Inicio > Pedras para un castelo > Ciganos: integración ou convivencia?

Ciganos: integración ou convivencia?

Martes, 31 de agosto de 2010

bandeira_romO pobo cigano fai agromar o peor das nosas sociedades, ese sentimento racista co que tamén convivimos neste país. Pasa en toda Europa, e tamén aquí, como se demostrou este verán na Galiza”. A frase foi pronunciada en decembro de 2008 por Lupe Ces, da Marcha Mundial das Mulleres, nunha das máis emocionantes actividades autoxestionadas do Foro Social Galego (FSGal).

Naquela palestra catro mulleres ciganas explicáronnos de onde viñan, como vían a vida e como se sentía o pobo rom diante da nova onda de racismo que, daquela, tiña Italia como centro. Lembro aínda con arrepíos a emisión dun vídeo gravado en setembro dese ano no que o alcalde de Treviso, un fascista confeso de nome Giancarlo Gentilini -que gobernou case 10 anos e ao que chamaban sheriff-, arengaba as masas da Lliga Norte para acabar cos ciganos: “Quero eliminar os nenos ciganos”, “Tolerancia dobre cero”… Aquelas declaracións provocaron a intervención do fiscal de Venecia e a posterior -e ridícula- condena, en outubro de 2009, de Gentilini a non poder apoiar xuntanzas públicas en tres anos e 4.000 euros de multa.

Este espírito propio do III Reich anda agora a se espallar pola república francesa da man dun noxento -tanto como a cidadanía que o apoia- Nicolás Sarkozy e o xa mil veces escoitado discurso da seguridade. O mandatario francés non só a emprende contra unha etnia concreta, o que non se pode entender máis que como racismo puro, senón que, asemade, expulsa -malia que el lle chama “retorno voluntario”- varios centos de cidadáns da Unión Europea, que é o que son os ciganos romaneses. Fronte a isto, a “profunda preocupación” da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia non se pode entender máis que como unha ridícula condena, como aquela da besta Gentilini.

Mais a escusa dunha suposta procura de maior seguridade e a evidente estratexia electoralista de Sharko, cousas que sempre van parellas nos gobernos ultraconservadores, non pode agochar ese “agromar do peor das nosas sociedades” fronte ao diferente que mencionara Lupe Ces. Especialmente cando estamos a falar dun pobo que, dende que saíra do Punjab hindú hai máis de mil anos -moitos máis dos que ten Francia como nación- para camiñar polo mundo, se algo demostrou é o seu pacifismo e unha extraordinaria capacidade para conservar a súa cultura diante dunha civilización xudeucristiá que nunca foi quen de entender o espírito libre dun dos pobos máis admirábeis do planeta.

José Steinsleger explicábao ben estes días en La Jornada: “Temidos, expulsados, explotados, escravizados, marxinados, dispersos polo mundo, os pobos rom souberon conservar a súa cultura e unha férrea tradición de hábitos e costumes que, para sobrevivir, non podían senón ser moi conservadoras”.

Unha daquelas mulleres ciganas que participaron no FSGal deume a clave para entender un pouco mellor o pobo rom: “Non queremos integrarnos, queremos convivir, só así seremos quen de conservar os nosos costumes”. Por aí deberiamos comezar a traballar. Tratando de entender.

Manoel Santos Pedras para un castelo , , ,

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.
*