coa idade que eu teño é practicamente o único co que estou preocupado. O feito de empezar a cotizar bastante tarde para a Seguridade Social e, traballando en tantos sectores ó longo da miña vida que case nin recordo, só espero que o xornalismo me poida levar a vivir novas, duradeiras e positivas experiencias facendo o camiño máis enriquecedor, feliz, produtivo e satisfactorio. De igual maneira, aínda que para o sector non sexa a súa mellor época, co  cambio tecnolóxico no que nos atopamos, creo que se abren novas portas para a información e o desenvolvemento da profesión.

Casimiro Vázquez

Casimiro Vázquez ve posibilidades laborais no xornalismo

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 31st, 2012

Xornalismo infinito

Por RUBÉN DE ROSENDE

O xornalismo existirá ata que o ser humano necesite escoitar historias. E alguén se encargue de contalas. Nin máis nin menos. Non comungo con estes profetas que auguran día tras día a fin do xornalismo. A necesidade de información vai máis alá da evidente e necesaria reforma do sistema comunicativo, é algo consustancial ó ser humano e propio da súa esencia. A aparición de novos formatos para a transmisión de datos non debe supoñer, en ningún caso, un problema para o desenvolvemento da profesión xornalística, senón todo o contrario.
Seguramente moitos faredes alusión ós continuos despidos, EREs ou peches de empresas de comunicación para acusarme de inxenuo optimista. Son plenamente consciente das miñas palabras e estou completamente convencido das mesmas. A cuestión é dar un paso cara a adiante. Envorcar o sistema, non rematar con él. A aparición do medio televisivo axiña trouxo consigo voces que pouco menos que finiquitaban, nun periodo de tempo curto, a entrañable e máxica radio. Medio que, ata o de agora e se as miñas fontes non me fallan, segue vixente. Que modificou a súa operatividade? Dende logo que si, do mesmo xeito que televisión e prensa escrita seguiron tamén o seu propio camiño evolutivo.
Agora é cando outros (ou os mesmos, nunca se sabe) gritaredes que nesta sociedade posindustrial xa non existe o xornalismo. Tan só unha relación empresa-mercadoría-clientela. Correcto. Agora ben, é así en todos os casos? Eu creo que non. Porque no apocalíptico caso de que o sistema crebase por completo e os piares informativos do presente formasen parte unicamente do noso recordo, o que non morrerá xamáis é a alma do comunicador de verdade, do mesmo que cualifiquei ó principio como “contador de historias”. Do home que sae á rúa con bolígrafo e papel como únicas armas ante o mundo, movido pola infinita forza da curiosidade. Ese é o verdadeiro xornalismo, o xornalismo infinito. O xornalismo eterno que existirá ata que o ser humano necesite escoitar historias. E alguén se encargue de contalas.

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 31st, 2012

Novos soportes, vellos principios

Por RAQUEL MARTÍNEZ GARCÍA

Que estamos a vivir unha época de grandes cambios tecnolóxicos que afectan de cheo á produción xornalística tal e como a coñecemos é unha realidade. Que a día de hoxe, as predicións sobre o seu futuro en Internet son moito máis prometedoras que noutros soportes, tamén. Deste feito deriva un temor xeneralizado sobre a desaparición dos valores tradicionais do xornalismo, fundamentado basicamente no cambio de plataforma, que nos paraliza fronte ás infinitas posibilidades que este medio trae consigo á hora de elaborar xornalismo de calidade, o cal, á fin e ao cabo, é o que realmente importa. Ademais de permitir que continúe o labor xornalístico da maneira en que foi concibido nas súas orixes, a liberdade que o caracteriza pode axudar  a combater as presións económicas e políticas nas que se ve inmerso. Como proba, numerosos proxectos saen á luz cada día na rede de man de compañeiros de profesión que apostan por un xornalismo de calidade afastado de influencias empresariais. Agora a participación cidadá é máis activa e o xornalista está máis preto que nunca da súa audiencia, o que lle permite responder de xeito máis efectivo ante as súas necesidades informativas, que se desprazaron na súa maioría á rede. Polo tanto, deberemos adaptarnos á evolución da sociedade, sabendo responder coa mesma eficacia en calquera medio a través do cal acudan na busca de información. Os futuros xornalistas que dentro de pouco saímos da facultade, temos que empregar isto no noso favor. Crecemos inmersos na revolución que supuxo internet dende o seu nacemento e seguimos a súa evolución dende entón, polo que saberemos cómo desenvolvernos sen dificultade neste medio. O feito de que aparezan novas plataformas, non ten como consecuencia irremediable a desaparición dos medios tradicionais, como moitos pensan. Cada un ten unhas características definitorias propias que o fan necesario e que farán que se manteñan no tempo; como tampouco implica que se abandonen os principios de transparencia e calidade cos que toda información debe contar. O problema que ameaza o futuro do xornalismo non ten que ver coa elección dun ou outro soporte, senón co uso que nós fagamos del.

