A LEDICIA DE SER PROFESOR (‘CERTEZAS E DÚBIDAS DE FILOSO’)

| 0 comments

Gústame moito o que fago dende hai moitos anos. Non vou dicir a cantidade para non espavorecer ós meus lectores. De seguro que algún dos meus compañeiros, se leran estas verbas, falaría dunha tolemia transitoria ou dun arrepío emocional. Ninguén pode dicir que nalgunha ocasión botara, metaforicamente escribindo, espumallos pola boca ante unha situación difícil no seu traballo. Non quero falar de nomes, pero todos os que nos dedicamos a isto do ensino ten na súa memoria unha morea de apelidos que, un tras outro, ou todos de súpeto, foran capaces de facerche asinar a xubilación anticipada se fora posíbel. Montoro Deus mediante. Pero iso hai que esquecelo. Non podemos deixarnos caer no desencanto. E certo é que eu loito moitísimo. Como dicía ó principio, pétame unha barbaridade o traballo da aula. Os papeis, non. Inda que hai que aturalos. Cando pecho a porta da miña aula, cos meus alumnos dentro, son feliz. Sinto que medra no meu interior un pulo de vida que me transmite o adolescente. E son feliz cunha explicación sobre a subordinación ou coa lectura dramatizada dunha obra do noso teatro. Que hai rapaces que che queren enfastiar a clase? De certo que si. Todos sufrímolos ano tras ano. Pero quero pensar que son unha minoría. E así o vexo. Desfruto coa evolución dun rapaz, dende a súa torpeza inicial ata o seu desenvolvemento cando chega os exames finais. Que hai rapaces que non o conseguen? Certo! Pero algún día o farán. Sempre hai que pensar que o home é progreso e sabedoría. A maioría está expectante no comezo de curso para veren se este profesor e quen de ensinarnos algunha cousiña. E remato xuño esgotado. Pero xa nos primeiros días de agosto sinto no meu peito un desexo de que chegue o que está por vir. O vindeiro curso terei varios retos. Darei clase de Lingua a grupos diversos e desemellantes. Algúns rapaces altos coma esparaváns, outros inda coma taponciños. Xa medrarán! Nestes intres teño compañeiros que me guasapean manifestándome un noxo do tamaño dun obelisco porque estamos xa no remate deste curso e xa falo do vindeiro. Cando eu lles digo que estou feliz de que chegue setembro, dinme que non me entenden. Iso é porque non tes outra cousa que facer. Se non deixo de facer cousas en vacacións!!! Estou máis ocupado que durante o curso. O que pasa é que eu son feliz co meu traballo. Eu non teño inda o síndrome do profesor queimado, anque camiño algo codecho. Esa diagnose non regulamentada que é coma unha pexa no labor diarios dos docentes. E desexo que non me chegue endexamais. O nariz meu non fala deste xeito? Xa falaremos. O día que non entre cun sorriso nos beizos na aula, ese día, será o principio do meu final. Meigas fóra!!! Unha aperta e grazas por me ler.

filoso@filoso.gal

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.