Inicio > Pedras para un castelo > Antinatura 2011

Antinatura 2011

Viernes, 24 de junio de 2011

Durante anos, demasiados, a conciencia ambiental, isto é, a capacidade para pensarmos o planeta coma un valor a protexer, foi algo alleo á maioría dos habitantes da biosfera. Até a segunda metade do século XX, co auxe da era industrial, non estoupou o movemento ecoloxista. Primeiro como ambientalista, centrado máis ca nada no conservacionismo e na contaminación, e hoxe xa cunha visión máis ampla, a da ecoloxía social. No entanto, o conservacionismo segue a ser imprescindíbel.

Ao ecoloxismo débeselle o medrar desa conciencia e, en consecuencia, moitas das reaccións dos gobernos. Entre estas, as figuras de protección da natureza adquiriron un papel central, especialmente a partir da creación, no 1948, da Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN), que se encarga da clasificación dos espazos naturais para a xestión das áreas protexidas, das listaxes vermellas de especies ameazadas, etc. Destas categorizacións depende por exemplo a pouco empregada Lei galega de conservación da natureza (9/2001).

Porén, estas figuras de protección non abondan. Por simplificar, resultan moitas veces nun arquipélago de “illas de conservación” que, se ben preservan -e con limitacións- determinados espazos, non están conectadas entre elas. Esta foi unha das razóns para crear a Directiva Hábitats da UE, que apelou á constitución dunha rede moito máis ampla -Natura 2000- de espazos a nivel europeo.

O Plan director da Rede Natura que acaba de presentar a Xunta atenta contra esta idea, se cadra unha das máis lúcidas que tivo a convulsa historia da UE. Atenta contra anos de loitas pola conservación da natureza, contra o noso patrimonio común e contra a nosa conciencia colectiva. Non abonda con que os espazos da Rede Natura galega sumen unha superficie ridícula -preto dun 12% fronte ó case 25% do Estado e da propia UE, ou o 20% de Portugal- e tampouco con que dende a administración se estea a dar a idea, á mantenta, de que os únicos espazos que hai que coidar son os da dita Rede. Asemade, así evitan facer os necesarios plans de ordenación, uso e xestión para cada un dos Lugares de Interese Comunitario (LIC) desta rede, que tamén faltan na maioría dos espazos protexidos pola lei 9/2001.

Hai máis. A Xunta decidiu que, sexa cal for o nivel de conservación establecido para cada anaco da rede -só o 26% terá o máximo-, a acuicultura en terra é un “interese público de primeira orde” -como o fútbol para Mariano Rajoy-, e poderase instalar en calquera lugar demandado pola patronal do peixe plano.

“A Xunta interpreta ao seu antollo a directiva europea sobre espazos Rede Natura para, baixo a aparencia de razóns de orde pública, favorecer intereses empresarias”, denunciou Ana Miranda en Bruxelas. Diante dun Goberno que teima en esnaquizar o país, se cadra só nos queda iso, Bruxelas, e por suposto espertar novamente esa conciencia ambiental que fixo que, nos últimos anos, dúas das maiores rebelións populares -Nunca Máis e Galiza Non se Vende- resultaran da indignación ante os desastres ambientais. Próxima parada, Touriñán.

Manoel Santos Pedras para un castelo , , ,

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.
*