Inicio > Pedras para un castelo > Honduras, un ano de golpismo democrático

Honduras, un ano de golpismo democrático

Miércoles, 21 de julio de 2010

honduras_golpe02Os membros da Fronte de Nacional de Resistencia Popular (FNRP) de Honduras non só falan de golpe militar, senón de golpe político-militar e eclesiástico, á hora de apuntar aos que o 28 de xuño de 2009, hai xa un ano, racharon a orde constitucional e expulsaron o presidente Manuel Zelaya, baixo a dirección de Roberto Micheletti.

Segundo Renán G. Valdez, sociólogo que forma parte da comisión de formación da FNRP, o golpe foi executado polo Congreso Nacional, a Corte Suprema de Xustiza, o Ministerio Público e as Forzas Armadas, coa participación directa do Pentágono e da CIA. Porén, foi impulsado polo Consello Hondureño da Empresa Privada (COHEP), que agrupa as familias máis poderosas de Honduras.

E é que a estas alturas ninguén dubida das dúas vertentes que desembocaron no golpe, a económica e a xeopolítica. A económica fala das iras da burguesía ao ver perigar os seus intereses coas decisións de Zelaya, como a do incremento considerábel do salario mínimo ou os convenios con PVDSA (Petróleos de Venezuela) e Petrocaribe para a importación de produtos enerxéticos, no canto de seguir coas custosas condicións impostas polas transnacionais.

A vertente xeopolítica, fala das iras dos EUA polo achegamento de Zelaya á ALBA -que non a Chávez-, unha iniciativa de integración rexional impulsada por Venezuela e Bolivia que trata de rachar coa histórica submisión económica dos países de América Latina. Estes renuncian aos tratados de libre comercio para experimentar con mecanismos de cooperación horizontal en materia sanitaria, educativa, enerxética, ambiental, de economía popular, financeira, etc. Vaia, que os procesos emancipatorios e antiimperialistas estaban a chegar demasiado lonxe, ou demasiado arriba.

Un ano abonda para sacar conclusións do acontecido en Honduras. A primeira é que os pobos, as xentes, son quen de se organizar e resistir máis do que se pensa, como demostra a activísima loita que segue a desenvolver a FNRP, xunto a outras agrupacións como Mulleres en Resistencia, nun contexto de gravísimas violacións dos dereitos humanos, con continuos asasinatos de dirixentes sociais e sindicais -e de xornalistas- denunciados dende a Comisión Interamericana dos Dereitos Humanos (CIDH) ou Amnistía Internacional. O goberno ilexítimo de Porfirio Lobo, xurdido dunha fraude electoral imposta, comeza a sufrir os efectos dunha resistencia que non ten paranza, e mesmo xa se fala de que o presidente trata de achegarse ao deposto Zelaya.

A segunda é que a vella táctica do golpe militar, mais agora seguida de eleccións condicionadas e dirixidas e a posterior lexitimación do goberno escolleito -como están a facer EUA ou España, aceptando a presenza de Lobo en Madrid para o cumio entre a UE e Centroamérica de abril-, pode inaugurar un novo e terríbel xeito de actuar dos que, dende o Norte xeopolítico e continental, tratan de frear a emancipación dos habitantes do patio traseiro. A Doutrina Moroe segue viva, e disque o Paraguiai de Fernando Lugo pode ser o seu vindeiro laboratorio.

Manoel Santos Pedras para un castelo , , ,

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.
*