A sociedade está rachada de vez. A fractura, fonda fenda, entre cidadanía e política institucional non é a única que paira sobre este caos sistémico, porque ao cabo é iso o que nos acompaña nos últimos meses, semanas, anos. Hai tamén unha fractura social, no social, do social. Unha fractura na orixe. Unha desestruturación salvaxe na que a maioría das persoas, as de abaixo, non son quen de se atopar, de se encontrar, de tecer redes poderosas, de loitar en común, polo común. De esixir, mandar, gobernar. Os seus instintos comunitarios foron roubados, esnaquizados, asasinados. Ou deixáronse roubar.
E hai tamén unha fractura na política, nos partidos, nas institucións. Unha fractura na orixe, outra no camiño e outra no destino. As datas de consumo preferente caducaron de vez. Xa non serven. Viven noutro mundo, autistas e alporizados, con medo, medo á democracia, á xente, ás propostas e ás disidencias, á diversidade e á imaxinación. Medo ao outro. Viven obsesionados coa militancia, cunhas vulgares caixas de cristal enchidas de sobres brancos, e negras esperanzas, fóra das rúas, fóra das xentes, afastados das bases sociais que un día, xa non lembro cando, lle cederon unha representación por eles prostituída, enlixada, desprezada, ultraxada.
En estando todo rachado, desestruturado, inconexo e desencontrado, só podemos pensar en recompoñer, ou se cadra compoñer de novo, ou simplemente poñer. Sen prefixos. Sen máis.
Espazos. Cómpren novos espazos. De participación, de encontro, de intercambio de experiencias, de vivires, de anhelos e de esperanzas. Espazos para falar, para dicir, para escoitar, para decidir, para construír. Espazos útiles, vinculantes, nosos. Espazos, moitos e variados espazos. Grandes e pequenos, individuais e colectivos. Espazos comúns e espazos con espazo, abertos, transparentes. Espazos. Sobre todo espazos.