TI NON ES ESCRITOR

| 0 comments

Onte estiven a falar co meu alter ego. Foi unha conversa moi dura, pois el comezara xa cunha frase ferinte: Ti non es escritor. E por qué? Non hai escritor se non hai recoñecemento público. Mentira, dixen eu removéndome no meu asento. A ti quen te coñece? De ti quen fala? Contesta. Deixa a cervexa e contesta. O outro día morrera un coñecido autor e na prensa galega correron coma  chegabéns pola súa escrita. Queres que morra para ver se falan de min? Tranquilo, que de ti non falaría nin quen ten a voz do mudo. Que historia creaches ti? Teño varios libros publicados e varios no meu ordenador esperando o momento oportuno. O  único que fas ti é unha serie de artigos, que ti tes a ousadía de chamar textos literarios. Son farrapos que un escritor calquera baleiraría na súa papeleira de reciclaxe sen o menor xesto de desencanto. Xa o fixen más dunha vez. Seguro? Inda así, a min gústanme moito, porque o que eu quero é escribir unas pequerrechas historias que alguén, na súa soidade, lea con certo interese nun intre. E o teu editor que di? Ha. Perdón, que ti non tes diso. Certo que me falta o gran libro que me catapulte á fama. Non a lograrás anque vivas, como os gatos, sete vidas. Nin o procuro. Ha. De verdade. Confórmome polo de agora con mis poucos lectores. Ó mellor non son tan poucos. Nin cheo de viño o cres. Se non paras de buscar no Correo Gallego, en outras firmas máis recoñecidas, que alguén te comente ou te cite. Gardas silencio. Logo é verdade. Queres que o teus lectores saiban o que podes chegar a facer por un comentario de calquera ‘escritor’ do teu xornal? E xa non digamos se entraran con asiduidade en calquera dos teus blogues. Voaron no espazo informático. Queres? Outra vez gardas silencio. José María, vas por mal camiño. Es un refugallo pretensioso. Canto antes saibas o tu sitio neste mundo das letras, menos ansiedade literaria terás. Si eu sei que hai tres tipos de escritores: os autores das grandes obras, sexan coñecidos ou non, os autores de miudezas literarias que pelexan pola palabra coma titáns e aqueles que inda non escribiron nada. Esa clasificación é tan ridícula coma a túa vida de escritor. Xa estás cabreado, e logo dis que aceptas calquera crítica. Queres seguir dándome pau tras pau? Collinlle o gusta á cousa. E xa non falemos do teu galego. Non é galego nin é nada que se lle asemelle. Lembras o galego da aldea na que ti veraneaches tantos anos? Como vou esquecer o galego de Bertamiráns! Téñoo presente sempre. Pois o teu e aquel parécense coma un ovo a unha castaña. Vaia castelanismo! Parece que escribes cun dicionario na túa beira. E iso é malo? Non. Pero deixa que a túa man flúa sen arquetipos oficialistas. Non ves que o galego de hoxe é o galego que queren en San Caetano e arredores, non é o galego da aldea. E quedan aldeas? Boa pregunta, José María. É moi difícil escribir aquel galego. Xa non existe. Os rapaces que falan galego fano segundo o que estudian nas gramáticas e nos libros de texto. E moitos destes últimos baixo as directrices da consellería correspondente. Non tes nin idea da problemática do galego. Nin idea. Xa o sei. Mellor que por aí non sigas. E o teu galego está a anos luz dos lusistas. Xa o sei. Non pretendo escribir como eles. Eu son máis do galego de seu. Non da fusión cos portugueses. Pois o tes claro. Na indefinición non se pode vivir hoxe en día. Non creo que sexa tan difícil. Xa. Xa. Xa. E agora dirasme aquilo de que ti non escribes nin de sociopolítica, nin de relixión nin de fútbol. Que prosmeiro es, amighiño. Mais é a verdade. Non quero escribir deses temas. Estou a facer memoria. Na túa época de O Correo Galego e Galicia-Hoxe algún escribiches. Non carraspexes. Velo. Antes cóllese a un mentireiro que a un coxo. E este castelanismo teu que? Ti si podes castrapear i eu non. O certo é que o teu galego é abondo de artificial. Pois galegos que me leron en tempos pasados falan moi ben do meu galego. Son deses que queren quedar ben con todo o mundo. Escoita a voz de verdadeiros persoeiros do galego. Arrepían dos teus escritos. Cada vez que ven o teu nome baixo un texto en galego rosman por todos os  recantos berrando o que non está nos escritos. E os meus seguidores deste blogue en galego? Neste mundo ten que haber de todo, José María. Es un irrespectuoso. Xa non quero falar máis contigo. Polos meus seguidores do meu blogue son capaz de facer calquera cousa. Son o mellor que teño. E ti estás un pouquiño celoso. Cada vez estás máis afastado da realidade. Quen dixo esta derradeira frase. José María? O seu alter ego? Non cho sei.

Author: José María Máiz Togores

Profesor e escritor. O primeiro, de seguro. O segundo, iso creo.

Deja un comentario

Required fields are marked *.