De votos: prácticos, útiles e de castigo
Logo do recuncar da dereita máis reaccionaria na Galiza e da posíbel volta do PP ao goberno do Estado en 2012, un só pode concluír que os movementos sociais transformadores deberamos manifestarnos -e mobilizarnos- decidida e publicamente en período de eleccións, xa sexan locais -onde podemos ter máis grao de incidencia-, nacionais ou estatais; mais ca nada para evitar os retrocesos que chegan coa dereita.
Unha das organizacións populares máis influentes do planeta é o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) do Brasil. Agrupa centos de milleiros de familias camponesas sen acceso á terra, que van ocupando latifundios improdutivos en precarios acampamentos, até que logran mudalos en asentamentos legais. Nos últimos 25 anos lograron conquistar 7 millóns de hectáreas e asentar a 400.000 familias. Porén, hai moitos máis sen terra no Brasil.
Falamos dun movemento labrego, emancipador, da esquerda transformadora, con insistente presenza nos foros internacionais e cunhas moi avanzadas teses e propostas políticas. A súa máxima aspiración é a reforma agraria dun país, Brasil, que ocupa o segundo lugar do mundo en concentración da terra -o 48% en mans dun 2% de propietarios -, despois de Paraguai. Como movemento social o MST sempre se manifestou perante as cuestións políticas brasileiras, especialmente en eleccións. Como non facelo se os seus obxectivos dependen moito das decisións do poder? Así, apoiaron a primeira vitoria de Lula en 2002, que lles prometeu unha reforma agraria que nunca chegou. As controvertidas políticas agrarias e ambientais dos seguintes anos farían que mudara nun movemento hipercrítico -e durísimo- con Lula.
Con todo, comicio tras comicio os do MST -e outros movementos e persoeiros antisistémicos brasileiros- sempre pediron o voto para o PT de Lula. Tamén nestes últimos gañados por Dilma Rousseff. E non só porque pensen que Dilma suporá máis esquerda. Eles mesmos insisten en que non apoian ao PT porque represente o seu proxecto, senón porque a chegada da dereita suporía grandes pasos atrás. Con Rousseff o MST será, de seguro, un problema máis para o goberno. Mais son conscientes de que os avances destes anos non se terían dado sen o PT no poder.
Os sen terra son unha organización social moi poderosa en comparanza coas que temos en Europa ou na Galiza, é certo, mais precisamente por iso deberiamos ter en conta os seus quefaceres.
Logo do recuncar da dereita máis reaccionaria na Galiza e da posíbel volta do PP ao goberno do Estado en 2012, un só pode concluír que os movementos sociais transformadores deberamos manifestarnos -e mobilizarnos- decidida e publicamente en período de eleccións, xa sexan locais -onde podemos ter máis grao de incidencia-, nacionais ou estatais; mais ca nada para evitar os retrocesos que chegan coa dereita. Paralelamente, debemos facer un esforzo para aclarar que eses apoios son puntuais e non supoñen aval ningún para os malgobernos da esquerda.
Porén, o máis importante é ter claro que para avanzar na transformación social non podemos confiar en ningún goberno. Para iso o que cómpre é dotarnos de organizacións máis fortes e de redes con verdadeira capacidade de incidencia social, con poder social. Exercer ese poder -que hoxe non temos- cun goberno de esquerda sempre será máis doado. Fronte ao voto de castigo, que tamén nos autocastiga, e fronte ao voto útil, que avala os malgobernos, debemos exercer o voto práctico. E realista.





RSS
