Inicio > Pedras para un castelo > Ouro verde por ouro negro

Ouro verde por ouro negro

Jueves, 19 de agosto de 2010

yasuniQue hai unha serie de gobernos en América latina que están a constituír unha vangarda mundial na procura dun cambio radical no noso depredador modelo de sociedade é unha obviedade, malia que demasiadas veces a arañeira informativa do primeiro mundo, ese que vive rexido polo máis voraz dos sistemas económicos, teime en desacreditar a Hugo Chávez, Evo Morales, Fernando Lugo, Rafael Correa… vestíndoos de tolos ditadores ou ignorantes dirixentes.

Mais eses mandatarios van sempre por diante e os seus gobernos avanzan, no eido interno mudando para mellor as deplorábeis -e históricas- condicións de vida de boa parte da súa poboación e experimentando con mecanismos de participación popular impensábeis no norte; e no eido externo erguendo a voz para propor novos xeitos de integración entre os Estados, novas e máis xustas regras de cooperación internacional e, sobre todo, novas formas de pensar o planeta, ou de relacionármonos con el.

Ecuador acaba de dar un paso práctico, se cadra fundamental, para unha nova ética planetaria, que é como definiu a súa ministra do Patrimonio, María Fernanda Espinosa, a sinatura o pasado 2 de agosto do fideicomiso entre o seu goberno e o PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento) para pular pola iniciativa Yasuní-ITT.

De xeito simple, diremos que a dita iniciativa, ideada hai tres anos, quere deixar baixo terra reservas de petróleo de até 850 millóns de barrís en tres xacementos -Ishpingo, Tambococha e Tipuyini (ITT)- do Parque Nacional Yasuní, un dos lugares de maior biodiversidade da Amazonia, no que aínda moran os Tagaeri e os Taromenane, os dous últimos pobos indíxenas en illamento voluntario do país.

A cambio, Ecuador apela á corresponsabilidade internacional (deixaríanse de emitir 407 millóns de toneladas de CO2) e a novas regras de relación entre países desenvolvidos e en desenvolvemento, pedindo unha compensación económica equivalente a só a metade do prezo que ese petróleo tería no mercado, uns 3.600 millóns de dólares que serán administrados polo antedito fideicomiso e empregados en proxectos de enerxías renovábeis, conservación de áreas protexidas, reforestación, investimento social, ciencia e tecnoloxía, etc. Alemaña, Bélxica, Francia, España, Italia e Noruega, así como moitas institucións privadas, xa manifestaron que contribuirán co dito fideicomiso.

É de xustiza lembrar que Ecuador -si, ese Estado andino dirixido polo mesmo Correa que vemos nas fotos con Chávez e Morales- é un país ben pobre. Ten no ouro negro a súa meirande fonte de riqueza, pois constitúe o 22% do seu PIB e case o 65% das súas exportacións. Asemade, o cru que se pretende deixar baixo os vizosos chans do Yasuní representa non menos do 20% das reservas do país. No entanto, é quen de emprender unha aventura radical a prol dun planeta máis san e dunha economía máis sustentábel. Aventura? Ben, verémolo nos vindeiros anos, mais cando menos alguén dá pasos para tentar reverter a agoniante situación do planeta de todos. Que fan os demais?

Manoel Santos Pedras para un castelo , , , ,

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.
*