Inicio > Pedras para un castelo > Reforma ou involución (laboral)?

Reforma ou involución (laboral)?

Domingo, 13 de junio de 2010

reforma_laboralMalia que non son un experto en temas laborais atrévome a realizar dúas negacións sobre a reforma laboral que se está a negociar en Madrid e que o Goberno disque aprobará por decreto o día 16 se non hai acordo entre patronal e sindicatos: non é necesaria… e non é reforma.

Non é nin moito menos necesaria, esecialmente para os que exercen, precisamente, a parte laboral da cuestión; mais si para os que viven na parte financeira. Vai máis orientada a recuperar da catarse a insaciábel teima especulativa do capitalismo virtual que a facilitar a vida da poboación en disposición de traballar. Todo para volver á irresponsábel situación anterior á crise.

E digo irresponsábel porque o peor é que a intención final da reforma non é a de crear emprego, senón a de recuperar a tolería do crecemento. E é precisamente a sociedade do crecemento continuo -que só crea emprego, precario e dependente, ciclicamente- o que é insustentábel, tanto para a vida social como para o mantemento da vida no planeta. A ecuación é tan sinxela como inapelábel: a maior crecemento económico -resultado da fatídica interconexión entre produción desaforada e consumo compulsivo-, menos recursos… e menos planeta. Os inxustos plans de axustamento que se estenden por Europa demostran que o limiar de resistencia -ou aguante- da clase traballadora diante dos abusos das elites financeiras está moito máis alto do que pensabamos. Porén, até onde chega o limiar de resistencia ambiental?

A segunda negación fala de que calquera reforma laboral supón unha perda de dereitos dos traballadores e traballadoras. Non é reforma, é involución. Chamémoslles ás cousas polo seu nome. Ou non son a flexibilización e a subvención dos despedimentos -vía fondo de garantía salarial- os principais piares da reforma? Ao cabo, este sistema económico, experto en socializar perdas e privatizar beneficios, fundaméntase nun alicerce básico: o debilitamento da clase obreira para desequilibrar a relación de forzas a favor do mundo empresarial e a súa impunidade.

<p align=”justify”>Nun recente artigo de Iñaki Uribarri en Sin Permiso sobre a historia das cinco reformas laborais do último cuarto de século no Reino de España, o autor afirma que todas tiveron como obxectivo declarado a creación de emprego, e as catro últimas -dende 1994- a redución da temporalidade impulsada na reforma de 1984, ou o fomento do emprego indefinido.

No entanto, ningunha desas reformas foi eficaz no combate contra a temporalidade, especialmente porque a situación inestábel dos traballadores favorece á clase empresarial.

Ben, pensaredes, pero se cadra esas reformas anteriores si contribuíron cando menos á creación de emprego. Pois Uribarri pensa que as decisións empresariais sobre o investimento e a creación do emprego non dependen das relacións laborais e dos mercados de traballo. Máis ben, sexa cal sexa o mercado laboral existente, o emprego medra e o paro mingua en conxunturas económico-financeiras favorábeis, e neste sistema estas implican cada vez unha maior explotación da xente traballadora.

Manoel Santos Pedras para un castelo , ,

  1. Sin comentarios aún.
  1. Lunes, 9 de enero de 2012 a las 20:33 | #1
*