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 31st, 2012

Feliz 1984

Por AITOR PEREIRA RODRÍGUEZ

Como Orwell dixo, só existe aquilo do que se deixa constancia, aquilo que ten a capacidade ou a fortuna de acabar nos libros da historia. O xornalismo pode ser unha arma de dobre fío neste sentido, pois de ser usado dunha forma incorrecta e interesada será o látigo que azoute a liberdade de expresión e de pensamento de todos aqueles que conformamos o rabaño. A expansión do sistema capitalista provoca unha repartición desigual da riqueza mundial, o cal deriva no nacemento de grandes imperios económicos que poderian controlar calquera medio de comunicación. A independencia da prensa atópase entre o eixo e a roda, os custos son elevados e os ingresos cada vez menores, e para máis inri estes sempre chegan desde o sector privado, investimentos de capital intencionados e cun único obxectivo, controlar o tráfico de información. Ademais disto, as novas tecnoloxías globalizadoras facilitan a expansión destes medios. Internet permite que calquera noticia dea a volta a mundo, polo cal un monopolio mundial informativo non é xa tan utópico. Para que isto non suceda, para que non se apague a luz da democracia e do libre pensamento, debemos velar pola independecia dos nosos medios, se non queremos que todo o que hoxe coñecemos como prensa algún dia se converta no panfleto dun partido X, nun mecanismo de lavados de cerebro como na historia escrita por Orwell. Que isto suceda ou non depende de todos e cada un de nós, de como e canto loitemos polo único que aínda nos permite controlar minimamente os que moven os fíos: o xornalismo.

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 31st, 2012

Internet ó servizo da ética

Por NURIA LÓPEZ

Temos que falar do futuro do xornalismo, pero non podemos obviar o evidente e é que o xornalismo é un proceso de intercambio de información. Esta sempre estivo condicionada polos diferentes cambios tecnolóxicos que se foron dando na historia da humanidade. O xornalismo tamén e agora máis que nunca, con esta nova rede que domina as nosas vidas e que é Internet. Certamente, Internet cambiou e mellorou diversos procesos, logrou unir o mundo en canto á súa capacidade de conexión e representa sen dúbida unha oportunidade para novas creacións.
A nova etapa da historia humana que se caracteriza por termos como informático, dixital, electrónico, virtual e por suposto, as redes sociais, ten como protagonista unha Rede de Redes a libre disposición de todo individuo.Podemos preguntarnos entón, ¿Internet é un novo medio de comunicación de masas? Tecnicamente si, e convencerase todo o mundo diso en moi pouco tempo. Cando se fala de medios de comunicación de masas faise referencia a instrumentos que permiten a emisión dunha mensaxe ó mesmo tempo que unha gran cantidade de persoas a reciben. Pois Internet é moito máis que iso. O único medo que podemos ter ante este novo fenómeno é que non se respecten as normas básicas que definen o xornalismo como o que é: a veracidade, contar a verdade, non deixarse levar por influencias ou intereses que non nos deixen levar a cabo os nosos obxectivos. Se cumprimos isto, temos case solucionado o futuro desta incerteza chamada xornalismo.

Nuria López

Nuria López ve posibilidades na Internet

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro

Maio 25th, 2012

Emprender camiños novos

Por ALEXANDRE VÁZQUEZ LORENZO

A prima de risco non deixa de subir. As axencias de calificación rebaixan a solvencia dos países ao seu antollo. Os propios estados recortan servizos sociais en beneficio das grandes corporacións financeiras. Cada día que pasa estamos máis preto do rescate. No mundo da comunicación, os EREs salpican aqueles medios que sempre pareceron intocables, e cuxos traballadores pasarán en breve a engrosar as listas do paro. Tamén en Galicia, onde non só os medios en galego comezan a caer. As canles de televisión privadas fusiónanse, mentres que o voitre da privatización axexa as públicas. Neste xusto intre, xusto neste, cen rapaces e rapazas que entraron nunha facultade hai catro anos sairán cun título baixo o brazo. Cen novos xornalistas. O futuro do xornalismo é tan incerto coma o noso propio porvir. Porén, neste momento de complicacións, despedimentos e terror financeiro, pode ser que esa canteira teña unha oportunidade. Ademais do título, debaixo do brazo levan tamén o seu coñecemento das novas tecnoloxías e as novas fórmulas de comunicación nas redes sociais. O novo xornalismo, no que moitos dos mellores xornalistas do momento están desfasados, ábrese diante nosa como unha oportunidade de futuro. As crises mundiais sempre viñeron parellas de correntes culturais moi fortes, a condición humana é máis creativa cando está contra as cordas. Haberá que buscar iniciativas propias, poñelas a funcionar e indagar sobre novas fórmulas de traballo coas que non teremos competidor. O xornalismo vai máis aló dos medios tradicionais, e o partido do futuro xogarase en internet. Innovar ou morrer.

Alexandre Vázquez

Alexandre Vázquez ve novas capacidades nos novos xornalistas

Galicia Hoxe Curso 2012, Xornalismo no futuro