O BAUPRÉS FERROLÁN

| 0 comments

Vivía nunha aldeíña perdida da comarca compostelá. Era o crego con máis sona que Deus puxo na terra. Arre, demo!!! Aí vén o Trespés, dicían os rapaces da parroquia cando o vían camiñar dun xeito moi desacompasado polas corredoiras da aldea cara algunha casa dalgún veciño enfermo. E non porque el fixera cousas rechamantes. Non. Era un home moi apoucado e falaba o xusto. Na taberna, en horas de recoñecido consumo de viño, falaban da mula do crego e botaban a rir mentres coas mans facían obscenos acenos, que eran reprendidos pola muller do taberneiro. Non entendo por que facedes eses xestos cando falades da mula do cura. Hai moito tempo que a vendera, dicía a muller cunha cara de absoluta inxenuidade. As gargalladas aínda eran máis escandalosas. É que nunca viches o que ve todo o mundo? E simulaban unha trompa de elefante. Máis gargalladas. Nado en Ferrol hai uns cantos anos, xa dende pequeno a nai viu unha cousa que ía ser a pelexa dalgunhas mulleres. Dicía isto ela sen entender que ese era un comentario cun certo matiz machista. Na escola, era a envexa de moitos compañeiros. Toureiro, dicíanlle algúns cando o vían camiñar pola clase porque era chamado pola profesora para corrixir o caderno. Esta reprendíano severamente: dille a túa nai que che merque uns pantalóns largos, que os cortos… teñen máis ventilación que o escote da Gumersinda. Unha compañeira do rapaz chegou abraiada un día a casa despois de estar todos no río no día de máis calor do verán. No xantar comentou que o seu amigo tiña un lunar grandísimo na ventrecha. O irmán maior deulle unha topada e comezou a falar dun niño que acabara de descubrir no tellado da casa. Filla, que dicías?, espetoulle o pai. Que ten un lunar grandísimo aquí e volveu sinalar coa man a entreperna. A nai mandara calar a todos: a comerdes e punto. Non fala ninguén máis. Co tempo, cando xa era un pouco picareira, alguén amosoulle o verdadeiro lunar do seu amigo e case lle da un paratrás. Os amigos do rapaz non entendían que quixera ser cura. Con esa ferramenta eu sería o amo da comarca. Ademais, como lle di miña nai ó meu pai, e pensa que non entendo nadiña, sempre estás nas doce en punto, carallo. Descansa un pouquiño, home, descansa un pouquiño, que tanto empalleirar non debe ser bo. Pero o somier seguía cantando toda a noite. O rapaz era moi bo e sempre dicía o mesmo: quero ser a man de Deus nesta comarca. E un amigo moi asisado rosmáballe polo baixo: carallo teso non cre en Deus!!! E botaban a rir mentres intentaba gañar por primeira vez ó seu amigo nunha carreira de mexaduras. No seminario sempre quixo pasar desapercibido, pero iso era imposible. Cando a primeira noite quedou en calzóns, o máis xactancioso do grupo díxolle que quitara os calcetíns de , que diante das rapazas podía presumir o que quixera, pero que a el non o enganaba endexamais. Non espertes á cóbrega, amigho, non espertes á cóbrega, que dende aí déixache torto. Pero era tan testán que ata que non asumiu o papel de Santo Tomás non parou. O certo é que estivo tres noites cuns pesadelos terribles. Os sermóns era a parte da misa que máis lles petaba ás mulleres da aldea. Cando el dicía aquilo de que o baile é a manifestación vertical dun desexo horizontal, á alcaldesa dáballe un arrepío que lle percorría todo o espiñazo. Xamais se soubo ben a razón, pero os máis linguateiros falaban de que tan egrexia muller soñaba acotío cunha baila ben agarradiña co señor cura. Despois… xa farei eu obras de caridade, dicían que a atoparon falando en voz alta unha noite cunha terrible quentadela febril. Ela sempre o negara. Daquela os seguintes versos inmortalizáronse no día da patroa: Eu quixen ver o paxaro, / el non mo quixo amosar, / chorara os sete mares, / i el mandoume a rezar. Din que sempre que os escoitaba a alcaldesa facía con gran maxestosidade o sinal da cruz ás veces que sorría picaronamente. Conseguireino, dicía polo baixo e pechaba o puño con forza.

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.