A quen permiten gobernar os Gobernos?
Láiase hoxe Miguel Anxo Fernán-Vello no seu caderno aberto de que os mercados financeiros mundiais actúan como un Goberno Mundial na sombra, e de como os Gobernos “dun tempo a esta parte, adoitan renderse ao xugo imposto e seguiren as pautas marcadas polo Fondo Monetario Internacional e polos señores que, á par, dirixen os mercados financeiros”. E non lle falta en absoluto razón.
No entanto, gustaría de achegar dúas consideracións, ou reconsideracións, aos bos apuntamentos de Miguel Anxo. En primeiro lugar ese “dun tempo a esta parte” parece cando menos algo benévolo. De feito, o FMI, e o seu terríbel xemelgo –como apuntaría Susan George–, o Banco Mundial, levan a exercer de gobernos de facto dende hai unha chea de anos, e especialmente dende finais dos anos 70 do século pasado e dos 80 (logo da crise do petróleo e da crise da débeda), que foi cando impuxeron a medio mundo –falo do mundo de abaixo– os seus plans de axustamento estrutural para obrigar a adaptar as economías do Sur ás ambicións do Norte. O que acontece, e se cadra de aí vén a expresión de Fernán-Vello, e que toda vez que moitos gobernos do Sur se foron emancipando das inxerencias dos terríbeis xemelgos –Arxentina, Brasil, Venezuela, etc.–, cuestión que case leva á creba ao FMI en tempos de Rodrigo Rato –lembremos o apoio de Zapatero á súa dirección nesa institución–, a ambición dos mercados decidiu atacar directamente os Estados do Norte, ou as mans que lles dan de comer, polo que agora é Europa quen comeza a sufrir a súa desmedida fame especuladora. Deste xeito, os Estados máis débiles, como Grecia, España, Portugal ou Irlanda, son hogano os obxectivos principais.
A segunda consideración é máis global. Conviría que fóramos dirixindo as nosas acusacións a quen realmente ostenta o poder, malia que este poder fose traspasado aos Mercados. Isto é, aos verdadeiros culpábeis, que son os nosos Gobernos e gobernantes, lexitimadores –e financiadores– absolutos das Institucións Financeiras Internacionais. A presenza de calquera Estado no FMI, BM, OMC ou mesmo na UE non é obrigatoria, malia que si dalgún xeito obrigada. Mais aquí no Norte, rara vez, ou nunca, ningún goberno de ningún Estado cuestiona os métodos antidemocráticos de tan ilexítimas institucións, en gran medida porque sempre as avalaron, pois sempre lle beneficiaron. É agora, cando as bombas da guerra financeira caen por fin sobre Europa, sobre nós, cando comezamos a escoitar os laídos dos nosos políticos que, ao cabo, só tratan de, por usar terminoloxía financeira, externalizar as culpas.





RSS
