HONRADEZ (DE ‘TOLO POR TI’)

| 0 comments

Hoxe o noso home levántase esporeado pola diatriba dun coñecido locutor en contra da corrupción xeneralizada que arrasa o noso vello e querido país. O seu almorzo é un acto de reconciliación coa sociedade. Pensa que só son uns poucos os que meten a man na caixa pública ou privada, que só son uns poucos os que desvían euros cara a contas en Andorra ou os que usan de modo obsceno os chamados cartóns opacos. O noso home dúchase coa decisión do que se cre portador dunha ilusión colectiva que renacerá, como o ave fénix, de entre as entrañas dun mundo socavado por unha ringleira de corruptelas e vicios endogámicos. O noso home ten fe no home da rúa, no home que, día a día, logra que este país progrese e non se mergulle nun vitriólico e corrosivo cosmos de putrefactas pústulas de podremia moral. Vístese coa ilusión de poñerse un traxe novo, un traxe que os corruptos non serán capaces de recoñecer, pois o suborno e a malversación serán habitantes dunha sociedade pertencente xa a un pasado irreverente. Fala coa familia, comenta a nova situación e se alonga nunha disertación máis que optimista sobre os novos valores duns homes e mulleres que pelexan día e noite por vivir decentemente. Prepara os apeiros de traballo. O seu optimismo é case procaz. A integridade e a rectitude de comportamento conságranse como vitais nunha mentalidade que el vaticina conquistadora dun reto que en anos considerara inalcanzable. A catarse social causa receo e levanta suspicacias nos dubidosos, nos que aínda teñen as mans emporcalladas dunha sucidade groseira que só perseguiu a mala acción e a porcallada dunha ética alcatreante. Sae á rúa con paso presto, mirada franca e xesto substancioso. Esta é a nosa, a dos que pensamos que este mundo si ten arranxo, que na nosa sociedade aínda quedan seres honrados e que a cadea de depravación moral foi cortada por unha nutricia máxima: honradez. Para celebralo decide entrar nunha concorrida cafetería. Pide un café na barra. Á súa dereita un home impecablemente traxeado degusta outro café cunha torrada. Se alisa o pelo. Engominado e cun mareante aroma a colonia de Hugo Boss, le un xornal económico mentres, minuciosamente, colócase os xemelgos que loce con gallardía refinada. Límpase a comisura dos beizos cun pano de papel e saca da carteira un billete de cinco euros. Entrégallo ao camareiro coa présa do que está moi atarefado. Esíxelle con viveza que lle entregue xa as voltas. O traballador faino con certo comedimento e desdén. Obsérvase no seu rostro o cansazo dunha profesión durísima. Son as voltas de vinte euros. Colle todo. O noso home mírao expectante e en alerta emocional. Espera que chiste e manifeste o seu erro. É o decente. O noso home quere crer nel. Os dous míranse durante dez segundos interminables. Pugna nun ficticio cuadrilátero entre a integridade e un vicio depravado sen sentido. O noso home esíxelle coa mirada: se honrado! O exemplo de elegancia e fachenda dúbida, mira á súa esquerda, non hai ninguén, ruborízase levemente, estírase con delicadeza case decimonónica o chaleco, gárdase o diñeiro e despídese do camareiro cun ata outro día categórico e case señorial. O asalariado de detrás da barra, alleo ao seu craso erro e orgulloso polo detalle, dille ao noso home: Aí onde o ve ten a un futuro dirixente do noso país!!! Si. Fágame caso. Neste traballo vense e escóitanse moitas cousas. O noso home dubida se dicirlle a verdade do ocorrido. Cre que debería. Así o realiza. Non. Tranquilo. Nunca me equivoquei. Así nos vai, pensa o noso home. Uns por outros e a casa sen varrermos.

filoso@filoso.gal

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.