O TECLADO PREDICTIVO

| 0 comments

Tódolos que guasapeamos ou usamos o móbil para escribir diferentes cousas sabemos do que estou a falar. Ese maldito teclado que che corrixe o que escribes sen o menor pudor. A anécdota que vou relatar nesta entrada é verídica cento por cento. Teño unha amiga, moi boa amiga, que tamén se dedica ó ensino. Ela, no público. Temos unha relación estreita no laboral. Falamos moito, cambiamos  impresións, e prestámonos apuntes do que sexa, ben Lingua, ben Literatura. Para iso estamos os amigos e os vellos compañeiros de mil batallas na aula, coméntame ela. As relacións túrbianse un pouquiño cando xorde o tema do ensino concertado. Xa falaremos disto noutra entrada. Ela, ademais de ensinar, escribe, investiga e participa en calquera foro que teña como tema principal a educación. Nesta tesitura, un día escribiume un guasap no que respiraba intranquilidade e un abafo extremos. Díxome que tiña que dar una conferencia sobre educación, pero baixo o prisma do alumno, do estudante. E ti choras por iso?, díxenlle eu. Levas, muller, preto de trinta anos pelexando na aula con todo tipo de rapaces. Coñeces moi ben os diferentes caracteres que se manifestan nunha clase calquera. Pero queren que me converta nun adolescente superdotado e que faga una visión ‘clasista’, creo, do fracaso escolar. E iso non é o meu. A persoa que me encargara dita conferencia non sabe do fracaso escolar, nin do TDAH, nin de que existen rapaces que non queren estudar, pero que deben manterse escolarizados. Pero, muller, ti podes con todo. Utilízao para expresarlles as túas ideas sobre o ensino. Es unha muller cunha dilatada experiencia na cousa pública, como di ela. Coñeces polo miúdo o que pensan os diferentes adolescentes que tes diante un día si e outro tamén. O peor non é o tema. O peor é que o auditorio son rapaces dun instituto que ten un 70% de fracaso escolar. Certo que la conversa guasapera foi en castelán. Eu estaba convencido do éxito da proba que ía pasar a miña amiga en dous días. Faleille dalgunhas circunstancias que eu vira ó longo da miña experiencia. E como vía que non daba xeito de tranquilizala, decidín rematar a conversa cunha frase letal e conciliadora do que eu quería transmitirlle. Escoita, muller, todo vaiche saír perfectamente porque ti es una muller moi caliente e experta na cousa púbica. Cómo?, díxome ela. Estás seguro do que estás dicíndome. Claro que si. Plenamente convencido. Por favor, José María, rele o que acabas de escribir e pensa un pouco. Cando vin o que tiña o guasap escrito pensei que debería chimpar pola fiestra. Rematamos a conversa cunhas gargalladas ben sonoras e unha morea de emoticóns. Bo, ela, que eu padezo de emoticonofobia. Malfadado teclado predictivo!!!

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.