Inicio > Pedras para un castelo > O tribunal permanente dos pobos

O tribunal permanente dos pobos

Sábado, 8 de mayo de 2010

posneoliberalismoNa quinta edición de Pós-Neoliberalismo II. Que estado para que democracia? un bo libro coordinado por Emir Sader e Pablo Gentili para a editora brasileira Vozes, o sempre lúcido e didáctico Atilio Borón, analiza as cicatrices deixadas pola reestruturación do capitalismo promovida polos réximes neoliberais.

O sociólogo arxentino conclúe que a democracia e os mercados actuais son manifestamente incompatíbeis por mor da inédita mercantilización da vida social provocada nos últimos trinta anos polo que el chama os “novos leviatáns”.

Como o propio Borón indica, na teoría política a palabra “leviatán” evoca a imaxe opresora do estado absolutista conxurado por Thomas Hobbes para pór fin á devastación producida polas guerras civís de “todos contra todos” na Inglaterra do século XVII. Só que, continúa o sociólogo, no contexto do neoliberalismo nacido a finais do século XX xa non hai un só leviatán, senón moitos, e ademais privados. Fala, claro está, do enorme poder adquirido por unha serie de conglomerados de xigantescas de empresas, as transnacionais, que as tornou en actores políticos de primeirísima orde, case imposíbeis de controlar, en detrimento da soberanía dos estados e, xa que logo, desa democracia que xa non é do pobo, polo pobo e para o pobo, como rezaba a fórmula de Abraham Lincoln.

Algunha vez xa temos falado das prácticas de moitas destas megaempresas, con delitos probados contra os dereitos humanos, contra os pobos e contra o planeta, así como das propostas para controlalas. Lembren aquela inxenuidade do autorregulamento, bautizado como Global Compact por Kofi Annan en 1999, ou a que recentemente articularon os relatores da ONU Martin Scheinin e Manfred Nowak, por iniciativa de Mary Robinson, para crear unha Corte Mundial que xulgue as multinacionais. Como ben di Pedro Ramiro, do Observatorio de Multinacionais en América Latina, “cos antecedentes que existen, non parece doado que na actualidade poida callar unha proposta deste tipo”.

A única iniciativa real que se lle pode comparar xurdiu, como non, da sociedade civil, co nome de Tribunal Permanente dos Pobos (TPP), herdeiro daquel Tribunal Russell creado para xulgar os crimes cometidos polos Estados Unidos en Vietnam (1966-1967) e que sesionou por segunda vez entre 1974 e 1976 para axuizar as ditaduras militares de América Latina. Hoxe está formado por 130 persoeiros ben prestixiosos do mundo artístico, relixioso, político, avogados, escritores, expertos en dereito internacional, dereitos humanos, etc.

Entre o 14 e o 15 de maio celebrarase en Madrid unha nova sesión do TPP organizada pola rede birrexional “Enlazando Alternativas”, coincidindo co Sexto Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da UE e de América Latina e o Caribe, aos que se lles farán chegar as conclusións sobre as prácticas de Repsol-YPF, Unión Fenosa, Coca-Cola e compaña. Unha boa ocasión para visibilizar as loitas de moitos movementos sociais mundiais e pular por unha lexislación internacional que se aplique a todos. Leviatáns incluídos.

Manoel Santos Pedras para un castelo

  1. Sin comentarios aún.
  1. Sin trackbacks aún.
*