Cando aos 21 anos Alejandro Magno visitou, digamos, Tebas, matou a dez mil tebanos, fixo escravos a outros trinta mil e arrasou a cidade ata os cimentos, pero decidiu perdoar a casa e a familia do poeta Píndaro. Ler, definitivamente, fainos mellores.
Resposta de Zsá Zsá Gabor a quen lle preguntaba cantos maridos tivera: “Vostede quere dicir, cantos aparte do meu?”.
Sobre o heroísmo de verdade: durante a Segunda Guerra Mundial, todos os soldados dun destacamento soviético resistiron varios días de continuos ataques alemáns calzando zapatos do pé esquerdo nos dous pés, porque os zapatos do pé dereito remataran, por un erro burocrático, na outra punta de Rusia.
O actor William Rushton, entre outros seres reflexivos e anónimos, atopou a maneira máis fácil de deixar de fumar para sempre. O método, aplicado por min mesmo con notable éxito no seu día, consiste en deixar de poñer pitillos na boca. Se isto non se consegue, basta con evitar acender os que se poñan.
Sería estupendo, por outra parte, que ao final os muíños fosen xigantes, e non muíños.















