Inicio > Pedras para un castelo > Ecoloxía mental

Ecoloxía mental

Jueves, 9 de junio de 2011

Nun Día Mundial do Medio Ambiente coma o de hoxe, mais hai xa 19 anos, a Xunta declaraba Parque Natural o complexo dunar de Corrubedo, hogano o espazo protexido máis visitado do país e un dos máis valorados polas galegas e galegos, que senten este anfiteatro areoso como seu.

Este sentimento colectivo explica, por exemplo, que en novembro do 2007 máis de 7.000 activistas se desprazasen a Corrubedo, que parece ficar no cabo do mundo, para se mobilizaren contra o Plano Acuícola, que proxectaba alí unha barbaridade duns 300.000 metros cadrados de formigón. Chamáronlle o “espírito de Corrubedo”, e se cadra é ese espírito no que se quere recuncar hoxe cos actos reivindicativos que hai convocados en Muros en defensa das nosas rías.

Malia o que poida parecer, o milleiro escaso de hectáreas do vizoso conxunto de humedais que conforman o Parque Natural de Corrubedo non foi protexido legalmente por mor dunha repentina doenza de sensibilidade política. Nin moito menos. Foi produto dunha década enteira de loitas populares e ecoloxistas, especialmente contra a extracción de áridos destinados á sacrosanta construción, ao pé mesmo da meirande duna móbil do noroeste peninsular. Lembro con agarimo un xigantesco SOS que debuxáramos os cativos e cativas de Corrubedo cos nosos miúdos corpos, sentados na pendente dunar a finais dos “80, por iniciativa da asociación de veciños da vila dos montes da area. A xa defunta Asociación de Veciños “As Dunas”. Non foi, xa que logo, unha loita de intereses, senón unha contaxiosa práctica común de ecoloxía mental. Unha toma de conciencia colectiva da necesidade perentoria de protexermos a nosa contorna. E a nós mesmos.

E coido que é de conciencias do que temos que falar, e ao que temos que apelar, para darlle urxente centralidade á crise ecolóxica global que padecemos. Ela reflicte o “esgotamento dun sistema que ten como motor o ter e o acumular”, como di Cândido Grzybowski. Unha crise que, de entre todas as que nos afectan -alimentar, económica, enerxética, de democracia, de desigualdade, etc.-, é a única irreversíbel e a que máis ameaza á humanidade. Porque como ben advirte Susan George, non é o planeta o que temos que salvar, xaora que este, dun xeito ou doutro seguirá, se cadra con outras especies e outros biotopos no cumio da pirámide ecolóxica. É a propia existencia da humanidade a que está en xogo.

A toma de conciencia colectiva é a que xera as loitas populares. E a experiencia di que só con estas expresións comunitarias de rebeldía e democracia rueira poden cambiar as cousas. A mudanza climática, a deforestación salvaxe, a contaminación masiva, a insoportábel destrución ambiental e a sangrante perda de biodiversidade, entre outras eivas, non deberían ser temas menores. Son os grandes temas, os tétricos efectos dunha estrutura socioeconómica global ambientalmente reaccionaria, dunha civilización caduca que, por riba, só produce desigualdades, pobreza e morte. Hoxe é un bo día, un gran día, para comezar a practicar a ecoloxía mental.

Manoel Santos Pedras para un castelo , ,

  1. Miércoles, 18 de enero de 2012 a las 19:07 | #1

    m5uhRk , [url=http://qfomoolfepjo.com/]qfomoolfepjo[/url], [link=http://livgwhgsvyrp.com/]livgwhgsvyrp[/link], http://mllxiohoizlz.com/

  2. Lunes, 16 de enero de 2012 a las 10:55 | #2

    uIvzfp jjicezdueydd

  3. Domingo, 15 de enero de 2012 a las 12:10 | #3

    PfOFej , [url=http://eyorafcwcgvf.com/]eyorafcwcgvf[/url], [link=http://okzfsnoaptuj.com/]okzfsnoaptuj[/link], http://mqhxyjjyurmv.com/

  4. Sábado, 14 de enero de 2012 a las 10:12 | #4

    rwhYRf sfpxztgwovmo

  5. Sábado, 14 de enero de 2012 a las 01:03 | #5

    Fell out of bed feelnig down. This has brightened my day!

  1. Sin trackbacks aún.
*